Hollie Davidson, nada en Aboyne (Aberdeenshire, Escocia) o 19 de setembro de 1992, é unha árbitro de rugby escocesa, que arbitra para a Unión Escocesa de Rugby.

Traxectoria Comezou a xogar ao rugby con 14 anos e ocupou a posición de medio melé nas filas do Murrayfield Wanderers, chegando a ser internacional coa selección escocesa sub-20. Con todo, unha lesión nun ombreiro puxo fin á súa carreira como xogadora.

En 2015 iniciou curso de arbitraxe na Unión Escocesa de Rugby (SRU). En 2017 converteuse na primeira muller árbitro profesional a tempo completo na SRU. En 2018 foi árbitro asistente nun partido entre o Glasgow Warriors e o Zebre na Pro14.

En 2019 converteuse na primeira muller en arbitrar no Melrose Sevens. O 16 de novembro de 2019 arbitrou o partido entre o Stirling County e o Southern Knights no Super 6. En xaneiro de 2021 foi nomeada para arbitrar por primeira vez un partido profesional masculino. Ese partido, e un posterior para o que tamén foi nomeada, foron cancelados e, en marzo de 2021, foi nomeada para outro partido da Pro 14. Arbitrou o seu primeiro partido da Pro 14 o 19 de marzo de 2021, entre o Munster e o Benetton, e recibiu eloxios do adestrador do Munster, Johann van Graan.

O 18 de marzo de 2022 arbitrou o partido da Copa de 1872 entre o Glasgow Warriors e o Edinburgh Rugby no United Rugby Championship.

En 2025 arbitrou a final da EPCR Challenge Cup, converténdose na primeira muller árbitro nunha final europea.

Carreira internacional Desde 2017 arbitrou nas Series Mundiais Femininas de Rugby a 7. En 2018 arbitrou no Rugby Europe, nos Xogos da Commonwealth e na Copa do Mundo de Rugby a Sete. En 2019 arbitrou un partido do Torneo das Seis Nacións feminino entre Gales e Irlanda.

En 2021 foi árbitro no torneo de rugby a sete nos adiados Xogos Olímpicos de 2020.

En novembro de 2022 foi a elixida para dirixir a final da Copa do Mundo Feminia de Rugby entre Nova Zelandia e Inglaterra, repetindo na final de 2025.

Notas

Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Escocia Categoría:Alumnos da Universidade de Edimburgo Categoría:Árbitros de rugby