Dávid Kollár, nado en Prešov (Eslovaquia) o 25 de outubro de 1983, é un guitarrista experimental, deseñador sonoro e compositor de música cinematográfica.
Traxectoria Comeza a profesionalizarse como guitarrista entre 2005 e 2009 como alumno de Andrej Šeban, recoñecido músico de jazz fusión no país. En 2005 acadou co seu grupo David Kollar Band o premio á mellor interpretación instrumental no concurso Nové tváre slovenského jazzu (Novas Caras do Jazz Eslovaco). Co grupo realizou decenas de concertos por Eslovaquia e Europa.
Dende 2009 é membro do David Kollar International Project, que fundou xunto a dous músicos de Budapest: Adam Marko e Gergo Baranyi. O grupo actuou con éxito en festivais europeos en Atenas, Belgrado, Cracovia, Gliwice, Londres, Berlín e outras cidades. En decembro de 2009, o grupo publicou unha gravación dun concerto baixo o título "One Night in Budapest".
En 2020 Kollar uniuse ao trompetista e improvisador noruegués Arve Henriksen (Supersilent) para lanzar un novo álbum en colaboración, titulado "A Sense of Destiny".
Segundo o texto de presentación escrito por Adam Baruch de Jazz Forum, "co tempo, David e Arve conseguiron crear unha linguaxe sonora propia, que se reflicte marabillosamente nesta gravación. Vai moito máis alá da música, e podería describirse moi ben como pintura sonora, escultura sonora ou, incluso, baile sonoro, co seu concepto de medios integrados (...)".
Especificamente, Kollar encargouse das guitarras, o piano e os tratamentos electrónicos, mentres que Henriksen da trompeta, o clarinete, a voz, o sintetizador e os tratamentos electrónicos. O disco foi gravado entre 2021 e 2022 nos estudios Mystery Stable en Prešov, Eslovaquia, e no estudio de Henriksen en Mølnlycke, Suecia.
Nos seus traballos para o cine destacan as colaboracións co director eslovaco Peter Bebjak, como en "Oteckovia", serie de televisión do ano 2022, e "Správa" (drama estreado en cines no ano 2020).
Notas
Véxase tamén Reflections - David Kollar (video oficial).
Categoría:Guitarristas de Eslovaquia Categoría:Nados en 1983