Micropterus nigricans é unha especie de peixe de auga doce carnívoro da familia Centrarchidae, nativo do leste e centro dos Estados Unidos, sur do Canadá e norte de México.

A especie foi descrita por primeira vez polo naturalista francés Georges Cuvier en 1828 e nos Estados Unidos recibe agora o nome de largemouth bass (~'perca de boca grande'). O chamado Florida bass (~'perca da Florida', hoxe M. salmoides) era considerado antes unha subespecie súa, pero agora está clasificado separado como especie propia despois dun estudo recente que concluíu que o nome científico correcto para o Florida bass é Micropterus salmoides, mentres que para o largemouth bass é Micropterus nigricans. É a especie máis grande do grupo dos black basses, cunha lonxitude máxima rexistrada de 75 cm e un peso non oficial de 11,4 kg.

Esta especie é o peixe oficial dos estados de Xeorxia e Mississippi, peixe de auga doce estatal de Alabama e, cando se consideraba da mesma especie que o Florida bass, do estado da Florida. É moi aprezado na pesca depotiva con cana pola vigorosa resistencia que ofrece cando o capturan, e foi introducido en moitas rexións debido á súa popularidade na pesca e tolerancia aos regatos urbanos. Porén, converteuse en especie invasora nalgunhas áreas, causando o declive, desprazamento ou extinción de especies nativas por predación e competencia.

Taxonomía Esta especie foi descrita formalmente co nome de Labrus salmoides en 1802 polo naturalista francés Bernard Germain de Lacépède que deu como localidade tipo as Carolinas. Despois chamóuselle Micropterus salmoides. Lacépède baseou a súa descrición nunha ilustración dun espécime recollido por Louis Bosc preto de Charleston, Carolina do Sur. Porén, recentes estudos filoxenómicos, situaron a localidade tipo dada por Lacépède dentro do rango do Florida bass (hoxe M. salmoides) e fóra da do largemouth bass (hoxe M. nigricans). Este estudo concluíu que o nome de Lacépède, M. salmoides é o nome binomial correcto para o Florida bass e que o nome binomial máis antigo dispoñible para o largemouth bass é o nome creado por Cuvier Huro nigricans (hoxe cambiado a M. nigricans), o cal ten como localidade tipo o lago Huron, que está dentro do rango do largemouth bass. En resumo, o Florida bass e o largemouth bass clasificábanse antes na mesma especie co nome M. salmoides, pero agora separáronse as especies e a especie máis meridional, Florida bass, quedou co nome orixinal M. salmoides, e a especie máis setentrional, largemouth bass, recibiu o nome de M. nigricans.

Descrición

É un peixe de cor verde oliva a gris verdoso, marcado por unha serie de manchas escuras ás veces negras formando unha banda serrada horizontal nos flancos. A mandíbula superior (maxila) esténdese alén da marxe posterior da órbita do ollo.

É o maior dos black basses, chegando a unha lonxitude máxima rexistrada de 75 cm e un peso máximo non oficial de 11,4 kg. Hai dimorfismo sexual, xa que a femia é meirande que o macho.

Prefiren hábitats con abundante vexetación litoral e xeralmente manteñen un territorio para habitar relativamente pequeno en lagos. Teñen unha vida media de 10 a 16 anos na natureza.

Alimentación

Os individuos xoves comen principalmente pequenos peixes, anfípodos Gammarus, pulgas de auga, copépodos, pequenos camaróns e insectos. Os adultos comen peixes pequenos (Lepomis macrochirus, Fundulus diaphanus, Leuciscinae, xoves basses), alósidos, vermes, caracois, cangrexos de río, ras, cobras e píntegas. En lagos máis grandes e encoros, os adultos ocupan augas algo máis profundas que os xoves, e cambian a unha dieta consistente case enteiramente en peixes pequenos como os alósidos, Perca flavescens, Coregonus, Catostomidae, diversos Cyprinidae, Atherinopsidae, e outros Centrarchidae (como o Lepomis macrochirus e o Lepomis cyanellus). Tamén comen xoves de especies de peixes máis grandes, como siluriformes, troitas, Sander vitreus, Morone chrysops, Morone saxatilis, e mesmo black basses máis pequenos. Entre as especies de cangrexos de río que comen están Faxonius difficilis, F. harrisonii, F. hartfieldi e Procambarus clarkii. As presas que come poden ter ata o 50 % da lonxitude do seu corpo.

