miniatura|Esqueleto de veas de tecidos condutores dunha folla de Hydrangea (hortensia) mostrando as anastomoses das veas. Unha anastomose é unha conexión ou abertura entre dúas cousas (especialmente cavidades ou vías) que son normalmente diverxentes ou ramificadas, como entre vasos sanguíneos, veas de follas ou ríos. Tales conexións poden ser normais (como o forame oval no corazón dun feto) ou anormais (como o forame oval persistente no corazón adulto); ou poden ser adquiridas (como nunha fístula arteriovenosa) ou innatas (como a derivación arteriovenosa dunha metaarteríola); e poden ser naturais (como os exemplos antes mencionados) ou artificiais (como nunha anastomose cirúrxica). O restablecemento dunha anastomose que fora antes bloqueada chámase reanastomose. As anastomoses que son anormais, sexan conxénitas ou adquiridas, adoitan chamarse fístulas.

O termo utilízase en medicina, bioloxía, zooloxía, micoloxía, botánica, cibernética, xeoloxía e xeografía.

Etimoloxía Anastomose: do latín moderno ou médico anastomosis, do grego Greek ἀναστόμωσις, anastomosis, 'saída, abertura', do grego ana-, 'arriba, encima', e stoma, 'boca'.Online Etymology Dictionary Douglas Harper A sílaba -stom- está relacionada con estoma en botánica ou estoma en medicina.

Anatomía médica miniatura|Unha rede de vasos sanguíneos. Unha anastomose é a conexión de dúas estruturas normalmente diverxentes. Fai referencia a conexións entre vasos sanguíneos ou estruturas tubulares, como as asas do intestino.

Circulatoria

Nas anastomoses circulatorias moitas arterias anastomósanse naturalmente; por exemplo, a arteria epigástrica inferior e a arteria epigástrica superior, ou as arterias comunicantes anterior e posterior no círculo de Willis do cerebro. As anastomoses arteriais poden ser reais ou potenciais; exemplos destas últimas son as das arterias coronarias e a rama cortical das arterias cerebrais). Tamén existen anastomoses venosas. As anastomoses tamén forman rutas alternativas arredor das redes de capilares en áreas que non necesitan unha gran subministración de sangue, axudando así a regular o fluxo sanguíneo sistémico.

Ciúrxica

As anastomoses cirúrxicas ocorren cando segmentos do intestino, vasos sanguíneos ou calquera outra estrutura son conectados cirúrxicamente (anastomosados). Exemplos son as anastomoses arteriais en cirurxías de bypass, as anastomoses intestinais despois da resección dunha parte do intestino, a anastomose en Y de Roux e a ureteroureterostomía. As técnicas de anastomoses cirúrxicas inclúen a anastomose grampada lineal, as anastomoses cosidas a man, ou as anastomoses extremo con extremo. As anastomoses poden realizarse a man ou asistidas cun aparato de anastomoses. Realizáronse estudos comparando varias estratexias de facer anastomoses que teñen en conta o "tempo e custo, hemorraxias anastomóticas postoperativas, filtracións e estrutura" cirúrxicos.

