Samuel Fernández Leonardo, nado en Narón o 17 de marzo de 2007, é un futbolista galego que xoga como defensa central no Fabril, da Segunda Federación.
Traxectoria Naceu no barrio da Gándara en Narón o 17 de marzo de 2007, no seo dunha familia moi vencellada ao deporte, sendo un dos cinco fillos de Mario Fernández e Mónica Leonardo. Comezou a xogar ao fútbol aos tres anos no Narón, no que xogaban tamén seus irmáns maiores Dani e Pablo. Máis tarde foi xunto a Dani para o Galicia de Caranza e tras pasar tamén polo Parrulo de fútbol sala, recalou cos seus irmáns na canteira do Racing de Ferrol.
En 2018, aos 11 anos, incorporouse á estrutura do Deportivo da Coruña, en idade alevín. Nos seguintes anos foi subindo polas diferentes categorías inferiores do club, alternando cesións no San Tirso, e converteuse nun dos defensas máis prometedores da canteira coruñesa. Na tempada 2023/24, con 16 anos, debutou co equipo xuvenil na División de Honra, e axiña se asentou na titularidade ás ordes de Manuel Pablo. Na seguinte campaña estreouse co Fabril na Segunda Federación e recibiu as súas primeiras convocatorias co primeiro equipo.
O 4 de decembro de 2025, despois de só 15 partidos co Fabril, debutou co Deportivo da Coruña na segunda rolda da Copa do Rei, ante o Sabadell na Nova Creu Alta. Saltou ao terreo de xogo como titular, formando no centro da defensa xunto ao belga Lucas Noubi.
Selección española En decembro de 2025 foi convocado pola selección española sub-19, debutando como titular nun partido ante Australia no Xapón.
Notas
Categoría:Nados en Narón Categoría:Nados en 2007 Categoría:Futbolistas de Narón Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19