Mikhail Kuzmich Yangel (en ruso: Михаил Кузьмич Янгель), nado en Zyryanova (oblast de Irkutsk) o 7 de novembro de 1911 e finado o 25 de outubro de 1971, foi un enxeñeiro soviético que axudou a desenvolver varios mísiles balísticos intercontinentais (ICBM) e outros foguetes soviéticos.
Traxectoria Yangel naceu en Zyryanova, no oblast de Irkutsk, en Siberia, Rusia. Migrou a Moscova para reunirse co seu irmán Konstantin, comezando a traballar nunha fábrica de tecidos e en 1931 ingresando no Instituto de Aviación de Moscova. Graduouse en 1937, indo a traballar na oficina de deseño de avións de combate de Polikarpov. Viaxou a Estados Unidos para ser adestrado nunha fábrica como parte da preparación para a fabricación en territorio soviético de avións estadounidenses con licenza. Ao seu regreso foi nomeado asistente de Polikarpov e en 1940 foi nomeado director adxunto da fábrica principal de Polikarpov en Novosibirsk. En 1944 pasou a formar parte da oficina de deseño de cazas de Mikoyan e en xaneiro de 1945 foi nomeado enxeñeiro xefe da oficina de Myasishchev, traballando brevemente no Ministerio da Industria da Aviación antes de pasar a formarse cun graduado superior na Academia da Industria da Aviación entre 1948 e 1950. O 12 de abril de 1950 foi nomeado xefe da sección de sistemas de guiado do instituto NII-88 de Sergei Koroliov para a investigación en mísiles balísticos. En 1952 nomean a Yangel director do NII-88 e máis tarde, en 1954, xerente da fábrica 586, unha das dúas oficinas para deseño, xestión e construción de mísiles nas que se dividiron xeograficamente as oficinas orixinais de Koroliov (orixinalmente todas en Moscova) para protexerse ante un hipotético ataque nuclear estadounidense. Na fábrica 586 Yangel comezou a desenvolver o mísil R-12, que sería o primeiro ICBM en ser fabricado en masa na Unión Soviética e foi a causa da crise dos mísiles de Cuba ao ser despregado na illa caribeña. Máis tarde guiou o desenvolvemento dos mísiles R-14, R-16 e R-36.
Daquela a era espacial daba os seus primeiros pasos e Yangel colaborou nela elaborando o foguete Kosmos 63S1, que usaba como primeira etapa un R-12 e se usou para lanzar a serie de satélites DS (Dnepropetrovsk Sputnik). O mísil R-14 tamén se usou como primeira etapa doutro foguete espacial, o Kosmos 3. Yangel compiteu con Korolio e Vladimir Chelomei na creación de foguetes cada vez máis potentes, sen éxito, xa que a súa proposta (o foguete espacial R-56) foi descartado a favor dos lanzadores UR-500 de Chelomei, despois coñecidos como Proton, e N1 de Koroliov. Porén, para o programa lunar liderado por Koroliov Yangel colaborou desenvolvendo o foguete para a aterraxe do módulo lunar LK, que fixo tres voos de proba sen problemas entre 1970 e 1971 e finalmente non viaxaría á Lúa. Yangel falecería en 1971, despois da conclusión das probas do LK.
Un cráter da Lúa e o asteroide 3039 Yangel levan o seu nome.
Véxase tamén
Outros artigos R-12 R-14 R-16 R-36 Kosmos 63S1
Ligazóns externas
Categoría:Nados en 1911 Categoría:Enxeñeiros da Unión Soviética Categoría:Finados en 1971 Categoría:Nados en Rusia