MKA-FKI 1, tamén coñecido como Zond-PP (o nome do seu instrumento principal), foi un satélite artificial ruso lanzado o 22 de xullo de 2012 mediante un foguete Soiuz FG Fregat desde o Cosmódromo de Baikonur para estudar a superficie terrestre.

Características MKA-FKI 1 era un satélite de 156 kg de masa baseado no bus Karat e que levaba a bordo a carga útil Zond-PP, un radiómetro panorámico en banda L desenvolvido polo Instituto de Tecnoloxía de Radio e Electrónica Kotelnikov, da Academia Rusa de Ciencias, do que xa se instalara unha copia lixeiramente modificada no exterior da Estación Espacial Internacional durante unha excursión extravehicular o 16 de febreiro de 2011. Traballaba nunha frecuencia de 1400 MHZ (lonxitude de onda de 21 cm) para estudar a salinidade dos océanos e a humidade das masas terrestres para mellorar os modelos de circulación oceánica e as predicións meteorolóxicas e climáticas. Como carga secundaria, MKA-FKI 1 levaba a cámara multiespectral Pribor EK, desenvolvida por NPO Lepton e capaz de detectar vertidos de petróleo e benceno.

A esperanza de vida era de tres anos, pero o satélite deixou de funcionar en xuño de 2013, tras dez meses no espazo, posiblemente debido a un fallo da súa computadora de a bordo. A misión foi declarada perdida o 5 de xuño.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Soiuz FG Fregat

Categoría:Satélites artificiais