A ofensiva final da guerra civil española foi a última operación bélica executada polos mandos militares do bando sublevado contra a Segunda República española, e produciuse entre o 26 de marzo e o 1 de abril de 1939. Aproveitouse a situación do bando republicano tras a severa derrota sufrida na Ofensiva de Cataluña e, sobre todo, o triunfo do golpe de estado do coronel Casado, apoiado por Julián Besteiro, que cunha parte do exército republicano se rebelaron contra o goberno do socialista Juan Negrín e formaron o Consello de Defensa Nacional para intentar negociar un acordo de paz co exército de Franco.
Como consecuencia, Negrín fuxiu a Francia mentres o exército republicano controlado polos comunistas nos arredores de Madrid, non aceptaron o intento de acordo de paz e principiou unha guerra civil dentro da guerra civil. Despois do triunfo de Casado fronte aos comunistas, comezaron as negociacións de paz co bando sublevado mais Franco só aceptou a rendición incondicional.
O 26 de marzo, os nacionais comezaron a ofensiva xeral e o 31 de marzo controlaban todo o territorio español. Centos de miles de republicanos foron arrestados e internados en campos de concentración.
Antecedentes
Caída de Cataluña Trala caída de Cataluña en febreiro de 1939, a situación militar da República era catastrófica; aínda mantiña a capital e o 30 % do territorio español, pero perdera 220 000 soldados, a segunda cidade máis grande do país e os recursos industriais de Cataluña. Ademais, o recoñecemento do goberno de Burgos por parte do Reino Unido e Francia levou, o 27 de febreiro, a que Manuel Azaña, quen xa levaba 3 semanas en Francia, presentase a dimisión como presidente da República.
Situación militar O exército republicano aínda contaba con entre 250.000 e 500.000 homes,Thomas (2001), p. 861 pero só 40 avións (tres escuadróns de bombardeiros Natasha e dous de Katiuska e 25 cazas Chatos e Moscas), pouca artillería e poucas armas automáticas. Moitos soldados estaban desarmados (en decembro de 1938, o exército republicano só tiña 225.000 fusís), e carecían de zapatos e abrigos. En Madrid, só había comida dabondo para dous meses; había escaseza de auga, calefacción, medicamentos e vendaxes cirúrxicas. Por outra banda, a finais de 1938, o exército nacional contaba con máis dun millón de homes, incluídos 35.000 marroquís, 32.000 italianos, 5.000 alemáns, ademais de 600 avións.
Oposición á resistencia continua de Negrín O 8 de febreiro, nunha reunión en París, os principais líderes anarquistas coincidiron en que non había outra alternativa que un acordo de paz cos nacionais e que necesitaban un novo goberno para negocialo. Eduardo Val, secretario de defensa do comité da rexión central, estivo de acordo con isto, afirmando que Negrín estaba telegrafiando en clave aos seus partidarios máis próximos advertíndolles que evacuasen a zona republicana. A todos lles parecía que Negrín estaba xogando sucio,Beevor (2006), pp. 426, 432 e 434. e tamén estaban desconformes porque non instalou o seu goberno en Madrid ou Valencia, senón nun chalé preto do porto de Alacant protexido por 300 comandos comunistas do XIV Corpo.
O 16 de febreiro, o alto mando do exército republicano confesoulle a Juan Negrín, a imposibilidade da resistencia militar. A maioría dos membros do Exército Republicano, do Partido Socialista (PSOE), da Unión Xeral de Traballadores (UGT) e dos anarquistas da (CNT) crían que era necesario iniciar negociacións de paz.Preston (2006). p. 296 Non obstante, Negrín, apoiado polos comunistas do PCE, quería seguir loitando, debido á negativa de Franco a dar garantías contra posibles represalias e porque cría que unha guerra continental contra o fascismo era inminente. Ademais, quería organizar a evacuación daqueles que corrían máis risco, concretamente existía un forte temor de que os comunistas puidesen usar a súa superioridade militar para garantir que os seus membros escaparan, mentres que os pertencentes a outros partidos ou organizacións quedarían á mercé dos sublevados.
