miniatura|Escudo da policía franquista. Policía franquista é un termo xenérico empregado pola historiografía e os medios de comunicación para referirse ás forzas policiais que existiron en España durante a ditadura franquista (1939-1975) e, en ocasións, tamén nos primeiros anos da Transición.

Historia En 1939, mesmo antes do final da guerra civil española coa vitoria do bando sublevado, as forzas de orde pública foron reorganizadas para convertelas nun instrumento eficaz da política represiva. A Garda Civil foi completamente militarizada e pasou a depender do Ministerio do Exército pola Lei de 22 de setembro de 1939. En marzo de 1940 absorbeu o Corpo de Carabineiros e asumiu as súas funcións, sumando entón preto de 60.000 membros. Entre 1944 e 1954 a Garda Civil foi a principal forza de combate contra a guerrilla antifranquista.

En canto á policía, o 5 de xaneiro de 1939, en plena ofensiva de Cataluña, o goberno franquista reunido en Burgos creou o Servizo Nacional de Seguridade, posterior Dirección Xeral de Seguridade (DGS). Este ocuparía o lugar do Servizo de Información e Policía Militar (SIPM) que actuara durante a maior parte da guerra. Ao principio o seu xefe foi o coronel José Ungría Jiménez, director do SIPM. Despois do 23 de setembro, cando se aprobou a organización da DGS en catro grandes comisarías (Fronteiras, Información, Orde Pública e Identificación), pasou a estar encabezada por José Finat y Escrivá de Romaní, conde de Mayalde. A partir da información solicitada durante a guerra por diversos organismos franquistas, a DGS comezou a elaborar un enorme ficheiro de antecedentes político-sociais que en 1944 xa abarcaba uns 3 millóns de persoas fichadas. esquerda|miniatura|Sede da Dirección Xeral de Seguridade na Porta do Sol en Madrid. Foi o centro de torturas máis importante durante o franquismo. A Dirección Xeral de Seguridade (DGS) era o organismo superior do Ministerio da Gobernación encargado de coordinar as accións policiais e a Orde pública. O seu primeiro director xeral, José Finat y Escrivá de Romaní, era «un representante da dereita católica fascistizada que ocupara previamente o cargo de delegado nacional do Servizo de Información e Investigación de FET y de las JONS e moi próximo ao ministro da Gobernación, Ramón Serrano Súñer, cuñado do xeneral Franco».

Dentro da Dirección Xeral de Seguridade, a cuarta sección chamada Antimarxismo encargouse especificamente da represión política. No seu seo existía un departamento de Xudaísmo e outro de Masonaría, á fronte dos cales estaba o policía Eduardo Comín Colomer. Ademais creouse unha Brigada Especial, a cuxo fronte Finat nomeou ao furibundo antisemita Mauricio Carlavilla. Unha das súas misións era controlar os xudeus residentes en España, atendendo así a petición expresa de Heinrich Himmler, xefe das SS e dos servizos de seguridade do Terceiro Reich.

A reorganización do aparello policial franquista completouse coa Lei de Policía de marzo de 1941. Mediante ela creouse o Corpo Xeral de Policía (integrado cara 1950 por uns 8.000 membros) e o Corpo de Policía Armada, formado en 1945 por uns 22.000 axentes militarizados despregados nas grandes cidades, na súa maioría excativos e excombatentes. Os seus membros foron coñecidos como «grises» pola cor do seu uniforme. O preámbulo da lei dicía que a «nova policía» non debía rexerse polo «apoliticismo» e que debía ter como obxectivo «a vixilancia permanente e total indispensábel para a vida da Nación, que nos estados totalitarios se logra grazas a unha acertada combinación de técnica perfecta e lealdade». O preámbulo tamén facía referencia á «policía política» como «órgano máis eficiente para a defensa do Estado». A lei puxo fin ao control directo dos servizos de policía e orde pública por parte das Forzas Armadas que imperaba até entón e supuxo a desaparición do Corpo de Investigación e Vixilancia e do Corpo de Seguridade.

Da función específica de perseguir os «delitos sociais e políticos» ocuparíase a Brigada Político-Social (BPS), coñecida simplemente como «a Social». Desde un principio recibiu o asesoramento de axentes da Gestapo, dirixidos por Paul Winzer destinado na embaixada alemá en Madrid, especialmente canto ao uso de diversos métodos de tortura para obter información ou confesións dos detidos e en técnicas de espionaxe e infiltración en grupos de oposición. A colaboración entre a policía franquista e a Gestapo remontábase á guerra civil. En novembro de 1937 asinaron un protocolo secreto polo cal policías do bando sublevado irían a Berlín para seren adestrados. Ese protocolo secreto foi ampliado por un novo acordo de colaboración asinado o 31 de xullo de 1938. En 1940, despois da visita a España do líder nazi Heinrich Himmler, este asegurouse de que Paul Winzer instruíse a nova policía secreta española.

A formación dos cadros da policía fíxose entre os antigos membros da Garda de Asalto e a policía da época republicana que superasen a depuración, e tamén entre excombatentes do bando sublevado durante a Guerra Civil. A «Lei para a Seguridade do Estado» impregnou os novos corpos dun carácter represivo e tamén da ideoloxía fascista imperante nesa época. Así, os corpos policiais convertéronse nun dos brazos executores da política represiva do franquismo. A Policía armada ficou encargada das funcións de orde pública e actuacións policiais, mentres que o CGP se encargou das funcións de investigación dos crimes e homicidios e da represión política.

Blas Pérez González, ministro de gobernación entre 1942 e 1957, foi un eficaz organizador da policía política durante a súa época no ministerio. Carlos Arias Navarro, quen máis tarde sería presidente do Goberno, tamén destacou neste labor na súa época como Director Xeral de Seguridade.

Tras a sinatura do acordo das bases con Estados Unidos de 1953 varios policías da Brigada Político-Social viaxaron a ese país para seguiren cursos da FBI e da CIA sobre contraespionaxe e novos métodos de interrogatorio. O inspector Antonio Juan Creix utilizou en abril de 1958 o que aprendera en Nova York da FBI no interrogatorio e tortura do dirixente comunista Miguel Núñez González, aínda que nunca estivo do todo satisfeito. «Aquí veñen os americanos, que se as correntes eléctricas… Como o pau non hai nada», dixo Creix, segundo lembraba o propio Miguel Núñez. Outro policía que viaxou a EUA, xunto cun alto cargo da DGS, foi o propio xefe da BPS Vicente Reguengo, quen recibiu formación da CIA sobre «métodos, material e técnicas de investigación policial». Tamén asistiu a cursos de formación da CIA sobre «sabotaxe e anticomunismo» o comisario Roberto Conesa.

Despois da morte de Franco e o comezo da Transición, en 1978 o Corpo Xeral de Policía e a Policía Armada foron substituídos polo Corpo Superior de Policía e o Corpo de Policía Nacional, respectivamente. Este último non debe ser confundido co actual Corpo Nacional de Policía (CNP), creado en 1986 e no que ficaron integrados todos os corpos policiais.

Ver tamén

Tortura na ditadura franquista

Notas

Bibliografía

Categoría:Franquismo Categoría:Historia de España do século XX Categoría:Policía en España