O Partido Republicano Radical Socialista (PRRS), máis coñecido como Partido Radical Socialista foi un partido republicano xurdido en España en 1929 froito da escisión da tendencia de esquerdas do Partido Republicano Radical. Os principais líderes deste novo partido foron Marcelino Domingo, Álvaro de Albornoz e Félix Gordón de Ordás. O partido acadou un importante éxito nas eleccións de 1931, con 54 escanos. Nas eleccións de 1933 só obtivo cinco. A ideoloxía era republicana de esquerdas, defensora dun estado laico, fondamente anticlerical; reformista en aspectos fiscais, agrarios e do exército. O PRRS participou nos gobernos de esquerdas do Primeiro Bienio (1931-1933) so o liderado de Manuel Azaña, que incluía a republicanos de esquerda e a socialistas. Álvaro de Albornoz foi un dos principais ideólogos da lexislación laica da Segunda República desde o seu posto de ministro de Xustiza. O Partido Republicano Radical Socialista viuse afectado por numerosas crises ao longo da súa existencia. En 1932, Botella Asensi marchou do PRRS para fundar Izquierda Radical-Socialista (IRS). Ao ano seguinte, profundas discrepancias sobre a colaboración cos socialistas no seo do goberno abriron unha grave fenda no seo do partido, os sectores máis á esquerda, liderados por Marcelino Domingo e Álvaro de Albornoz, partidarios de manter a coalición co PSOE, enfrontáronse ao sector máis á dereita, encabezado por Félix Gordón de Ordás, defensor do achegamento ao Partido Radical de Alejandro Lerroux e que habería de confluír coa Izquierda Radical-Socialista e unha escisión da esquerda do Partido Radical na Unión Republicana. A finais dese ano, o sector progresista abandonou o partido para fundar o Partido Republicano Radical Socialista Independiente, que se fusionaría con Acción Republicana e a Organización Republicana Gallega Autónoma para dar lugar a Izquierda Republicana, o 3 de abril de 1934.
En Galicia O Partido Republicano Radical Socialista apareceu xa, ao pouco de escindirse do Partido Republicano Radical, no Pacto de Lestrobe (1930) que deu orixe á Federación Republicana Gallega pero a súa implantación en Galicia foi mínima e despois de proclamada a Segunda República deixou a federación, os radicais socialistas tan só puideron presentar candidatura en Ourense nas eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 en coalición coa FRG e o Partido Nazonalista Republicán de Ourense conseguindo 2 escanos. Ao longo do ano 1931 o PRRS estableceu agrupacións locais no resto das cidades galegas, contando con arredor dun milleiro de militantes e varios miles máis en sociedades agrarias vencelladas ao partido na provincia de Ourense e as alcaldías de Vigo e A CoruñaBernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988, páx. 24. Contaba como órganos de prensa con El Noroeste da Coruña, La República de Pontevedra, o semanario Horizontes de Lugo e La Vanguardia da Estrada.
En 1933 o partido deixou de existir en Galicia polas diferenzas internas, en 1934 a maior parte dos seus militantes acabaron por entrar en Unión Republicana e o sector minoritario participou na formación de Izquierda Republicana.
Notas
Categoría:Partidos políticos desaparecidos de España Categoría:Anticlericalismo Categoría:Republicanismo en España