Margarita Manso Robledo, nada en Valladolid o 24 de novembro de 1908 e finada en Madrid o 28 de marzo de 1960, foi unha pintora española da Xeración do 27 e membro do grupo coñecido como Las Sinsombrero.
Traxectoria A súa familia instalouse en Madrid, onde a súa nai estabeleceu un taller de costura. Ingresou como estudante na Academia de San Fernando, onde tivo como profesor a Julio Romero de Torres, quen a retratou dúas veces. Na Academia tamén estudaban Maruxa Mallo, con quen mantivo grande amizade, e Salvador Dalí. O seu carácter transgresor afianzouna nos ambientes intelectuais da capital. Pertenceu ao grupo íntimo de Mallo, Salvador Dalí e Federico García Lorca, quen lle dedicou o romance Muerto de amor do seu Romancero Gitano. É famosa a anécdota da visita do grupo de amigos ao mosteiro de Santo Domingo de Silos. Como a entrada estaba vetada para as mulleres, Mallo e Manso decidiron disfrazarse de homes e así puideron visitar o cenobio.
O nome de Las Sinsombrero, co que se coñece ás mulleres esquecidas da Xeración do 27, provén da anécdota que protagonizaron Maruxa Mallo, Margarita Manso, Salvador Dalí e Federico García Lorca. Para transgrediren o costume de levar a cabeza cuberta, quitaron o chapeu no medio da Porta do Sol ante o enfado e o asombro dos transeúntes.
Casou en decembro de 1933 co escenógrafo de La Barraca e pintor Alfonso Ponce de León, que fora o seu compañeiro de estudos na Academia de San Fernando e quen a retratou. Ponce de León afiliouse a Falanxe Española e foi asasinado en Madrid ao comezo da guerra civil española.
Saíu de España fuxindo da guerra, pero volveu en 1938 e instalouse en Burgos. Alí coñeceu a Dionisio Ridruejo, con quen colaborou deseñando carteis e decorados para o seu grupo teatral. Casou en 1940 co endócrino Enrique Conde Gargollo, un home afín á ditadura, e tiveron tres fillos.
Manso volveuse unha muller devota e falanxista. O resto da súa vida escondeu o seu pasado e a súa íntima amizade e as súas vivencias con Lorca, Dalí e Mallo. Morreu en 1960, con 51 anos de idade, dun cancro de mama.
Notas
Categoría:Nados en Valladolid Categoría:Finados en 1960 Categoría:Nados en 1908 Categoría:Pintores de España