Nikenike Vurobaravu, nado en Vanuatu o 3 de decembro de 1951, é un diplomático e político de Vanuatu que exerce como presidente de Vanuatu desde o 23 de xullo de 2022. Anteriormente ocupou numerosos postos diplomáticos e gobernamentais, incluído o de primeiro Alto Comisionado residente en Fidxi. É membro do partido político Vanua'aku Pati (VP).

Traxectoria Obtivo unha licenciatura en Artes pola Universidade do Pacífico Sur (USP) en Fidxi en 1977. Realizou un mestrado en estudos diplomáticos pola Universidade de Westminster no Reino Unido en 1993. Especializouse en cooperación para o desenvolvemento, análise de política exterior e xestión de misións diplomáticas mentres estudaba na Universidade de Westminster.

Foi coordinador do Programa de Reforma Integral de Vanuatu para o Banco Asiático de Desenvolvemento e asesor político na Oficina do Primeiro Ministro de 2008 a 2010.

En febreiro de 2014 foi nomeado Alto Comisionado de Vanuatu en Fixi, converténdose no primeiro Alto Comisionado do país en residir en Suva. Non obstante, en 2015 foi chamado a Vanuatu polo goberno. O 12 de outubro de 2017, o presidente Tallis Obed Moses nomeou a Vurobaravu para un segundo mandato como Alto Comisionado en Fixi. Vurobaravu presentou as súas credenciais ao presidente de Fixi, Jioji Konrote, o 14 de novembro de 2017.

Presidencia (2022–presente) Na oitava rolda de votacións das eleccións presidenciais de Vanuatu de 2022, o parlamento elixiu a Vurobaravu, o duodécimo presidente do país, obtendo 47 de 58 votos electorais. Nas sete roldas anteriores ningún candidato obtivo a maioría dos votos; non obstante, Vurobaravu negociou con nove membros do partido de coalición do ex primeiro ministro Charlot Salwai, que accederon a apoialo, o que lle permitiu gañar a presidencia.

O 18 de agosto de 2022 disolveu o parlamento a metade da lexislatura a petición do primeiro ministro Bob Loughman, quen aconsellou a disolución para evitar unha moción de censura. A decisión provocou críticas da oposición, e o líder desta, Ralph Regenvanu, anunciou que os partidos da oposición impugnarían a disolución nos tribunais. Posteriormente celebráronse eleccións anticipadas.

Notas

Categoría:Nados en 1951 Categoría:Nados en Vanuatu Categoría:Presidentes de Vanuatu Categoría:Alumnos da Universidade de Westminster