Serguei Davidov, tamén grafado en Occidente como Sergei Davydov, de nome completo Serguei Igorevich Davidov (en cirílico, Сергей Игоревич Давыдов) nado o 15 de xuño de 1992 en Toliatti (óblast de Samara), daquela Federación Rusa, é un dramaturgo, novelista e poeta ruso exiliado en Alemaña.
Traxectoria En 2014 graduouse na Universidade Aeroespacial Estatal de Samara. En 2022 obtivo un mestrado en escrita creativa na Escola Superior de Economía (Moscova). Xa antes de rematar os seus estudos aerospaciais iniciou a súa carreira como dramaturgo con Lev Tolstoy Street, 49 (2012) unha peza que foi seleccionada para o concurso internacional de dramaturgos «Eurasia». En 2020 gañou o premio «Kulminatsiya» pola obra Republic, centrada no colapso da Unión Soviética e a guerra civil de Taxiquistán.
En 2022 marchou de Rusia como consecuencia da represión política pola súa oposición á invasión de Ucraína e pola súa visibilidade como persoa gai, nun país onde a homosexualidade está perseguida. Desde xaneiro de 2023 está exiliado en Alemaña, onde continúa a súa carreira literaria.
En 2023 publicou a súa primeira novela, Springfield, que retrata a vida de dous mozos homosexuais nas provincias rusas, e que foi considerada por críticos como un texto clave da literatura rusa contemporánea.
Obra Davidov traballa tanto na dramaturxia como na narrativa e na poesía. As súas obras foron representadas en Moscova, San Petersburgo, Londres, Berlín, San Francisco, Belgrado e outras cidades. A súa escrita aborda temas xeracionais, identitarios, o exilio e a represión política, e foi traducida a diversas linguas, entre elas o alemán, inglés, xaponés, italiano e español.
A obra de Davidov caracterízase por un estilo directo, con diálogos rápidos, humor negro e un forte dramatismo xeracional. En Springfield, ambientada na súa cidade natal, Toliatti, explora as tensións da identidade queer, a represión e o desarraigo. Na súa dramaturxia, aborda os efectos da transformación da URSS en Rusia, o autoritarismo e a procura da liberdade individual e colectiva.
Obras publicadas
Полный юнайтед: семь пьес о юности (Completamente United: sete pezas sobre a xuventude). Toliatti: Axencia Literaria de V. Smirnov, 2019, 200 pp. ISBN 978-5-98147-137-7 Спрингфилд (Springfield). Berlín: Freedom Letters, 2023, 132 pp. ISBN 978-0-9938202-3-6. Пять пьес о свободе (Cinco pezas sobre a liberdade). Berlín: Freedom Letters, 2023, 212 pp. ISBN 978-1-998084-21-0. Пять пьес о войне (Cinco pezas sobre a guerra). Berlín: Freedom Letters, 2024, 204 pp. ISBN 978-1-998265-34-3. (Davidov figura como compilador e autor do limiar.) Цикл стихов (Ciclo de poemas). Berlín: Queer Migration Zine, Quarteera e.V., 2024. Edición dixital (sen ISBN).
Vida persoal e controversias Davidov é publicamente gai, e foi crítico co réxime de Vladimir Putin e coa invasión rusa de Ucraína. A súa visibilidade e as súas posicións políticas provocaron presións e censura por parte das autoridades. En 2024, incluíron a súa novela Springfield no rexistro de información prohibida pola axencia estatal Roskomnadzor, ao abeiro da chamada Lei de propaganda LGBT, que impide a visibilización da homosexualidade.
Como consecuencia destas restricións, Davidov abandonou Rusia e estableceu a súa residencia en Alemaña. Entre 2024 e 2025 recibiu bolsas de protección artística da Artist Protection Fund (Nova York) e da Gefangenes Wort Stiftung (Hessen).
Galardóns Premio «Kulminatsiya» (2020) pola obra Republic.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio web oficial
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Dramaturgos de Rusia Categoría:Novelistas de Rusia Categoría:Poetas de Rusia Categoría:Escritores en lingua rusa Categoría:Nados no óblast de Samara Categoría:Exiliados Categoría:Escritores LGTB