Os estudos da utilización de presas por este peixe mostran que en augas con vexetación, crecen máis devagar debido á dificultade de conseguir presas. Unha menor cuberta de vexetación permite que atope máis facilmente e capture a presa, mais estas consisten en peixes pequenos de augas abertas. Con pouca ou ningunha cuberta de vexetación, poden devastar as poboacións de presas e acaban por pasar fame ou quedar atofiados. Os xestores das zonas de pesca deben considerar estes factores cando deseñan as regulacións para corpos de auga específicos. En zonas cubertas pola parte alta, como ribeiras con árbores que dan sombra ao río, arbustos, ou estruturas mergulladas, como leitos de vexetación, puntas, lombas, cristas e taludes no río, o peixe usa os seus sentidos para oír, ver, sentir vibracións, e cheirar para atacar e atrapar as súas presas. Os adultos son xeralmente superpredadores no seu hábitat, pero tamén eles son as presas de moitos animais cando son xoves, como garza azulada, basses máis grandes, lucios, Sander vitreus, Esox masquinongy, Perca flavescens, Ictalurus punctatus, as serpes de auga Nerodia sipedon, peixes Pomoxis, carpa común e Anguilla rostrata. Múltiples especies de picapeixes, abetouros, e outras garzas aliméntanse tamén deste peixe.Micropterus salmoides summary page. (n.d.). FishBase. https://www.fishbase.se/summary/Micropterus-salmoides Tanto xoves coma adultos son atacados polos pigargos de cabeza branca Haliaeetus leucocephalus.

Na rexión dos Grandes Lagos, Micropterus nigricans, xunto con moitas outras especies de peixes nativos, depredan a especie invasora de gobio Neogobius melanostomus. Restos dese peixe foron atopados dentro do estómago do M. nigricans frecuentemente. Este hábito de alimentación pode afectar o ecosistema positivamente, pero deben facerse máis investigacións para verificalo. É ilegal usar ou posuír Neogobius melanostomus vivos como isco na rexión dos Grandes Lagos.

Desova miniatura|Vista lateral Chegan á madureza sexual e empezan a desovar cando teñen aproximadamente un ano de idade. A desova ten lugar na primavera cando a temperatura da auga empeza a estar de forma continua por riba dos 16 °C durante un certo período de tempo. Na rexión norte dos Estados Unidos e no Canadá, isto adoita ocorrer desde finais de abril a inicios de xuño. Nos estados do sur, onde viven os exemplares máis grandes e sans, este proceso pode empezar en marzo e xeralmente acaba en xuño. Os machos forman os niños movendo restos do fondo do corpo de auga usando a cola. Estes niños adoitan ter o dobre da lonxitude do macho, aínda que isto pode variar. Prefiren fondos de area, lama ou grava, pero tamén usan fondos rochosos ou con vexetación onde hai protección para o niño, como raíces e ramiñas. Despois de acabaren o niño, os machos nadan preto do niño buscando unha femia para aparearse. Cando a atopan, ambos nadan arredor do niño xuntos, xirando os seus corpos para que os ovos e espermatozoides que liberan se poña en contacto ao caeren sobre o niño. Normalmente desovan dúas veces cada primavera, e algúns tres ou catro veces, aínda que isto non é o común. O macho despois garda o niño ata que os ovos fan eclosión, o cal tarda uns dous a catro días no sur dos Estados Unidos e norte de México, e algo menos na parte norte do seu rango nativo. Finalmente, dependendo da temperatura da auga, o macho permanece no niño ata que as crías están listas para marchar nadando pola súa conta unhas dúas semanas despois da eclosión. Despois disto, o macho, a femia e as crías cambian a un modo máis de verán, no cal se dedican máis a alimentarse.

