Biblioteca del Obrero foi unha editorial libertaria de dilatada traxectoria (1912-1936) que contribuíu tanto á difusión das ideas revolucionarias entre a clase traballadora como á súa formación cultural, a través de publicacións de carácter didáctico.

Historia A editorial foi creada en 1912 en Sevilla polo mestre e sindicalista José Sánchez Rosa (1864-1936). O obxectivo inicial era imprimir en formato económico libros e folletos para complementar a tarefa educativa que o fundador e a súa parella, Ana Villalobos Horrillo, levaban a cabo na escola obreira que abriran na capital andaluza. Ademais de converterse na editora libertaria máis lonxeva do seu tempo, Biblioteca del Obrero sempre mantivo un ritmo de publicación apreciable, coa excepción do período 1923-1930: baixo a ditadura de Primo de Rivera, a actividade editorial resentiuse dos sucesivos encarceramentos que sufriu o fundador.

Catálogo miniatura|José Sánchez Rosa|alt=O mestre e sindicalista José Sánchez Rosa O considerable número de títulos que Biblioteca del Obrero chegou a editar pódense clasificar en dous grandes grupos: tratados didácticos para a formación escolar e ideolóxica do obreiro (escritos polo propio José Sánchez Rosa) e libros de pensamento político e social.

Do primeiro grupo, os libros máis populares foron La aritmética del obrero (1912), El abogado del obrero (1912) e La gramática del obrero (1929). Estes manuais básicos para traballadores tiveron numerosas reedicións: La aritmética del obrero chegou á súa décimo sexta edición en 1935; de El abogado del obrero incluso se fixeron ampliacións para adaptalo á lexislación da Segunda República; La gramática del obrero, de aparición posterior, é fundamentalmente un manual de ortografía.

En canto á formación ideolóxica, cabe destacar a predilección de José Sánchez Rosa polo diálogo didáctico; esta é a forma que adoptan a maior parte dos seus folletos, con títulos bastante reveladores do contido, como El capitalista y el trabajador (1911), Diálogo en el campo. El guarda y el obrero (1911), El obrero sindicalista y su patrono (1911), Los dos profesores. Diálogo sobre la enseñanza raconalista (1911), Los dos niños en la escuela. Diálogo sobre la escuela racionalista (1912) ou El burgués y el anarquista (1914), entre outros.

No grupo de obras de pensamento mestúranse textos panfletarios e ensaios reflexivos de autores recoñecidos, como La anarquía ante los tribunales (1912), do avogado e anarquista italiano Pietro Gori (1865-1911); El amor libre (1913), da profesora libertaria francesa Madeleine Vernet (1878-1949); El Ídolo Patria (1915), obra antibélica do pensador francés André Lorulot (1885-1963); Fundamentos y principales tendencias del anarquismo contemporáneo (1916), do anarquista español Anselmo Lorenzo (1841-1914); El dolor universal (1931), do filósofo e pedagogo francés Sébastien Faure (1858-1942); e outras obras de escritores e activistas como Nicolás Alonso Marselau, Salvador Cordón ou José López Montenegro.

Notas

Categoría:Editoriais de España desaparecidas