Sarria é unha vila galega da provincia de Lugo, capital da comarca de Sarria. Cos seus 13.345 habitantes (13.352 no 2006, 13.155 no 2005, 13.132 no 2004, 13.142 no 2003) segundo o INE é o quinto en poboación da provincia. O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) /sarriá.

Xeografía Está situado na metade sur da provincia. Limita ao norte cos concellos de Láncara e O Páramo, ao sur co Incio, ao leste con Samos e ao oeste con Paradela. No territorio do concello de Sarria pódense distinguir tres zonas xeográficas: unha chaira situada no centro e oeste, entre 500 e 700 de altitude, unha zona montañosa ao oeste, que chega aos 800 metros no Monte Páramo ou no Monte de Santa Icia, e o val ou "Veiga de Sarria", a 400 m. Abundan os terreos de labradío, especialmente lameiros, e os bosques son reducidos e sitúanse á beira dos ríos.

Varios ríos e regatos bañan o concello. O principal río, que dá nome á vila é o Sarria, que nace nas montañas de Triacastela. Nel verten o río Celeiro e o Ferreiros.

Clima Ten un clima oceánico con influencia continental, debido ao afastamento do mar e a situarse nun val.

Os invernos son fríos con xeadas frecuentes e os veráns suaves, sendo os meses con temperaturas máis baixas de novembro a marzo, cunha media duns 6 °C; e os meses con temperaturas máis altas xullo e agosto, cunha media duns 18 °C. A oscilación térmica é de 13 °C.

As precipitacións, abundantes, oscilan entre 933 mm e os 1457 mm; repártense regularmente ao longo de todo o ano, sendo menos frecuentes nos meses de verán.

Historia Prehistoria e historia antiga A zona onde máis tarde estaría localizada Sarria e a súa comarca xa estaba habitada no Neolítico. Daquela época quedan numerosos restos arqueolóxicos como poden ser as mámoas e as posteriores insculturas (ou gravados en pedras ou rochas) nas parroquias de Maside e Barbadelo. Destaca a necrópole de Santa Mariña, declarada Ben de interese cultural.

Da cultura castrexa consérvanse os castros de San Cosme da Pena, Outeiro de Goián, Teilonxe, Santa Icía en terras de Froián, San Miguel de Vilapedre, Tremeado, Padriñán, Betote e Tosal. Algúns estiveron ocupados até a romanización de Galicia.

A presenza romana en Sarria vén ligada a Lucus Augusti e Castro Dactonio (Monforte de Lemos). As escavacións arqueolóxicas revelaron a presenza de dúas vilas romanas localizadas en Vilar de Sarria e en Santo Antolín. Tamén se achou unha estela funeraria en Vilar de Sarria, que agora está exposta no Museo de Pontevedra.

No período suevo localizouse o condado Sarriense na zona que vai desde o río Neira ata o río Sil, abarcando as terras de O Cebreiro, Valcarce e O Courel. O resto da comarca sarriá pertenceu ao condado paramense.

A conquista musulmá foi escasa e non deixou case rastros arquitectónicos ou toponímicos. O único sinalado desta época foi que houbo unha repoboación da comarca de Sarria á que non foi allea o mosteiro de Samos.

Idade Media miniatura|esquerda|A Torre conservada do Castelo de Sarria. A fundación do mosteiro de Santo Estevo de Calvor in villa Astórica está datada no ano 785. No primeiro período medieval hai que destacar que se consolida o Condado de Sarria, no que os seus tenentes levaban xa a partir do século X o nome de “Comes in Sarria” ou “Comes in Elarín”, xa que en Larín (Láncara) estaba a “Vila Real” onde residían os meiriños e xuíces reais que tiñan xurisdición entre o Miño e o Sil, e nalgúns casos “ata a beira do mar”.

Ademais do condado sarriense, normalmente vinculado ao Condado de Lemos e á familia real, houbo outras tenzas en Louseiro e Froión, así como unha “mandatio” en Barbadelo, xunto con posesións ligadas aos reis en Louseiro e en San Cosmede.

Deste tempo queda a referencia a diferentes mosteiros, xeralmente de tipo familiar, que acabaron baixo a tutela do mosteiro de Samos: San Mateu de Vilapedre, Santo Antoniño de Sarria, Santa María de Corvelle, Santo Estevo de Calvor, San Paio de Cesar, San Paio e San Miguel de Piñeira, San Salvador de Rosende, Santiago e San Martiño de Barbadelo, Santiago de Mortoláns en Froián, San Salvador de Barxa, Santo Adriao de Monte Páramo... que deron lugar a unha intensa colonización das terras e á renovación das técnicas de cultivo.

