Hilde Mangold (de nacemento Proescholdt), nada en Gotha o 20 de outubro de 1898 e finada en Friburgo o 4 de setembro de 1924, foi unha embrióloga alemá, coñecida sobre todo pola súa tese de 1923. Nesta baseouse o seu mentor, Hans Spemann (Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1935), para o descubrimento do organizador embrionario. Foi unha das poucas teses doutorais no eido da bioloxía que levaron directamente á concesión dun Premio Nobel. O efecto xeral que demostrou coñécese como indución embrionaria, é dicir, a capacidade dalgunhas células para dirixir a traxectoria de desenvolvemento doutras células, un dos primeiros pasos cara a clonación. A indución segue a ser un concepto fundamental e unha área de investigación en curso no campo.

Traxectoria Hilde naceu en Gotha (Turinxia), filla de Ernest Proescholdt, propietario dunha fábrica de xabón, e da súa esposa Gertrude. Asistiu á Universidade de Jena durante dous semestres en 1918 e 1919 e logo trasladouse á Universidade de Frankfurt, onde tamén pasou dous semestres. Foi aquí onde viu unha conferencia do recoñecido embriólogo Hans Spemann sobre embrioloxía experimental.

Esa conferencia inspirouna a continuar a súa formación neste campo. Despois da súa estancia en Frankfurt estudou no Instituto Zoolóxico de Friburgo. Alí coñeceu o seu futuro esposo, Otto Mangold, o asistente principal de Spemann (e partidario do NSDAP). Baixo a dirección de Spemann completou a súa tese en 1923.

Despois de obter o seu doutoramento, Hilde mudouse a Berlín co seu esposo e o seu fillo Christian. Pouco despois da mudanza, Hilde morreu polas graves queimaduras causadas pola explosión dun quentador de gas na súa casa de Berlín. Nunca viu publicados os resultados da súa tese. O seu fillo morreu na segunda guerra mundial.

Experimentos clave Mangold realizou experimentos de transplante moi delicados con embrións (unha fazaña aínda máis impresionante, xa que foi antes do descubrimento de antibióticos para previr infeccións tras as cirurxías). Demostrou que o tecido do bordo dorsal do blastóporo enxerido nun embrión hóspede pode inducir a formación dun eixo corporal adicional, creando xemelgos unidos. Ao usar dúas especies de tritón con cores distintas de pel para o hóspede e o doante, mostrou que o organizador de anfibios non formou o eixo adicional por si mesmo, senón que recrutou tecido hóspede para formar o xemelgo. Porén, non se entenderon as implicacións completas deste resultado até un ano despois da morte de Hilde. Esta foi a base do descubrimento do «organizador», que é responsábel da gastrulación.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Bioloxía do desenvolvemento Embrión August Weismann

Categoría:Alumnos da Universidade de Frankfurt Categoría:Alumnos da Universidade de Jena Categoría:Finados en 1924 Categoría:Nados en 1898