Os virus de ARN monocatenario de sentido positivo, tamén chamados virus +ssRNA, (do inglés positive-single-stranded RNA viruses), virus de ARN monocatenario positivo ou virus de ARN de febra positiva son un grupo de virus relacionados que teñen xenomas de ácido ribonucleico (ARN) monocatenario de sentido positivo. O seu xenoma de sentido positivo pode actuar neles como ARN mensaxeiro (ARNm) que pode ser traducido directamente a proteínas virais polos ribosomas da célula hóspede. Os virus de ARN de febra positiva codifican unha ARN polimerase dependente de ARN (RdRp) que se usa durante a replicación do xenoma para sintetizar un antixenoma de sentido negativo, que despois se usa como molde para crear un novo xenoma viral de sentido positivo.
Os virus de ARN monocatenario positivo divídense entre os filos Kitrinoviricota, Lenarviricota e Pisuviricota (que comprenden as clases Pisoniviricetes e Stelpaviricetes) todos os cales están dentro do reino Orthornavirae e o realm Riboviria. Son monofiléticos e descenden dun virus de ARN antepasado común. No sistema de clasificación de Baltimore, os virus +ssRNA pertencen ao grupo IV.
Os virus de ARN monocatenario positivo comprenden patóxenos como o virus da hepatite C, virus do Nilo Occidental, virus do dengue, e os coronavirus MERS, SARS e SARS-CoV-2 (causante da COVID-19), así como patóxenos menos graves clinicamente como os coronavirus e rinovirus que causan o arrefriado común.
Xenoma
Os xenomas destes virus adoitan conter relativamente poucos xenes, normalmente entre tres e dez, incluíndo un xene para unha ARN polimerase dependente de ARN. Os coronavirus teñen os xenomas de ARN máis grandes coñecidos, de entre 27 e 32 kb de lonxitude, e probablemente posúen mecanismos de corrección de erros de replicación por medio dunha exorribonuclease dentro da proteína vírica non estrutural nsp14.
Replicación miniatura|Ciclo vital do virus da encefalite xaponesa un virus +ssRNA: adhesión, endocitose, fusión de membranas, decapsidación, tradución, replicación do ARN, ensamblaxe, maduración e liberación viral.
Os virus +ssRNA teñen un material xenético que funciona como xenoma e como de ARN mensaxeiro; pode ser traducido directamente a proteínas polos ribosomas. As primeiras proteínas en expresarse despois da infección serven para as funcións de replicación do xenoma; recrutan o xenoma viral de febra positiva en complexos da replicación viral formados en asociación con membranas intracelulares. Estes complexos conteñen proteínas tanto orixinadas polo virus coma pola célula hóspede, e poden estar asociados coas membranas de diversos organelos, xeralmente do retículo endoplasmático rugoso, pero tamén en membranas derivadas das mitocondrias, vacúolos, o aparato de Golgi, cloroplastos, peroxisomas, membrana plasmática, autofagosomas e novos compartimentos citoplásmicos.
A replicación dos xenomas dos virus de ARN de sentido positivo procede por medio de intermediarios de ARN bicatenario, e o propósito da replicación nestas invaxinacións membranosas pode ser evitar a resposta celular á presenza de ARN bicatenario. En moitos casos tamén se crean ARNs subxenómicos durante a replicación. Despois da infección, toda a maquinaria de tradución da célula hóspede pode ser desviada á produción de proteínas virais como resultado da afinidade moi alta polos ribosomas que teñen os sitios de entrada ao ribosoma internos (IRES) do xenoma viral; nalgúns virus, como os poliovirus e rinovirus, a síntese proteínas normal é ademais perturbada polas proteases virais que degradan compoñentes necesarios para iniciar a tradución do ARNm celular.
Todos os xenomas dos virus de ARN de febra positiva codifican unha ARN polimerase dependente de ARN, unha proteína viral que sintetiza ARN a partir dun molde de ARN. Entre as proteínas da células hóspede recrutadas polos virus +ssRNA durante a replicación están proteínas unión ao ARN, proteínas chaperonas e proteínas de remodelación da membrana e da síntese de lípidos, que en conxunto participan no aproveitamento das vías secretoras da célula para a replicación viral.
