Paul Pena nado en Hyannis, Massachusetts, o 26 de xaneiro de 1950 e finado en San Francisco, California, o 1 de outubro de 2005, foi un cantante, compositor e guitarrista estadounidense de blues, rock e folk, de ascendencia caboverdiana. Foi coñecido por compoñer a canción Jet Airliner, popularizada pola Steve Miller Band en 1977, e pola súa aparición no documental Genghis Blues (1999), centrado na súa aprendizaxe do canto difónico tuvano.
Traxectoria Pena naceu nunha familia de orixe caboverdiana. Desde neno estivo vencellado á música: o seu pai, Joaquim "Jack" Pena, era músico profesional e introduciuno na música caboverdiana. Naceu con glaucoma conxénito e quedou practicamente cego desde moi novo; estudou na escola para cegos Perkins School for the Blind, en Massachusetts.
Na súa mocidade aprendeu a tocar varios instrumentos, entre eles a guitarra e o piano. A súa música combinou elementos do blues, o jazz, a morna, o folk e o rock and roll. A comezos da década de 1970 tocou con músicos de blues como T-Bone Walker e publicou o álbum Paul Pena (1972). Tamén colaborou con outros artistas e actuou como abreconcertos de grupos e músicos estadounidenses.
En 1973 gravou o álbum New Train, producido por Ben Sidran, mais o disco non foi editado comercialmente até o ano 2000. Nel aparecía a canción "Jet Airliner", que anos máis tarde foi gravada pola Steve Miller Band no álbum Book of Dreams e se converteu nun éxito internacional en 1977.
Canto tuvano e Genghis Blues Na década de 1980 Pena descubriu a través da radio o canto difónico de Tuva, unha técnica vocal que permite producir varios sons simultáneos. Aprendeu de maneira autodidacta distintos estilos de canto tuvano, entre eles o khoomei e o kargyraa. En 1995 viaxou a Kyzyl, capital de Tuva, onde participou nun certame internacional de canto difónico e recibiu o premio do público.
A súa viaxe foi recollida no documental Genghis Blues, dirixido por Roko Belic e estreado en 1999. O filme gañou o premio do público ao mellor documental no Festival de Sundance e foi nomeado ao Oscar ao mellor documental no ano 2000.
Pasamento Paul Pena faleceu en San Francisco o 1 de outubro de 2005, aos 55 anos, por complicacións relacionadas coa diabetes e a pancreatite.
Obra
Discografía
Paul Pena (1972) New Train (gravado en 1973, publicado en 2000) Genghis Blues (2000, banda sonora)
Filmografía
Genghis Blues (1999), por Wadi Rum Productions
Notas
Véxase tamén
Blues Canto difónico
Ligazóns externas
Sitio oficial de Paul Pena Sitio oficial de Genghis Blues
Categoría:Guitarristas dos Estados Unidos de América Categoría:Cantantes de Massachusetts Categoría:Personalidades do blues Categoría:Finados en 2005 Categoría:Nados en 1950 Categoría:Música de Cabo Verde Categoría:Música dos Estados Unidos de América Categoría:Música de Rusia