O Camiño de Santiago foi o motor da creación de novos hospitais, ermidas, pontes e mesóns, atraendo a institucións asistenciais (“Os Madalenos” en Sarria, con varias bulas papais, os Templarios en Santo Estevo de Barbadelo,...).

No século XII Gutierre Ruiz de Castro adquiriu o señorío de Lemos e Samos co seu casamento con Elvira Osorio, momento no que probábelmente se fundou a fortaleza de Sarria (destruída polos irmandiños en 1467). A finais deste século fundouse Vilanova de Sarria, da man do rei Afonso IX, asignándolle o foro co que iría rexerse como vila real. O rei morrería na mesma vila o día 24 de setembro de 1230.

No ano 1280 xa estaba completada a estrutura da vila (camiño francés, Rúa de Queiroga e Rúa do Pombal), e xa contaba con dúas igrexas (San Salvador e Santa Mariña), un mosteiro (A Madalena) e dúas ermidas (Santiago do Mercado e Santa María de Barbadelo).

A vila converteuse en feudo cando o rei Pedro I lle concedeu a Fernando de Castro as Pobras de Sarria, San Xulián e Outeiro de Rei en 1360. No ano 1366 vinculouse co condado de Lemos, pasando a ter carácter hereditario.

A influencia do Condado medrou ao ter xurisdición sobre as “Cinco Pobras” (A Pobra de Sarria, San Xulián da Pobra, A Pobra de Adai, Santo Estevo da Pobra de Neira de Susao, e Pobra de Triacastela). Para gobernalas creouse en Sarria un “meiriño maior”, e “meiriños subalternos” en cada unha das ditas pobras.

A fortaleza política de Sarria tiña correspondencia na multitude de fortalezas (Fortaleza de Sarria) e castelos documentados (Castelo de Loureiro de Froián, Castelo de Louseiro, Castelo dos Infantes, Castelo de Meixente e Torre de Domiz) desde as cales gobernaban familias fidalgas, donas de pequenas xurisdicións. miniatura|Mosteiro da Madalena. A revolta irmandiña tivo incidencia nestas terras, tanto polo que se refire ao primeiro momento de triunfo do campesiñado (a fortaleza de Sarria foi derrubada) como na represión que veu despois, coa vitoria dos nobres (reconstrución de castelos e fortalezas).

En 1543 este señorío converteuse en marquesado dos Castro, que o mantiveron até 1777, cando pasou á casa de Alba.

Idade Moderna No ano 1503 Fernando de Castro foi nomeado Marqués de Sarria por Carlos I.

Dinís de Castro fundou a finais do século XVI o Hospital de Santo Antón, para a atención dos peregrinos que volvían de Santiago, e en 1568 o mosteiro da Madalena integrouse na Orde Agostiña, desaparecendo así a Orde dos Benaventurados Mártires de Cristo (“Orde dos Madalenos”), que o gobernaran nos tres séculos anteriores.

O descenso das peregrinacións a Compostela trouxo un longo período de decadencia para a vila. No século XIII contaba só con setenta casas na vila e uns poucos comercios (taberna, obradoiro de candeas de sebo, unha carnizaría e un alabacería). A suma de todas as parroquias non xuntaba máis de 350 persoas.

En 1794 creouse a Escola de Primeiras Letras, con cargo ás rendas do Hospital de Santo Antón. Ampliouse a xurisdición de Sarria, abarcando os Partidos de Andaduría, A Veiga, Ferreiros, Sobre da Riba, Froián e Lobataira.

Idade Contemporánea miniatura|Plano de Sarria no 1860. miniatura|esquerda|Antiga casa de D. Jesús Perez-Batallón. No século XIX durante a invasión francesa produciuse un saqueo de igrexas (aínda que os invasores tamén esixían gran e diñeiro).

A creación do concello constitucional e o partido xudicial de Sarria en 1820 supuxo unha gran modificación do réxime administrativo. En 1840 formouse de modo definitivo o concello, composto por 51 parroquias, que proviñan das antigas xurisdicións do Marquesado de Sarria, Castelo dos Infantes, Vilapedre, Goián, Vilar, Torre de Domiz, A Pinza, e outras procedentes de Samos.

