Grupo Ático é un grupo corporativo que engloba os sucesivos selos editoriais promovidos polos responsables da editorial Ático de los Libros. O seu catálogo inclúe novela, ensaio, historia e diversos subxéneros da narrativa popular, así como literatura xuvenil e obras de non ficción.
Historia A editorial Ático de los Libros foi fundada no ano 2010 en Barcelona por Joan Eloi Roca e Claudia Casanova, quen seguiran diferentes traxectorias no mundo da edición. A boa acollida daquel primeiro proxecto levaríaos axiña á creación dos selos que actualmente conforman o Grupo Ático: Ático de los Libros, Principal de los Libros, Oz Editorial, Kitsune Books e Odisea Ediciones.
Catálogo A obra inaugural do catálogo de Ático de los Libros foi Leviatán o la ballena (2010), de Philip Hoare. Algúns dos autores máis destacados da editorial son Tom Holland, que recibiu o Premio Runciman por Fuego persa (2019) e o Premio Heslel-Tilltman de Historia por Rubicón: auge y caída de la república romana (2020), e a estadounidense Delia Owens, autora do best-séller La chica salvaje (2019). O crecemento do fondo motivou a distribución de títulos en nove coleccións: Ático Historia, Ático Tempus, Ático Clásicos, Breves, Bolsillo, Ficción, No Ficción, Audiolibros e Àtic dels Llibres. Esta última colección, en lingua catalá, comezou en 2015 con Fragments d'un discurs amorós, de Roland Barthes, e Curs de filosofia en sis hores i quart, de Witold Gombrowicz, e orientouse á recuperación de obras nunca traducidas ao catalán de autores de renome, como Natalia Ginzburg ou Mark Twain.
Case simultaneamente, coa publicación de Homicidio (2010), do produtor e xornalista David Simon, estrouse a editorial Principal de los Libros; os títulos agrupáronse en doce coleccións. O mesmo David Simon publicou La Esquina (2011), e Oliver Bullough, Moneyland (2019), distinguido como libro do ano por The Times, The Daily Mail e The Economist. Segundo os fundadores, «Ático de los Libros nace coa idea de publicar obras de alta calidade literaria non traducidas antes en España. Principal de los Libros, pola súa banda, ten vocación de chegar a un público máis amplo; é aquí onde teñen cabida autores españois o estranxeiros con boas obras de carácter máis comercial».
Os restantes selos editoriais creados e integrados posteriormente no Grupo Ático presentan esta mesma heteroxeneidade nos seus catálogos. Oz Editorial inclínase pola literatura xuvenil, a narrativa romántica, a fantasía e a ciencia ficción. Entre as súas fichaxes destacan Ben Aaronovitch, artífice da serie Ríos de Londres, e Mary Robinette Kowal, que comezou a saga La Astronauta con Hacia las estrellas (2020). A división Kitsune Books (creada en 2015) prescinde da ficción e oriéntase a temas lixeiros como a música moderna, a moda ou a cociña. Odisea Ediciones (tamén desde 2015) céntrase na narrativa romántica e xuvenil en formato dixital.
Notas
Categoría: Editoriais de Cataluña Categoría:Editoriais de Barcelona