Kimberlé Williams Crenshaw, nada en Canton o 5 de maio de 1959, é unha avogada e académica estadounidense especializada no campo da teoría crítica da raza e profesora da Facultade de Dereito da Universidade de California, Os Ánxeles e da Facultade de Dereito da Universidade de Columbia, onde investiga sobre temáticas de raza e xénero. É especialmente coñecida por acuñar en 1989 o concepto “interseccionalidade”.

Primeiros anos de vida e educación Crenshaw naceu en Canton, Ohio, o 5 de maio de 1959, filla de Marian e Walter Clarence Crenshaw Jr. Dende a súa infancia, os seus pais fomentaron nela unha actitude crítica e reflexiva, animándoa a comentar as cuestións e acontecementos que chamaban a súa atención na realidade cotiá. Esa educación baseada na observación e análise do mundo que a rodeaba influíu decisivamente na orientación que posteriormente adoptaría a súa carreira profesional e académica.

A súa mocidade estivo marcada por varias experiencias traumáticas. Entre elas figuran a morte prematura dos seu pai, falecido aos 34 anos, o asasinato do seu irmán maior, Mantel, e os abusos que sufriu por parte dun compañeiro durante a súa etapa universitaria.

Realizou os seus estudos secundarios no instituto Canton McKinley. Posteriormente ingresou na Universidade de Cornell, onde se licenciou en 1981 en Estudos Gobernamentais e Estudos Africanos. Durante a súa etapa na universidade formou parte da sociedade de honra Quill and Dagger, reservada ao estudantado destacado dos últimos cursos.

En 1984 obtivo o título de doutora en Dereito pola Facultade de Dereito da Universidade de Harvard. Ao ano seguinte completou un máster en Dereito na Facultade de Dereito da Universidade de Wisconsin, institución na que foi bolseira do programa William H. Hastie. Durante este período exerceu ademais como asistente xurídica da maxistrada Shirley Abrahansom, integrante do Tribunal Supremo de Wisconsin, unha experiencia que contribuíu á súa formación como xurista e investigadora.

Traxectoria Tras completar o seu máster, Kimberlé Crenshaw incorporouse en 1986 ao profesorado da Facultade de Dereito da Universidade de California (UCLA). Ao longo da súa carreira consolidouse como unha das principais impulsoras da teoría crítica da raza, campo do que é considerada cofundadora, e desenvolveu labores docentes e investigadores nas áreas dos dereitos civís, os estudos críticos da raza e o dereito constitucional. Na UCLA impartiu, entre outras materias, cursos avanzados sobre teoría crítica da raza, dereitos civís, interseccionalidade, crimininalización das mulleres e das nenas, así como sobre as relacións entre a raza, o dereito e a representación política e cultural. O recoñecemento ao seu labor docente quedou reflectido na súa elección como profesora do ano polos estudantes da UCLA en 1991 e novamente en 1994.

En 1991 colaborou co equipo xurídico encargado da defensa de Anita Hill durante as audiencias nas que se nomeou a Clarence Thomas para o Tribunal Supremo dos Estados Unidos.

En 1995 incorporouse á Facultade de Dereito da Universidade de Columbia como profesora titular. Nesta institución desenvolveu unha parte substancial da súa actividade académica e foi fundadora e directora do Center for Intersectionality and Social Policy Studies, creado en 2011 para promover a investigación e a análise das desigualdades dende unha perspectiva interseccional. Entre as materias impartidas en Columbia destacan os seus seminarios dedicados á interseccionalidade e aos dereitos civís.

A súa actividade pública e institucional ampliouse en 1996 coa creación, xunto con outras persoas, do African American Policy Forum (AAPF), organización da que é cofundadora e directora executiva. O AAPF naceu co obxectivo de combater as desigualdades estruturais e promover a xustiza racial, a igualdade de xénero e a defensa integral dos dereitos humanos tanto nos Estados Unidos como no ámbito internacional. A organización procura conectar a investigación académica co debate público e a colaboración de políticas anti-discriminación.

Ao longo da súa traxectoria recibiu diversos recoñecementos académicos, entre eles a Cátedra Fullbright para América Latina no Brasil. En 2008 foi investigadora residente no Center for Advanced Study in the Behavioral Sciences da Universidade de Stanford.

A contribución de Crenshaw ao desenvolvemento das políticas internacionais de igualdade e non discriminación tamén foi significativa. En 2001 elaborou o documento de referencia sobre discriminación racial e xénero para a Conferencia Mundial contra o Racismo das Nacións Unidas e participou activamente na incorporación da perspectiva de xénero á declaración final do encontro. Ademais, formou parte do Comité para a Investigación da Violencia contra as Mulleres da National Science Foundation e dun panel do National Research Council dedicado ao estudo da violencia contra as mulleres.

Entre 1992 e 1995 participou na Women's Media Initiative e converteuse nunha colaboradora habitual do programa The Tavis Smiley Show da Radio Pública Nacional dos Estados Unidos, onde interviña frecuentemente como analista de cuestións relacionadas coa raza, o xénero e os dereitos civís.

En 2020 a Universidade Católica de Lovaina (KU Leuven) concedeulle o título de doutora honoris causa en recoñecemento as súas contribucións intelectuais e ao impacto do seu traballo no ámbito dos dereitos humanos e da xustiza social.

Crenshaw é autora de numerosos libros e artigos académicos e continúa mantendo unha intensa actividade investigadora e editorial. En 2023 publicou, xunto con Luke Charles Harris e George Lipsitz, a obra The Race Track: How the Myth of Equal Opportunity Defeats Racial Justice, centrada na análise crítica do mito da igualdade de oportunidades e os seus efectos sobre a xustiza racial. En 2026 apareceu a súa autobiografía, Backtalker: An American Memoir, na que reflexiona sobre a súa traxectoria persoal, académica e política.

