Martín Barreiro Carreira, nado en Lugo o 4 de xullo de 1977, é un físico galego, especialista en meteoroloxía, oceanografía e climatoloxía, e experto en comunicación sobre o cambio climático.
Traxectoria En 2003 licenciouse en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en previsión meteorolóxica marítima.
A súa traxectoria profesional comezou en xullo de 2001, estando vencellado a Meteogalicia até xuño de 2010, onde exercía como meteorólogo operacional e numérico. Nese mesmo período traballou na CRTVG, como meteorólogo e presentador do tempo na Televisión de Galicia, así como asesor científico ao servizo da información da Radio Galega. Axiña se converteu nun dos rostros máis populares da televisión pública galega, grazas ao seu estilo de comunicación, así como ao seu aspecto e o seu cabelo longo, que contrastaba coa formalidade estilística do histórico "home do tempo" da TVG, Santiago Pemán.
En xullo de 2010 incorporouse ao equipo de El tiempo de RTVE, onde traballou como meteorólogo e presentador de televisión. Entre 2010 e 2014, presentou El tiempo fin de semana e os informativos territoriais. Despois, de 2014 a 2016, presentou El tiempo no Telediario Matinal, e en Los desayunos de TVE. De 2016 a 2020, volveu presentar El tiempo fin de semana e tamén no Canal 24 Horas. Polo seu traballo como presentador do tempo recibiu en 2016 o Premio Mestre Mateo ao mellor comunicador de televisión.
En 2012, xunto con outros compañeiros, fundou a Asociación de Consumidores de Meteoroloxía (ACOMET) e participou no especial de Noiteboa "Bailando y cantando contigo" en La 1. Desde 2015 participa en "Telepasión ", tamén emitido na Noiteboa en La 1 de TVE. En 2016, foi colaborador de "España vuelta y vuelta" en RNE . E entre 2016-2017 e en 2022, presentou "Aquí la Tierra" en numerosas ocasións. En 2018, copresentou a Cabalgata dos Reis Magos con Jacob Petrus e Marta Solano.
Desde setembro de 2020, presenta a sección de medio ambiente de La hora de La 1, onde realiza investigacións e reportaxes sobre cuestións ambientais, cambio climático e meteoroloxía, empregando técnicas de realidade aumentada. Tamén colaborou na sección de actualidade de Días de verano durante o verán de 2021 e en Mejor contigo entre 2021 e 2022, ambos programas en RTVE.
Notas
Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1977 Categoría:Presentadores da TVG Categoría:Presentadores de Televisión Española