O plan Dende finais de febreiro de 1939, o coronel Segismundo Casado estivera preparando un golpe de estado contra o goberno de Negrín para iniciar negociacións de paz cos nacionais, crendo que Negrín era demasiado submiso aos comunistas pois, cada vez máis, dáballes postos de maior relevancia tanto no exército coma no goberno. Nos contactos que mantivo co coronel José Centaño, un axente da quinta columna dentro do exército republicano, este, prometeulle que Franco garantiría a vida dos oficiais republicanos que non tivesen cometido crimes.
A maioría dos elementos non comunistas da Fronte Popular en Madrid apoiaron o golpe de estado, incluído un dos líderes do PSOE, Julián Besteiro, porque crían que continuar a guerra non tiña sentido. Ademais, trala rendición de Menorca, moitos oficiais republicanos na zona central crían que podían negociar un acordo cos nacionais. Non obstante, os partidarios máis firmes de Casado foron tres anarquistas: Cipriano Mera, Eduardo Val e Melchor Rodríguez, que non esqueceran a derrota dos sucesos de maio de 1937 e ansiaban vinganza contra os comunistas.
O 3 de marzo, Negrín anunciou unha serie de novos nomeamentos na Zona Central, de tal xeito que o coronel Casado e os comunistas Juan Modesto e Antonio Cordón García foron ascendidos a xenerais. Igualmente, nomeáronse oficiais ao cargo dos portos de Murcia (Manuel Tagüeña), Alacant (Etelvino Vega) e Cartaxena (Francisco Galán); todos eles comunistas.Thomas (2001), pp. 875–876 Beevor afirma que, igualmente, Francisco Galán foi nomeado gobernador militar de Cartaxena; Etelvino Vega gobernador de Alacant; Leocadio Mendiola comandante de Murcia e Inocencio Curto comandante de Albacete.Beevor (2006), p. 390
Cos cambios no mando, ó dar o control dos portos de evacuación aos comunistas que podía garantir a súa propia fuxida confirmou a sospeita dos elementos non comunistas do goberno de que quedarían atrás e, así, pasaron a se unir á conspiración contra Negrín.
O golpe de Casado miniatura|Segismundo Casado.
Preparativos O golpe de estado iniciouse o 5 de marzo de 1939, encabezado polo coronel republicano Segismundo Casado, xefe do Exército do Centro, apoiado polo xeneral Matallana, e polas forzas políticas da zona republicana partidarias de finalizar a guerra civil, pois considerábana completamente perdida. Entre elas atopábanse os socialistas «antinegrinistas» (encabezados en Madrid por Julián Besteiro), unha sección da UGT (Wenceslao Carrillo), os anarquistas da CNT (controlada nestes momentos por Cipriano Mera), o Servizo de Investigación Militar da República e os republicanos de esquerda.
O golpe casadista derrubou o goberno republicano de Juan Negrín e formouse unha xunta militar, o Consello Nacional de Defensa.Beevor (2006), pp. 391-392 O 6 de marzo, Miaja uniuse á rebelión e foi nomeado presidente do Consello. Os outros membros da xunta foron Casado, Julián Besteiro, Wenceslao Carrillo, González Marín e Eduardo Val (CNT), Antonio Pérez (UGT), e os republicanos Miguel San Andrés e Jose del Río. Decontado, o Consello iniciou as conversacións co bando sublevado. Porén, Franco reiterara en numerosas ocasións que só aceptaba a rendición incondicional do Exército Popular da República.Bahamonde & Cervera Gil (1999)
O coronel Adolfo Prada foi nomeado comandante do Exército do Centro, e os comandantes comunistas do I, II e III Corpos de Exército foron destituídos, o xornal do PCE, Mundo Obrero, foi pechado e Casado ordenou detencións masivas de militantes comunistas e comisarios políticos. Tras un intento frustrado de negociar con Casado, o 6 de marzo, Negrín fuxiu a Francia desde o aeródromo de Monovar, preto de Elda, con Hidalgo de Cisneros, os líderes do PCE (La Pasionaria e Vicente Uribe) e o ministro de Asuntos Exteriores Julio Álvarez del Vayo, para evitar ser capturado polos partidarios de Casado pois, este, quería deter o goberno e os líderes do PCE para entregalos a Franco.Thomas (2001), p. 881
A loita en Madrid miniatura|Cipriano Mera, líder anarquista e líder do IV Corpo de Exército. O golpe de estado de Casado contou co apoio dos comandantes dos outros tres Corpos de Exército (Leopoldo Menéndez López, comandante do Exército de Levante; Antonio Escobar, comandante do Exército de Estremadura; e Domingo Moriones, comandante do Exército de Andalucía). Non obstante, as unidades do exército dos arredores de Madrid e controladas polo PCE (o I Corpo do Exército do Centro liderado por Luis Barceló, o II Corpo de Emilio Bueno e o III Corpo liderado por Antonio Ortega) levantáronse contra a xunta o 7 de marzo, iniciando unha breve guerra civil dentro da República. Barceló nomeouse a si mesmo comandante do Exército do Centro e as súas tropas pecharon todas as entradas a Madrid, ocupou a maior parte do centro da cidade e, a seguir, executou a tres coroneis que eran seguidores de Casado.