Interseccionalidade

Orixe do concepto En 1989, Crenshaw acoñou o termo interseccionalidade no seu artigo Demarginalizing the Intersection of Race and Sex: A Black Feminist Critique of Anti-discrimination Doctrine, Feminist Theory, and Antiracist Politics. A través deste concepto procurou explicar como as experiencias das mulleres afroamericanas quedaban frecuentemente invisibilizadas tanto polas políticas antirracistas como polas reivindicacións feministas dominantes, ao non ter en conta a interacción simultánea entre diferentes formas de discriminación.

Aínda que Crenshaw foi quen introduciu o termo na teoría feminista e lle deu unha formulación teórica sistemática, as súas ideas tiñan unha tradición máis antiga no pensamento feminista. Diversas autoras e activistas xa sinalaran previamente que as opresións derivadas da raza, o xénero e outras categorías sociais non podían entenderse de maneira illada. Entre os antecedentes máis destacados adoita citarse o discurso Ain't I a Woman?, pronunciado por Sojourner Truth en 1851, no que denunciaba a exclusión das mulleres negras tanto dos dereitos recoñecidos aos homes negros como dos reivindicados polas mulleres brancas. Tamén destaca Anna Julia Cooper, quen no ensaio A Voice from the South: by a Black Woman of the South (1892) analizou a posición específica das mulleres afroamericanas dentro das estruturas de poder da sociedade estadounidense. Máis adiante, en 1969, a activista e escritora Frances M. Beal publicou o coñecido folleto Double Jeopardy: To Be Black and Female, no que examinaba a dobre discriminación sufrida polas mulleres negras debido á combinación de racismo e sexismo.

Segundo a propia Crenshaw, o interese por estas cuestións xurdiu durante a súa etapa como estudante na Universidade de Cornell. Foi entón cando advertiu que as análises existentes sobre a raza apenas prestaban atención ás dimensións de xénero e que os estudos feministas, pola súa banda, non atendían adecuadamente ás desigualdades derivadas da raza. Segundo ela, as clases que trataban sobre cuestións das mulleres eran exclusivamente de literatura e poesía, mentres que os homes estaban presentes en clases de política e economía.

Os argumentos de Crenshaw O traballo de Crenshaw sobre a interseccionalidade xurdiu da súa análise crítica, na que cuestionou a capacidade do dereito antidiscriminatorio para responder ás experiencias das persoas que sofren múltiples formas de desigualdade de maneira simultánea. Segundo Crenshaw, a lexislación estadounidense sobre discriminación tende a tratar por separado categorías como a raza e o xénero, o que dificulta o recoñecemento das situacións nas que ambas operan de forma combinada. Como consecuencia, moitas mulleres afroamericanas e outras mulleres racializadas quedan nunha posición de especial vulnerabilidade, xa que as súas experiencias non encaixan plenamente nas categorías xurídicas tradicionais.

Crenshaw sostén que o sistema xurídico funciona, en gran medida, a partir dun modelo unidimensional que examina cada motivo de discriminación de maneira illada. Deste modo, cando unha persoa sofre un prexuízo derivado da interacción de varias identidades ou condicións sociais, os tribunais poden atoparse con dificultades para identificar e reparar a discriminación sufrida. Para a autora, esta limitación evidencia a necesidade dun enfoque máis amplo que permita comprender como diferentes estruturas de desigualdade poden actuar simultaneamente e reforzarse mutuamente.

Un dos exemplos máis coñecidos empregados por Crenshaw para ilustrar esta problemática é o caso Degraffenreid v. General Motors (1976). Neste procedemento, Emma Degraffenreid e catro mulleres máis (Brenda Hines, Alberta Chapman, Brenda Hollis e Patricia Bell), todas elas negras, alegaban ter sido obxecto dunha forma específica de discriminación derivada da súa condición simultánea de mulleres e persoas negras. As demandantes sinalaron que durante anos General Motors apenas contrataba mulleres, e menos aínda mulleres negras. A partir de 1970, a empresa comezou a modificar gradualmente as súas prácticas de contratación, incorporando algunhas traballadoras afroamericanas, aínda que a súa representación continuou sendo moi reducida. Segundo os datos recollidos na sentenza, General Motors contratou seis mulleres negras en 1970, once en 1971, ningunha en 1972 e cento setenta e tres en 1973. A finais dese ano, a compañía empregaba 155 mulleres negras dun total aproximadamente de 8.500 persoas traballadoras. A controversia xurdiu cando, en 1974, a empresa levou a cabo unha redución de persoal aplicando o criterio de que as últimas persoas contratadas serían as primeiras despedidas. Como a maior parte das mulleres negras foran incorporadas recentemente debido á política anterior de exclusión, a medida supuxo na práctica o despedimento de todas elas, coa excepción dunha empregada que desempeñaba funcións de conserxería. As demandantes argumentaron que aquela decisión as prexudicaba de maneira singular. Sostiñan que non estaban a sufrir discriminación exclusivamente por razón de xénero, xa que moitas mulleres brancas conservaron os seus postos de traballo; pero tampouco exclusivamente por razón de raza, dado que numerosos homes afroamericanos continuaron empregados na empresa. O problema residía, segundo a súa tese, na combinación de ambas circunstancias: eran disccriminadas especificamente por seren mulleres negras. Porén, os tribunais rexeitaron esta argumentación. Crenshaw converteu este caso nun exemplo paradigmático das limitacións do dereito para abordar situacións de discriminación interseccional, pois os tribunais foron incapaces de identificar a situación particular das demandantes, cuxa experiencia non podía explicarse adecuadamente a través dunha única categoría de desigualdade.