Brancaflor é un personaxe feminino da mitoloxía galega que participa en diferentes contos populares, nos que se namora do heroe protagonista e o axuda a superar certas probas para terminar casando e sendo felices.
Trátase dunha das tres fillas do demo, a menor, de onde lle veñen os poderes máxicos que posúe e que lle permitirán axudar e salvar ó seu amado. Nalgunhas tradicións é a filla dun rei ou dun nobre que, en calquera caso, destacan pola súa maldade. Nos contos nos que actúa percíbese unha certa relación coas mouras, coas que comparte beleza, eses poderes máxicos e unha clara atracción pola auga.
miniatura|O protagonista xoga contra o demo... e perde a súa alma
Argumento A narración, da que -coma sempre na literatura oral- existen diferentes versións, comeza cun cabaleiro (ou un home adiñeirado) a quen lle gusta a xogueta ata o punto de que perde toda a súa fortuna. Nun último intento de recuperar a súa posición, xoga unha última partida de cartas do demo na que aposta a súa alma e, naturalmente, perde; noutra versión, vende a súa alma ó demo a cambio dunha baralla coa que tivera asegurada sempre triunfar no xogo.
O noso protagonista vese obrigado, para recuperar a súa alma, a ir buscala pasado un tempo (un ano, cinco anos) a un afastado castelo, que por veces se chama Castelo de Irás e non Volverás pero que, no fondo, non deixa de ser o outro mundo, o alén. Pero descoñece a situación dese castelo e debe recibir a axuda de seres, sempre femininos, que o dirixan e trasporten ata alá. Este ser, a maiores, daralle consellos para lograr o seu obxectivo. Na versión que recollen Cuba e outros, este personaxe é Bruta, unha vella que vive na beira do mar e que se ofrece a levalo ata o castelo a cambio do sangue dun boi, do que se alimenta. O mozo dálle o que pide e a vella lévao sobre si ó outro lado do mar,Tradicionalmente, cruzar o mar representa chegar ó outro mundo. ata un punto onde sinala unha fonte na que adoita bañarse Blancaflor.
Cando por fin chega ó castelo, atopa efectivamente a Brancaflor bañándose, unhas veces soa, outras xunto ás súas irmás. Seguindo os consellos de Bruta, róuballe o vestido e dille que só llelo devolverá se promete axudalo en todo o que lle ordene facer o seu pai. A moza, naturalmente, accede. Noutra versión, son catro pombas (que son catro irmás) as que se bañan, logo de deixar na beira as súas plumas, e o protagonista ten que coller as plumas da máis branca, que se transformará en Brancaflor condo llas devolva e se vista.
O demo, o dono do castelo, imporá tres probas ó cabaleiro para recuperar a alma, e este conseguirá superalas grazas á axuda máxica de Brancaflor. A terceira proba consistiu en descer ata o fondo do mar e coller un anel que pertenceu á trisavoa de Brancaflor. Esta dille que debe cortala en anacos e botalos ó mar, pero coa precaución de non perder nin unha soa pinga do seu sangue. Así o fai o mozo e Brancaflor sobe co anel pero o certo é que lle caíra unha gota ó chan, polo que a moza xorde sen o dedo maimiño.
miniatura|Castelo de Irás e non Volverás
Aínda así, Brancaflor e o cabaleiro acordan fuxir do castelo e casar, pero como o demo é consciente de que, se superara as probas, foi grazas á axuda da filla, decide matar os dous. A filla adiviña as intencións do pai e enche o seu dormitorio co seu cuspe e, cando vén o demo á habitación e pregunta por eles, é o cuspe quen responde. Logo bota sobre a cama da parella unha roda de navallas pero cando entra comproba que non hai ninguén. Fuxiran nun dos tres cabalos que tiña o demo, que era tan rápido como o pensamento.
O demo, alporizado ó verse burlado, sae na súa busca pero a filla consegue enganalo transformando ó seu home, ó cabalo e a si mesma en distintas cousas ata que, por fin, se transforma en mar, que o demo xa non pode franquear.Xa se sabe que o mar é sagrado e o demo non pode entrar nel. Disque cando ten fame pide ós mariñeiros que lle garden algún peixe pero faino sempre desde a beira. Xa libres, o mozo pídelle a Brancaflor ir ata a súa casa, e a moza consinte pero advírtelle que non abrace a ninguén nin permita que ninguén o abrace, pois si tal pasara esqueceríaa inmediatamente. Pero o caso é que ó chegar a casa saíulle a súa cadela e o mozo abrázaa, cumpríndose o que ela lle dixera.
Efectivamente, o mozo esquece a Brancaflor e decide casar con outra. Blancaflor queda na aldea, como costureira, e acode o día da voda onda o noivo, que aínda non a recoñece. Pregúntalle, a modo de adiviña, que cando se mercan dúas vacas en momentos distintos, a cal se lle dá máis valor, e el contesta que á primeira que entra na casa. E nese momento recoñece a Brancaflor e acorda casar con ela porque ela foi a primeira.Resulta curioso que o refraneiro afirme o contrario nisto das preferencias: "A primeira muller, vasoira, e a segunda, dona".
Brancaflor na literatura medieval Co mesmo nome de Brancaflor existe outro personaxe fantástico que protagoniza a epopeia medieval de ''Perceval.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Mitoloxía galega