Filtracións nas anastomoses de cirurxía de cancro colorrectal

O fracaso dunha anastomose intestinal (unir o intestino que foi seccionado) na que se producen filtracións do contido intestinal na cavidade abdominal é unha das complicacións máis graves despois dunha cirurxía intestinal. A gravidade do filtrado anastomótico varía desde leve e cun efecto mínimo no paciente a grave e potencialmente mortal, con efectos negativos a curto e longo prazo. A incidencia non cambiou nas últimas décadas, malia as melloras nas técnicas cirúrxicas, prehabilitación e coidados perioperativos. A filtración anastomótica despois dunha operación de cancro rectal é maior e ocorre no 9-11 % dos casos; despois da resección do colon a incidencia de filtracións é menor, e só chega a un 6 %.Snijders HS, Wouters MWJM, Van Leersum NJ, Kolfschoten NE, Henneman D, De Vries AC, et al. Meta-analysis of the risk for anastomotic leakage, the postoperative mortality caused by leakage in relation to the overall postoperative mortality. Eur J Surg Oncol EJSO. 2012 Nov;38(11):1013–9Meyer J, Naiken S, Christou N, Liot E, Toso C, Buchs NC, et al. Reducing anastomotic leak in colorectal surgery: The old dogmas and the new challenges. World J Gastroenterol. 2019 Sep 14;25(34):5017–25 Os factores sistémicos que contribúen ao fracaso das anastomoses son sepses, anemia, diabetes mellitus, irradiación previa, malnutrición, uso de esteroides, fumar, forte consumo de alcohol, obesidade e certas doenzas como a enfermidade de Chron.Chen C. The Art of Bowel Anastomosis. Scand J Surg. 2012 Dec;101(4):238–40Chiarello MM, Fransvea P, Cariati M, Adams NJ, Bianchi V, Brisinda G. Anastomotic leakage in colorectal cancer surgery. Surg Oncol. 2022 Mar;40:101708

Signos dunha filtración anastomótica son a febre, a dor abdominal ou peritonite, a leucocitose e taquicardias ou arritmias de nova aparición. A filtración anastomótica adoita diagnosticarse de 5 a 8 días despois da operación cirúrxica. Un escaneamento de tomografía computadorizada con pneumoperitoneo e presenza significativa de fluído libre ou cambios inflamatorios arredor das anastomoses suxiren un fallo da anastomose. Dependendo da magnitude do defecto e da filtración están indicados diferentes tratamentos. Unha filtración anastomótica localizada sen sepse sistémica ou peritonite pode tratarse con antibióticos e se é posible drenaxe do absceso. As filtracións anatomóticas asociadas con peritonite ou sepse sistémica requiren unha operación con revisión da anastomose se é factible, ou desviación fecal proximal ou no sitio da anastomose cun estoma.

Patolóxica

As anastomoses patolóxicas orixínanse por traumas ou doenzas e poden afectar veas, arterias ou intestinos. Estas adoitan denominarse fístulas. No caso das veas e arterias, as fístulas traumáticas adoitan producirse entre arterias e veas. As fístulas intestinais traumáticas ocorren normalmente entre dúas asas do intestino (fístula entero-entérica) ou entre intestino e pel (fístula enterocutánea). Ao contrario, a anastomose portacaval é unha anatomose entre unha vea da circulación portal e unha vea da circulación sistémica, que permite que o sangue evite pasar polo fígado en pacientes con hipertensión portal, resultando a miúdo en hemorroides, varices esofáxicas ou cabeza de Medusa (caput medusae).

Bioloxía

Evolución En evolución, as anastomoses son unha recombinación da liñaxe evolutiva. Nas representacións convencionais das liñaxes evolutivas estas preséntanse como ramificacións de especies que dan novas formas. Se se producen anastomoses nas liñaxes, as especies poderían recombinarse despois da súa inicial ramificación, como no caso de investigacións recentes que mostraron que poboacións ancestrais ao longo das liñaxes que darían lugar a humanos e chimpancés puideron cruzarse despois do evento inicial de ramificación. O concepto de anastomoses tamén se aplica á teoría da simbioxénese, na cal emerxen novas especies da formación de novas relacións simbióticas.

Micoloxía miniatura|Láminas anastomosadas do fungo Marasmius cf. cladophyllus. En micoloxía, as anastomoses son fusións entre ramas dunha mesma ou de diferentes hifas. Por tanto, as hifas fúnxicas bifurcantes poden formar verdadeiras redes reticulantes. Ao compartir materiais en forma de ións disoltas, hormonas e nucleótidos, o fungo mantén comunicación bidireccional entre as súas partes. A rede fúnxica pode empezar por varias orixes; varias esporas (é dicir, por medio de tubos de anastomose conidial), varios puntos de penetración, cada un espallando unha circunferencia de absorción e asimilación. Unha vez que encontran outro extremo que se está expandindo e explorando, os extremos fan presión un contra o outro ao recoñeceren feromonas ou por un sistema de recoñecemento descoñecido, fusionándose para formar unha colonia clonal singular xenética que pode cubrir extensións de varias hectáreas, chamadas xenets (genets) ou só unha área microscópica.

