Ali Akbar Khan (en ), alcumes: Khansahib ou Ustad; nado en Shibpur, na localidade de Comilla, Bengala Oriental (actual Bangladesh), o 14 de abril de 1922 e finado en San Anselmo, California o 18 de xuño de 2009, doente dunha enfermidade renal, foi un compositor de música clásica hindustana bengalí. Histórico intérprete e mestre (Mo.) do sarod, un instrumento de corda utilizado na música do norte da India. Khan foi quen deu a coñecer o sarod nos Estados Unidos. O seu primeiro acto público celebrouno en Allahabad cando tiña trece anos.

Traxectoria Ali Akbar Khan foi o único fillo de Allauddin Khan, un músico lendario que revolucionou a música instrumental india e formou a algúns dos músicos máis recoñecidos da India, incluídos o seu fillo e Ravi Shankar. A súa formación foi extremadamente rigorosa e ás veces tivo que chegar a practicar até 18 horas ao día. O seu debut en concerto na Conferencia de Música de Toda a India en Allahabad en 1939 abriu un novo capítulo na música instrumental india ao redefinir a forma de tocar o sarod. Foi recoñecido tanto como un clásico consumado como un innovador do sarod, un laúde de 25 cordas cha e pé de pel. "Será lembrado como o mestre máis influente deste instrumento" de acordo ao lobby diplomático, The Global Indian.

En 1943 converteuse en músico da corte do Maharaxa de Jodhpur. En 1945 realizou as súas primeiras gravacións discográficas para HMV.

Recibiu todos os premios musicais máis importantes da India e estaba considerado un "tesouro nacional". Nos EE. UU. foi honrado co "Premio á Xenialidade" MacArthur e coa Bolsa do Patrimonio Nacional (National Heritage Fellowship), que lle foi entregada por Hillary Clinton na Casa Branca en 1997.

Khansahib abriu a primeira Ali Akbar College of Music en Calcuta en 1956. Despois, coa grande onda de interese pola música india en Occidente, abriu a súa escola en San Rafael, California, en 1967, onde ensinou durante os seguintes 42 anos. Formou a miles de estudantes de Occidente e da India neste instituto.

Nunha estancia europea en Basilea, en Suíza durante 1985 inaugurou a Ali Akbar College of Music – Suíza, dirixida polo seu discípulo Ken Zuckerman, e levou a cabo seminarios anuais que atraeron a estudantes de toda Europa. Aínda que os problemas de saúde lle impediron volver a Basilea despois do 2003, a Escola segue a promover o seu traballo con clases continuas e seminarios anuais.

En 2005, con motivo do 20 aniversario da Ali Akbar College en Basilea, escribiu: "Hai moitos anos, o meu pai encomendoume a misión de espallar esta música 'ata onde brillen o sol e a lúa'. Este foi o traballo da miña vida e non quero que morra. É de suma importancia que os meus estudantes e discípulos máis próximos, como Ken, continúen este traballo no futuro. Por iso, pídovos a todos que lle ofrezades os vosos bos desexos e apoio para continuar esta misión, de xeito que a gran tradición da música clásica india poida transmitirse ás futuras xeracións. Tamén me gustaría agradecer á cidade de Basilea e á Academia de Música de Basilea toda a súa axuda e apoio durante os últimos 20 anos. Sinto que sempre me recibiron con agrado en Basilea e teño moitas lembranzas gratas das miñas visitas aquí."

Os Seminarios Anuais atraen regularmente a ata oitenta estudantes de máis de dez países. Os seminarios están abertos a todos os estudantes, dende o nivel iniciante ao avanzado, e ofrécese instrución en sitar, sarod, tabla, canto, teoría e historia. Os seminarios con Ali Akbar Khan e Swapan Chaudhuri ofreceron unha oportunidade única para que os estudantes traballasen con dous dos intérpretes e profesores máis recoñecidos da India.

A Ali Akbar College convida regularmente a algúns dos mellores músicos da India para impartir seminarios e obradoiros. Ao longo dos anos, algúns dos conferenciantes invitados foron Lakshmi Shankar, Alla Rakha, Zakir Hussain, Hariprasad Chaurasia, Sultan Khan, Pandit Jasraj, Prof. George Ruckert, Sankar P. Chowdhury e os Irmáns Gundecha.

A Ali Akbar College foi obxecto dun documental de 1 hora de duración producido pola Televisión Suíza-Italiana, titulado Il Filo d'Oro: Ali Akbar Khan – La Strada Del Suono (O fío de ouro: Ali Akbar Khan – a estrada do son), dirixido por Werner Weick. O filme, que recibiu grandes eloxios por parte da crítica, ofrece un retrato de preto de Ali Akbar Khan, dende a súa primeira infancia baixo a tutela do seu pai, ata os seus últimos anos de traballo en Basilea como profesor e en concertos. Ademais, o popular seminario "Tabla para Nenos" da Escola foi destacado no programa de televisión infantil de DRS 2 "KIDZ".

Khan compuxo as bandas sonoras de varias películas bengalís, entre elas "Devi", do célebre director indio Satyajit Ray. En 1989 o Goberno indio premiouno co "Padma Bhushan" (Ornamento de Loto), un dos máximos galardóns civís que se conceden no xigante asiático. Khan deixou once fillos, froito de tres matrimonios.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas "Rajashik - The Majesty Of Wisdom" canción en trío de John Handy, Ali Akbar Khan e o Dr. L. Subramaniam, en youtube

Categoría:Personalidades da música de Bangladesh Categoría:Nados en 1922 Categoría:Finados en 2009