Monarchia, tamén chamado De Monarchia, é un tratado en lingua latina do poeta florentino Dante Alighieri, escrito entre 1312 e 1313, sobre os poderes relixioso e secular. Este texto é a achega de Dante a un dos asuntos máis polémicos da súa época: a relación entre a autoridade terreal (representada polo Sacro Imperio Romano) e a divina (encarnada na figura do Papa). A postura do vate xa era coñecida no seu tempo, posto que como político defendeu a autonomía da cidade estado de Florencia fronte ás esixencias de Bonifacio VIII. A Igrexa Católica prohibiu o texto en 1585.
Historia O título atopado nos manuscritos de Dante e na editio princeps é, sinxelamente, Monarchia. Michele Barbi sinalou este feito, cominando ós editores a modificar o título tradicional (De Monarchia). Neste mesmo sentido, Prue Shaw indicou a orixe do erro e a adición do "De".
Segundo a cronoloxía máis aceptada, a Monarchia foi composta entre 1312 e 1313; é dicir, durante a viaxe de Henrique VII de Luxemburgo a Italia. Porén, outros autores defenden unha data anterior, cara a 1308; outra hipótese sitúa a súa creación contra 1318, pouco antes do pasamento do autor en 1321.
Contidos Monarchia está composto por tres libros, entre os que destaca o terceiro, no que Dante desenvolve de xeito máis explícito as relacións entre o Papa e o emperador. O poeta comeza cunha condena da concepción hierocrática do poder papal creada pola Igrexa de Roma coa alegoría do sol e da lúa, confirmada pola bula Unam sanctam de 1302. A idea central da hierocracia é que todo o poder reside na figura do Papa, polo que a súa autoridade é superior cá do emperador; xa que logo, aquel pode intervir con lexitimidade nos asuntos que adoitan considerarse seculares.
Contra esta visión, Dante defendeu a necesidade doutro gran poder, o Sacro Imperio Romano, postulando que o ser humano persegue dúas fins: a felicidade na vida mundana e na vida eterna. Nesta liña, o florentino asignoulle ó Papa a xestión da vida eterna (a superior entre as dúas), namentres o emperador ten a tarefa de dirixir ás persoas cara á ledicia na Terra. Así, distingue entre a esfera temporal e a espiritual, ás que considera autónomas. Polo tanto, o pontífice non tería autoridade nin influencia sobre o emperador no desempeño das tarefas que lle son propias.
En suma, Dante tentou demostrar que o emperador e mais o Papa son humanos, e que ambos derivan o seu poder directamente de Deus. Para entender isto, é necesario comprender que os humanos son os únicos seres que ocupan unha posición intermedia entre o corruptible e o incorruptible. As persoas constan de dúas partes, a alma e o corpo, e só aquela é incorruptible. O ser humano debe unir os dous ámbitos. En consecuencia, tanto o Papa como o emperador son humanos, e ningún ten autoridade sobre o outro. Unicamente un poder superior pode xulgar dúas "espadas iguais", posto que cada unha recibe o seu poder de Deus para gobernar sobre o seu eido respectivo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Obras de Dante Alighieri