A desamortización trouxo como consecuencia a desaparición da vida comunitaria no mosteiro da Madalena. As rendas e terras dos mosteiros foron adquiridas en poxa, maioritariamente pola burguesía emerxente.

As guerras carlistas tiveron en Sarria certa importancia, xa que esta zona foi unha das que tivo presenza de partidas, en especial a do chamado “Souto de Remesar”, chegando a declararse o estado de guerra en 1839.

A apertura da estrada de Lugo a Valdeorras (cara 1850) e do ferrocarril (1880) supuxeron un grande impulso para o desenvolvemento da comarca, potenciando o comercio e a saída dos produtos naturais. A vila expandiuse pola veiga e naceron novos barrios (San Lázaro, A Estación, As Casetas..), nos que se asentou preferentemente xente foránea que estableceron almacéns e pequenas industrias. miniatura|esquerda|Hotel Villa Aurelia.

En 1885 inaugurouse a nova igrexa de Santa Mariña. En 1896 instaláronse en Sarria os Padres Mercedarios e inauguráronse as Escolas Publicas, doazón do filántropo sarriao Matías López. A súa viúva, Marquesa de Casa López, creou o Hospital Municipal, no Campo de Outeiro, inaugurado en 1909.

A actividade comercial e industrial da vila foi en aumento, e a principios do século XX xa acadaba unha poboación de 1500 habitantes. Abríronse novas rúas e iniciáronse actividades orientadas á exportación (gando, cereais, castañas, patacas, xamóns e chourizos), que fixeron que a riqueza fose en aumento. En 1915 chegou a electricidade, e pouco máis tarde a traída de augas.

Os períodos da Segunda República e a ditadura franquista trouxeron un aumento do número de estradas, escolas, e a urbanización das principais rúas da vila.

A factoría de cementos de Oural sinalou, a partir dos anos 1960, o comezo dun proceso de industrialización apoiado na construción e na industria do moble, que xunto co regreso de emigrados en América e Europa, marcaron a engalaxe económica, cun proceso parello de modernización do sector agrícola-gandeiro.

A posta en funcionamento de novos centros de ensino (colexios públicos en Sarria e Oural, colexio da Asunción, colexio da Mercede, IES Xograr Afonso Gómez, IES Gregorio Fernández e a FP), así como da residencia de anciáns e o centro de diminuídos psíquicos, xunto cos equipamentos deportivo e de lecer, fan que a vila de Sarria se converta nun núcleo que irradia influencia sobre unha ampla e rica comarca, constituíndo un centro de servizos dinámico e con oferta moi diversificada.

Demografía

Censo Total 13.345 (2018) Menores de 15 anos 1.553 (11.64 %) Entre 15 e 64 anos 8.235 (61.71 %) Maiores de 65 anos 3.557 (26.65 %)

Sarria, cunha poboación de 13.504 habitantes en 2014, é o quinto concello máis poboado da provincia de Lugo tras Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro e Vilalba, e o segundo máis poboado do Camiño de Santiago dentro de Galicia, por detrás de Santiago de Compostela.

Dos 13.504 habitantes, 8.550 viven na vila de Sarria, mentres que o resto están repartidos polos 184,62 km² do concello, nas 49 parroquias rurais restantes.

A súa densidade de poboación é de 73.17 hab./km², sendo unha das máis altas da provincia.

Economía miniatura|Concello de Sarria.

Sarria é a cabeceira dunha comarca extensa. Débelle gran parte da súa relevancia á chegada do camiño de ferro a finais do século XIX e á súa relación co sector gandeiro. O sector primario ocupa ao 35% da poboación, a industria ao 30 % (un terzo na construción) e ao outro 35% o sector terciario. Industrialmente, prodúcense chourizos e xamóns, así como pensos. Mais de Sarria o que destaca é a fabricación de mobles. Hai unha fábrica de cementos en Oural, a cal perdeu moitos postos de traballo trala última crise. No concello ten a súa sede a empresa de auga mineral embotellada Fontecelta.

Patrimonio histórico e artístico miniatura|Igrexa de Santa Mariña, ao pé do Camiño de Santiago. Castelo de Sarria, fortaleza medieval da que só se conserva unha torre redondeada, duns 14 metros de altura e cuberta con bóveda de canón apuntado.

As Pontes do Río Sarria