Para os fungos a anastomose é tamén un compoñente da reprodución. Nalgúns fungos, dous tipos de apareamento haploides diferentes –se son compatibles– poden fusionarse. Somaticamente, forman unha fronte de onda micelial morfoloxicamente similar que continúa crecendo e explorando. A diferenza significativa é que cada unidade septada é binucleada, contendo dous núcleos non fusionados, é dicir, un de cada fungo parental que finalmente sofre cariogamia e meiose para completar o ciclo sexual.

Ademais, o termo "anastomosante" úsase para as láminas formadoras de esporas de fungos que se interconectan e separan para formar unha rede.

Botánica O crecemento dunha figueira estranguladora arredor da árbore hóspede, con gabiáns que se fusionan para formar unha rede, chámase anastomose. Os vasos dos tecidos condutores das plantas tamén se poden anastomosar.

Cibernética

Retículo anastomótico En cibernética de xestión, Stafford Beer usou o termo "retículo anastomótico" para referirse a un determinado tipo de rede de conexións enguedelladas entre entradas (inputs) e saídas (outputs), de tal maneira que é difícil trazar o fluxo de mensaxes a través da rede.:30–33 Debido á súa complexidade, as operacións internas de dita estrutura son difíciles de analizar e describir, e a rede completa debería mellor ser considerada como unha caixa negra (sábese o que entra e sae pero non o que ocorre no seu interior). Segundo Beer, os sistemas viables revelan moitas desas redes, e por tanto, compréndense mellor nestes termos.:66–67

Xeociencias

Xeoloxía

En xeoloxía, os filóns de cuarzo (ou outros) minerais poden presentar anastomoses.

Unha zona de cizalla dúctil é frecuente que mostre xeometrías anastomóticas de rochas moi tensadas arredor de porcións de material menos deformado.

As coadas de lava ás veces flúen en canles de lava ou tubos de lava anastomosados.

En sistemas de cavernas, a anastomose é a división dos corredores das cavernas que despois se volven conectar.

Xeografía e hidroloxía Os ríos anastomosados constan de moitas canles que se dividen e volven xuntarse e están separadas por bancos semipermanentes formados por material cohesivo, de tal maneira que é improbable que migren da posición dunha canle a outra. Poden confundirse cos ríos trenzados se nos baseamos só na súa feitura ou plan xeral, pero, sendo precisos, os ríos trenzados son moito menos profundos e máis dinámicos que os anastomosados. Algunhas definicións esixen que os ríos anastomosados estean feitos de canles interconectadas que encerran cuncas de inundación, de novo en contraste cos ríos trenzados. Os ríos trenzados mostran canles anatomosadas arredor de barras de aluvións.

Son exemplos de ríos con tramos anastomosados o río Magdalena de Colombia, o tramo superior do río Columbia na Columbia Británica, Canadá,Abbado, D., Slingerland, R.L., and Smith, N.D., 2005, The origin of anastomosis in the upper Columbia River, British Columbia, Canada: In Blum, M.D., Marriott, S., and Leclair. S. (eds.), Fluvial Sedimentology VII, Internat. Assoc. Sedim. Special Publ. 35. as Drumheller Channels dos Channeled Scablands do estado de Washington, Estados Unidos, e o tramo superior do río Narew en Polonia.

Notas

Categoría:Anxioloxía Categoría:Aparato dixestivo Categoría:Evolución Categoría:Petroloxía Categoría:Cirurxía Categoría:Anatomía