Os partidarios da xunta só mantiveron algúns edificios gobernamentais e a parte sueste da cidade. Non obstante, o IV Corpo de Mera contraatacou e ocupou Torrejón e Alcalá de Henares.Thomas (2001), p. 884 O 10 de marzo, as tropas de Barceló foran rodeadas e acordouse un alto o fogo. O 11 de marzo, tras días de combates sanguentos, Casado, apoiado polo IV Corpo de Cipriano Mera, derrotou as tropas de Barceló. El e o seu comisario político José Conesa foron arrestados e executados. A cifra de mortos é variable segundo as fontes: Thomas dá a cifra de 230, Jackson, elévaos a 1.000 e Beevor a 2.000.
Combates en Cidade Real e Cartaxena Tamén houbo combates en Cidade Real e Cartaxena. En Cidade Real, o Exército de Estremadura ao mando de Escobar esmagou a resistencia comunista liderada por Martínez Carton. Non obstante, en Cartaxena (a base principal da Armada Republicana Española), onde os partidarios de Casado, apoiados por elementos da quinta columna, comezaran a revolta contra o goberno de Negrín o 4 de marzo, foron derrotados tras unha breve batalla pola 206ª Brigada da IV División do PCE, liderada polo coronel Joaquín Rodríguez, o 7 de marzo. Non obstante, o 5 de marzo, a Armada Republicana (tres cruceiros e oito destrutores), liderada polo almirante Buiza, fuxira a Alxeria tras un bombardeo aéreo nacionalista na zona portuaria. Un barco de transporte, o "Castillo de Olite", enviado polos nacionais para apoiar a revolta, foi afundido polas baterías costeiras de Cartaxena, matando a 1.200 soldados nacionais.
Contactos con Franco Trala derrota das tropas de Barceló, o Consello intentou iniciar negociacións de paz con Franco, coa esperanza de obter unha garantía contra represalias políticas. O 12 de marzo, o Consello Nacional de Defensa condenou a morte a un dos militares comunistas que se opuxeron ao golpe. Así mesmo, ditou medidas urxentes para eliminar a «influencia comunista» no exército, entre outras, a abolición dos comisarios políticos, a supresión da estrela vermella no uniforme militar e a supresión do puño pecho como saúdo militar. A seguir, o Consello tentou chegar a un acordo co goberno de Burgos para lograr unha «paz honrosa», solicitando unha garantía contra represalias e un período de 25 días para permitir que calquera que desexase saír de España o fixese. A petición desta garantía debíase a que, o 8 de febreiro, Franco ditara na mesma cidade a Lei de Responsabilidades Políticas, que condenaba de antemán (e de modo retroactivo) practicamente a tódolos individuos, tanto civís como militares sen importar o seu cargo, partido ou xerarquía que apoiasen de xeito activo a Segunda República española dende o 1 de outubro de 1934. Ao coñecerse o contido desta Lei, na zona republicana, creceu o medo ás represalias pois a norma daba a Franco poder absoluto e discrecional para exercer a represión política contra calquera persoa que prestase servizos á República, sen importar a súa filiación política.