Iván Cepeda Castro, nado en Bogotá o 24 de outubro de 1962, é un político, filósofo e activista dos dereitos humanos colombiano. Foi elixido para a Cámara de Representantes de Colombia (2010-2014), e dende 2014 é senador. É membro do partido Pacto Histórico.

Traxectoria Nado en 1962 en Bogotá, Cepeda é o fillo máis vello dos activistas de esquerda Manuel Cepeda Vargas e Yira Castro. En 1965, á idade de 3 anos, Cepeda e a súa familia tiveron que exiliarse por mor da represión política, e durante os seus primeiros anos viviu en Praga. Despois da invasión do Pacto de Varsovia a Checoslovaquia, a familia de Cepeda procuraría refuxio na Habana, Cuba. A familia de Cepeda retornou a Colombia en 1970, pero seguiu sendo obxectivo de violencia política. O 9 de agosto de 1994, o seu pai foi asasinado nas rúas de Bogotá por un grupo paramilitar. Despois do asasinato do seu pai, uniuse á Xuventude Comunista.

Aos 19 anos, Cepeda emigrou a Sofía, Bulgaria, onde estudou filosofía na Universidade de Sofía. Cepeda regresou a Colombia en 1987 como un crítico do modelo soviético, ao cal consideraba autoritario, e participou na campaña presidencial de Bernardo Jaramillo Ossa, que sería asasinado posteriormente en 1990.

Cepeda máis tarde separaríase do Partido Comunista Colombiano, un partido no que foi activo durante a súa mocidade, e en 1990 uniuse ao partido Alianza Democrática M-19. Tras o asasinato do seu pai, creou a Fundación Manuel Cepeda xunto coa súa esposa, Claudia Girón, para identificar ao autor do crime.

Cepeda fundou o Movemento Nacional de Vítimas de Crimes de Estado (MOVICE) en 2003, formado por 17 organizacións que buscaban xustiza polos crimes que ocorreron durante o conflito armado colombiano nos anos 1980 e 1990. Isto levou a un aumento das ameazas violentas contra Cepeda, polo que volveu ao exilio en 2000 a Francia. Durante ese tempo, graduouse cun mestrado en Dereitos Humanos pola Universidade de Lión. Volveu a Colombia en 2003 para retomar o seu traballo defendendo as vítimas da violencia estatal e paramilitar en Colombia.

Enfermidade O 27 de marzo de 2018, Cepeda anunciou que tiña cancro de colon nunha fase temperá da enfermidade, mais foi operado e foi quen de se recuperar.

Carreira política Iván Cepeda comezou a súa carreira lexislativa en 2010, cando foi elixido representante á Cámara por Bogotá polo Polo Democrático Alternativo. Durante ese período, destacou polas súas denuncias sobre as ligazóns entre políticos e grupos paramilitares (parapolítica) e polo seu papel como facilitador nos procesos de paz coas FARC e o ELN.

En 2014 deu o salto ao Senado de Colombia, sendo reelixido en 2018 e 2022. Na actualidade forma parte da coalición Pacto Histórico, apoiando o goberno de Gustavo Petro. O seu traballo centrouse na defensa do Acordo de Paz de 2016, a reforma agraria e a loita contra a impunidade nos casos de violacións de dereitos humanos.

Ao longo da súa carreira política Cepeda acusou o expresidente Álvaro Uribe de ter vínculos con grupos paramilitares.

O 22 de agosto de 2025, na cidade de Pasto, anunciou a súa intención de participar na consulta interna do Pacto Histórico como precandidato presidencial. En outubro de 2025 gañou a consulta popular, converténdose no candidato oficial da esquerda para as eleccións presidenciais de Colombia de 2026 con 1 540 391 votos na consulta do partido. En marzo de 2026, anuncia a Aida Quilcué como a súa fórmula vicepresidencial nas eleccións.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Activistas de Colombia Categoría:Personalidades da filosofía Categoría:Senadores de Colombia Categoría:Nados en 1962 Categoría:Nados en Bogotá