Elisabeth von Matt, nada en Viena en 1762 e finada ibídem en 1814, foi unha astrónoma austríaca que desenvolveu o seu traballo a finais do século XVIII e comezos do século XIX. Está considerada como a única muller científica dese período que publicou as súas observacións astronómicas en revistas europeas especializadas. A súa investigación centrouse principalmente na astronomía posicional, documentando os asteroides Pallas e Juno.
Vida Elisabeth von Matt (o seu apelido de nacemento era Humelauer) foi unha baronesa que viviu en Viena, onde construíu un observatorio privado que dotou do equipamento necesario para investigar o ceo. As súas observacións foron publicadas en Astronomisches Jahrbuch, de Johann Elert Bode, e Monatliche Correspondenz, de Franz Xaver von Zach. Ademais das súas achegas científicas, von Matt promoveu o progreso no seu campo ao compartir o seu observatorio con Johann Tobias Bürg, quen foi o seu mentor e colaborou con ela durante toda a súa carreira científica. Outra contribución relevante foi o fornecemento de libros e instrumentos para a comunidade investigadora.
Legado No ano 1809, o botánico austríaco Josef August Schultes denominou o xénero vexetal Mattia na honra de von Matt. Hoxe en día clasíficase como sinónimo de Rindera. En 1915, nomeouse na súa honra Mattiastrum, un xénero vexetal asiático da familia Boraginaceae.
O planeta menor 9816 von Matt, descuberto en 1960 por Cornelis Johannes van Houten e Ingrid van Houten-Groeneveld, recibe o nome de Elisabeth von Matt. Dous instrumentos que foron propiedade de von Matt (un sextante manufacturado por Edward Troughton e un cronómetro fabricado por John Arnold) consérvanse no Observatorio de Viena da Universidade de Viena.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Observacións publicadas por von Matt en Berliner astronomisches Jahrbuch, 1811 - en alemán, páxina 222 Obituario publicado en Berliner astronomisches Jahrbuch, 1814 - escrito por Johann Tobias Bürg, en alemán
Categoría:Astrónomos de Austria Categoría:Nados en 1762 Categoría:Nados en Viena Categoría:Finados en 1814