Nicolás Rodríguez Pérez, nado en Albarellos (Monterrei) o 28 de outubro de 1898 e finado en Dachau (Alemaña) o 25 de febreiro de 1945, foi un refuxiado galego deportado aos campos de concentración nazis.
Traxectoria Cando comezou a Guerra Civil, fuxiu á zona gobernamental xunto ao seu irmán Manolo, integrándose no exército da República. Manolo morreu no campo de batalla, sen chegar a cumprir os trinta anos; el, como outros moitos refuxiados españois, fuxiu a Francia.
En Francia En Francia entrou o 8 de febreiro de 1939, nun convoi de feridos e sen papeis. Foi levado primeiro ao barco-hospital "Patria" atracado en Marsella, despois ao Hospital de Auch, máis tarde Clairvivre, na Dordoña. Enviado a finais de ano aos campos das praias de Saint Cyprien e Argelés, ingresou tempo despois no campo para feridos de Noé, Haute-Garonne, preto de Tolosa, ata o seu internamento desde o 18 de agosto de 1942 en Le Vernet d'Ariège.
O motivo polo que o confinaron en Vernet, por orde do prefecto de Haute-Garonne, foi "propaganda comunista". O seu número era o 9774, asignado ao sector B (reservado a presos políticos), barraca 22. Foi rexistrado como mecanógrafo, católico e solteiro, e a súa principal característica física era que tiña o brazo dereito atrofiado. miniatura|Nicolás no arquivo de Vernet
O 27 de agosto de 1942, presentou unha solicitude para ser asignado a un Compañía de Traballadores. Na solicitude, no apartado de Traballo, Nicolás afirmou que en España cobraba 225 pesetas ao mes, que tiña 450 francos depositados na caixa do campo e que cobraba unha pensión de 160 francos ao mes proporcionada pola embaixada de México. Aparecía suliñado en vermello, "mutilé bras droit" (en galego, "mutilado do brazo dereito"). No apartado referente á Actividade política afirmaba que non tivera, nin en España, nin en Francia, e que descoñecía os motivos polos que estaba internado pois se definía como "voluntario da Guerra Civil". A solicitude foi rexeitada polos xefes do campo e mesmo recomendouse "ser eliminado da economía nacional e do territorio francés".
No campo de concentración Foi deportado a Dachau no "tren pantasma", o último convoi que saíu de Vernet, antes de ser desmantelado o campo. O 30 de xuño de 1944, 398 homes e 5 mulleres foron trasladados a Toulouse en camións e autobuses. Alí subiron, xunto a outros deportados, a un tren que tardou dous meses en chegar ao seu destino: o 28 de agosto en Dachau para os homes, e a principios de setembro en Ravensbrück para as mulleres. Foi nunha viaxe infernal na que se sucederon as mortes, as fuxidas e outros dramas. Nalgúns lugares a poboación aliviou a situación dos presos dándolles de beber e comer. Clasificado, en Dachau, como administrativo ou oficinista, co número 94272 e "preso preventino español", rematou alí a súa vida, o 25 de febreiro de 1945, só dous meses antes da liberación do campo. miniatura|A morte de Nicolás no arquivo de Dachau
Querela O 6 de marzo do 2020, o seu veciño Heladio Anxo Fernández Manso presentou no Consulado arxentino de Vigo unha denuncia en nome de Nicolás para unila á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo. Ese mesmo día presentáronse outras seis denuncias en nome de todos os deportados da provincia de Ourense. O acto foi coordinado polo grupo de traballo de Ourense da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en Monterrei Categoría:Nados en 1898 Categoría:Finados en 1945 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis