Os estilos de crianza ou estilos parentais son expresións empregadas na psicoloxía do desenvolvemento, na educación familiar e nas ciencias sociais para describir formas xerais de relación entre nais, pais ou persoas coidadoras e os seus fillos e fillas. O concepto fai referencia ao xeito no que se combinan a autoridade, o afecto, a comunicación, a supervisión e o grao de autonomía concedido no contexto familiar.

A clasificación máis coñecida procede dos traballos de Diana Baumrind sobre control parental e desenvolvemento infantil. Posteriormente, Eleanor Maccoby e John Martin ampliaron esta proposta mediante un modelo baseado en dúas dimensións: a esixencia ou control parental e a capacidade de resposta afectiva.Maccoby, Eleanor E.; Martin, John A. (1983). «Socialization in the context of the family: Parent-child interaction». En Mussen, Paul H.; Hetherington, E. Mavis, eds. Handbook of Child Psychology. Vol. 4: Socialization, Personality, and Social Development. Nova York: Wiley.

Concepto Os estilos de crianza describen patróns relativamente estables de relación familiar. Non fan referencia a unha conduta illada, senón ao clima xeral no que se producen as prácticas de crianza. Por exemplo, establecer unha norma, axudar coas tarefas escolares ou limitar o uso de dispositivos dixitais son prácticas concretas; o estilo de crianza explica o xeito no que esas prácticas se realizan.

Darling e Steinberg distinguiron entre «estilo parental» e «prácticas parentais». Segundo estes autores, o estilo parental funciona como o contexto emocional e relacional no que adquiren significado as prácticas educativas concretas.Darling, Nancy; Steinberg, Laurence (1993). «Parenting Style as Context: An Integrative Model». Psychological Bulletin, 113(3), 487–496. doi:10.1037/0033-2909.113.3.487.

Orixe do concepto O estudo sobre os estilos de crianza consolidouse na segunda metade do século XX. Baumrind identificou inicialmente tres formas principais de control parental: o estilo autoritario, o estilo permisivo e o estilo democrático ou autorizativo.Baumrind, Diana (1967). «Child care practices anteceding three patterns of preschool behavior». Genetic Psychology Monographs, 75(1), 43–88. Posteriormente, Maccoby e Martin reformularon esta clasificación e engadiron unha cuarta categoría: o estilo neglixente ou non implicado. Esta tipoloxía de catro estilos é unha das máis empregadas na investigación sobre a familia.

Clasificación

Estilo democrático ou autorizativo O estilo democrático ou autorizativo combina unha alta esixencia cun alto apoio afectivo. As persoas proxenitoras ou coidadoras establecen normas e límites claros, pero tamén explican as razóns das decisións, escoitan os nenos e favorecen, de xeito progresivo, a súa autonomía. Este estilo non implica ausencia de autoridade, senón que esta adoita exercerse mediante o diálogo, a coherencia e a sensibilidade cara ás necesidades evolutivas dos nenos.

Estilo autoritario O estilo autoritario caracterízase por unha alta esixencia e unha baixa capacidade de resposta afectiva. As normas adoitan ser ríxidas e a obediencia ocupa un lugar central. A comunicación tende a ser máis unidireccional e hai menos espazo para a negociación ou a explicación das decisións. Neste estilo, o control parental ten máis peso ca o diálogo ou a participación dos fillos e fillas nas decisións familiares.

Estilo permisivo O estilo permisivo combina unha alta capacidade de resposta afectiva cun baixo nivel de esixencia. As persoas proxenitoras adoitan amosarse próximas, afectuosas e receptivas, mais establecen poucos límites ou aplican as normas de maneira pouco constante. Na literatura tamén aparece ás veces a denominación de «estilo indulxente».

Estilo neglixente ou non implicado O estilo neglixente ou non implicado caracterízase por baixos niveis de esixencia e de resposta afectiva. Hai pouca supervisión, escasa comunicación e baixo acompañamento educativo ou emocional. No marco desta tipoloxía, o termo non se emprega necesariamente como equivalente de abandono, senón para describir unha baixa implicación parental.

Táboa comparativa + Estilos educativos parentais segundo esixencia e resposta afectiva Estilo Esixencia ou control Resposta afectiva Características xerais Democrático ou autorizativo Alta Alta Normas claras, comunicación e apoio á autonomía Autoritario Alta Baixa Control ríxido, obediencia e menor diálogo Permisivo Baixa Alta Afecto e proximidade, con poucos límites consistentes Neglixente ou non implicado Baixa Baixa Escasa supervisión e baixa implicación

Os estilos de crianza non son categorías estancas nin etiquetas fixas aplicables de maneira automática ás familias. Na práctica, unha mesma familia pode combinar trazos de distintos estilos segundo a idade dos nenos, a situación concreta, o contexto social ou as necesidades educativas e emocionais de cada menor.

Relación co desenvolvemento infantil e adolescente A investigación sobre estilos parentais analizou a súa relación con diferentes aspectos do desenvolvemento infantil e adolescente, como a autonomía, a competencia social, a autoestima, a regulación emocional ou o rendemento académico. O estilo democrático ou autorizativo adoita asociarse con resultados positivos no desenvolvemento.Steinberg, Laurence; Lamborn, Susie D.; Dornbusch, Sanford M.; Darling, Nancy (1992). «Impact of Parenting Practices on Adolescent Achievement: Authoritative Parenting, School Involvement, and Encouragement to Succeed». Child Development, 63(5), 1266–1281. doi:10.2307/1131532.

Estas asociacións non deben interpretarse como relacións simples nin universais. Os efectos dos estilos de crianza poden variar segundo distintos factores, como o temperamento, o contexto cultural ou a situación socioeconómica.

Críticas e limitacións A tipoloxía clásica foi moi influente, mais tamén recibiu críticas. Unha das máis habituais é que pode simplificar en exceso a vida familiar ao reducila a catro categorías xerais. As familias non sempre encaixan nun único estilo, e as formas de crianza poden cambiar segundo o ciclo de vida familiar, entre outras variables.

Outra crítica sinala que o modelo foi desenvolvido principalmente a partir de investigacións realizadas en contextos occidentais. Por isto, algunhas categorías poden non recoller adecuadamente o significado de certas prácticas parentais noutros contextos culturais. Ruth K. Chao, por exemplo, cuestionou a aplicación directa do estilo autoritario á crianza chinesa, sinalando a importancia da noción cultural de formación ou adestramento.Chao, Ruth K. (1994). «Beyond Parental Control and Authoritarian Parenting Style: Understanding Chinese Parenting through the Cultural Notion of Training». Child Development, 65(4), 1111–1119. doi:10.1111/j.1467-8624.1994.tb00806.x.

Tamén se ten indicado que os estilos de crianza deben interpretarse xunto coas condicións sociais nas que viven as familias. O tempo dispoñíbel, os recursos económicos, a conciliación laboral, a saúde mental parental, a presión escolar ou o grao de apoio comunitario poden influír nas formas de educación familiar.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Psicoloxía cognitiva

Categoría:Pedagoxía Categoría:Familia Categoría:Comportamento humano Categoría:Desenvolvemento humano Categoría:Infancia