Pesca con cana miniatura|120px|upright|Un exemplar pescado en Minesota. miniatura|esquerda|Un exemplar pescado en Nova Jersey.

É un peixe moi buscado polos pescadores de cana e son famosos polo excitante que é a súa "loita" no anzó, na que presentan unha resistencia vigorosa a ser izados ao bote ou a terra. Ás veces ao peixe queda no aire nos seus esforzos por tirar da liña, pero moitos din que a súa especie curmá, o Micropterus dolomieu, é aínda máis agresiva. Os pescadores de cana na maior parte dos casos pescan o M. nigricans con engados como os Spinnerbait, vermes de plástico (e outros iscos de plástico), anzós, crankbait, e isco vivo, como vermes ou peixes leuciscinos. Unha tendencia recente é o uso de grandes swimbaits (engados que imitan a natación) para pescar exemplares de trofeo que adoitan alimentarse de crías de troita arco da vella en California. A pesca con mosca pode facerse usando tanto engados topwater coma vermes de imitación atados con materiais naturais ou sintéticos. Outros iscos vivos, como ras ou cangrexos de río, poden ser tamén produtivos. Os peixes Notemigonus crysoleucas son un isco popular usado para capturar exemplares grandes, especialmente cando están preguiceiros na calor do verán ou no frío do inverno. Normalmente o peixe frecuenta as áreas grandes con vexetación e outras coberturas en augas pouco profundas. Estes peixes son moi capaces de sobrevivir nunha ampla variedade de climas e augas. Son quizais un dos peixes de auga doce máis tolerante do mundo.

O récord mundial para esta especie da IGFA compárteo un exemplar capturado no lago Biwa do Xapón en 2009 que pesou 10,12 kg, xunto con outro capturado en 1932 no lago Montgomery de Xeorxia, Estados Unidos, que pesou 10,09 kg. Este récord considérase compatido entre esas dúas capturas porque a IGFA só establece un novo mellor rexistro se o novo supera ao vello en polo menos uns 60 g (2 onzas).

Especie invasora Esta especie foi introducida en moitas outras rexións e países debido á súa popularidade na pesca deportiva e á súa tolerancia polos ambientes urbanos. Tamén se introduciu en Galicia. Causa o declive, desprazamento ou extinción de especies no seu novo hábitat por causa da predación e a competencia, por exemplo en Namibia. Son tamén especies invasoras na provincia canadense de Nova Brunswick, e están na lista de especies a vixiar en gran parte do norte dos Estados Unidos e no Canadá. En augas frías, este peixe adoita ser perigoso para as crías de peixes nativos como o salmón e a troita. Tamén foi culpado da extinción do Podilymbus gigas, unha gran ave acuática que antes habitaba o lago Atitlán de Guatemala. En 2011, atopouse que en regatos e ríos da Península Ibérica, os exemplares novos de M. nigricans exhibían plasticidade trófica, o que significa que podían axustar os seus hábitos alimenticios para obteren a cantidade necesaria de enerxía para sobrevivir. Isto permítelles ter moito éxito como especie invasora en redes tróficas acuáticas relativamente estables. De xeito similar, un estudo feito no Xapón mostrou que a introdución de M. nigricans e Lepomis macrochirus en lagoas granxa causara un incremento do número de organismos bentónicos, como resultado da predación que facían sobre os peixes, crustáceos e ninfas de odonatos. O M. nigricans causou fortes diminucións en poboacións de peixes nativos no Xapón desde 1996, especialmente dos Rhodeus no lago Izunuma-Uchinuma.

Conservación