Recombinación miniatura|Mecanismos da recombinación do ARN replicativos e non replicativos. Numerosos virus de ARN de febra positiva poden realizar a recombinación xenética cando están presentes polo menos dous xenomas virais na mesma célula hóspede. A capacidade de recombinación entre virus +ssRNA patóxenos para os humanos é común. A recombinación do ARN parece ser unha importante forza impulsora que determina a arquitectura do xenoma e o curso da evolución viral entre os Picornaviridae (por exemplo, poliovirus). Nos Retroviridae (por exemplo, VIH), os danos no xenoma parecen evitarse durante a transcrición inversa por cambio de febra, unha forma de recombinación. A recombinación ocorre nos Coronaviridae (por exemplo, SARS). A recombinación dos virus de ARN parece ser unha adaptación para copiar a pesar de haber danos no xenoma. A recombinación pode tamén producirse infrecuentemente entre os virus +ssRNA da mesma especie pero de liñaxes diferentes. Os virus recombinantes resultantes poden por veces causar un gromo infeccioso en humanos, como no caso do SARS e MERS.
Os virus de ARN de febra positiva son comúns en plantas. En tombusvirus e carmovirus, a recombinación do ARN ocorre frecuentemente durante a replicación. A capacidade da ARN polimerase dependente de ARN destes virus para cambiar entre moldes de ARN suxire un modelo de elección de copia da recombinación do ARN que pode ser un mecanismo adaptativo para copiar con danos no xenoma viral. Outros virus +ssRNA de plantas tamén poden facer esta recombinación, como o bromovirus do mosaico do Bromus e o virus Sindbis.
Clasificación miniatura|Árbore filoxenética coas ramas dos filos salientadas. Negarnaviricota (marrón), Duplornaviricota (verde), Kitrinoviricota (rosa), Pisuviricota (azul) e Lenarviricota (amarelo).
Os virus de ARN de febra positiva encóntranse en tres filos: Kitrinoviricota, Lenarviricota e Pisuviricota, todos os cales están dentro do reino Orthornavirae no realm Riboviria. No sistema de clasificación de Baltimore, que agrupa os virus baseándose no modo en que fan a síntese de ARNm, os virus de +ssRNA están no grupo IV.
Kitrinoviricota O primeiro filo de virus +ssRNA é Kitrinoviricota. O filo contén os denominados "supergrupo alfavirus" e "supergrupo flavivirus" xunto con outros virus de xenoma curto. Recoñécense catro clases no filo: Alsuviricetes, o supergrupo alfavirus, que conttén un gran número de virus de plantas e virus de artrópodos; Flasuviricetes, que contén os flaviviruses, Magsaviricetes, que contén os nodavirus e os sinhalivirus; e Tolucaviricetes, que principalmente contén virus de plantas.
Lenarviricota
Lenarviricota é o segundo filo de virus +ssRNA. Comprende a clase Leviviricetes, que infecta procariotas, e os descendentes aparentes dos leviviruses, que infectan eucariotas. O filo divídese en catro clases: Leviviricetes, que contén os levivirus e outros virus relacionados, Amabiliviricetes, que contén os narnavirus e os seus relacionados, Howeltoviricetes, que contén os mitovirus e os seus relacionados, e Miaviricetes, que contén os botourmiavirus e os seus relacionados. Baseándose na análise filoxenética da RdRp, todos os outros virus de ARN considéranse que forman un clado irmán respecto dos Lenarviricota.
Pisuviricota miniatura|Imaxe de microscopio electrónico de transmisión con cores falsas dun virión de SARS-CoV-2. Os coronavirus como o SARS-CoV-2 pertencen ao filo Pisuviricota. O terceiro filo que contén virus +ssRNA é Pisuviricota, que foi chamado informalmente "supergrupo picornavirus". O filo contén unha grande ensamblaxe de virus de eucariotas que infectan animais, plantas, fungos e protistas. O filo comprende tres clases, dúas das cales conteñen só virus +ssRNA: Pisoniviricetes, que contén os nidovirus, picornavirus e sobelivirus, e Stelpaviricetes, que contén os potivirus e astrovirus. A terceira clase é Duplopiviricetes, cuxos membros son virus de ARN bicatenario que descenden de virus +ssRNA.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Virus de ARN bicatenario Virus de ARN monocatenario de sentido negativo Sentido (bioloxía molecular)
Categoría:Virus