Albert Denison Conyngham, primeiro barón Londesborough (coñecido tamén como Lord Albert Conyngham), nado en Londres o 21 de outubro de 1805 e finado na mesma cidade o 15 de xaneiro de 1860, foi un político e diplomático británico, coñecido tamén pola súa afección polas antigüidades e pola numismática.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Chamado orixinalmente Albert Conyngham, naceu o 21 de outubro de 1805 no número 8 de Stanhope Street, en Piccadilly, Londres, o terceiro fillo de Elizabeth Denison e de Henry Conyngham, primeiro marqués de Conyngham.Boase, G. C. (1888).

Foi educado no Eton College, onde ingresou en 1820.

Carreira diplomática e política O 21 de setembro do propio 1820 ingresou no exército, onde o ano seguinte foi nomeado corneta e subtenente da Garda Real a Cabalo,The London Gazette. Nº 17697. 14 de abril de 1821. Páxina 838. aínda que se retirou da vida militar en 1824, para se incorporar ao servizo diplomático.

En maio dese ano foi nomeado agregado en Berlín, e logo agregado en Viena en maio de 1825, secretario de legación en Florencia en febreiro de 1828 e secretario en Berlín de xaneiro de 1829 a xuño de 1831.

Xurxo IV nomeouno Cabaleiro da Real Orde Güélfica en 1829.The London Gazette. Nº 18602. 14 de agosto de 1829. Páxina 1525.

Lord Albert Conyngham representou a Canterbury como deputado polo partido Whig entre xaneiro de 1835 e febreiro de 1841, e nun segundo período entre marzo de 1847 e marzo de 1850.Craig, F. W. S. (1989) . British parliamentary election results 1832-1885 (2ª ed.). Parliamentary Research Services, Chichester. Páxina 78. ISBN 0-900178-26-4"Lord Albert Conyngham". Api.parliament.uk

O 4 de setembro de 1849 adoptou o apelido Denison no canto de Conyngham, de acordo co testamento do seu tío materno, William Joseph Denison, quen lle deixou a maior parte da súa inmensa fortuna. O 4 de marzo de 1850 concedéuselle o título de Barón de Londesborough, Yorkshire.

Arqueólogo e numismático Albert Denison era un entusiasta da antigüidade e publicou unhas comunicacións relevantes na revista Archæologia sobre o contido dos túmulos saxóns en Breach Downs e na súa contorna, que achegaron valiosa información acerca das artes, os costumes e os usos dos anglosaxóns.

Entre outras entidades e sociedades eruditas, foi elixido membro da Sociedade de Anticuarios de Londres en 1840 e da Royal Society o 13 de xuño de 1850. Cando se formou a Asociación Arqueolóxica Británica en 1843, aceptou o cargo de presidente. O 28 de marzo de 1839 ingresou na Real Sociedade Numismática de Londres,Carson, R. A. G. (1986). "Members of the Numismatic Society of London 1836-1904". En A History of the Royal Numismatic Society 1836-1986. Royal Numismatic Society, Londres. Páxina 66. unha entidade que presidiu en dous períodos, de 1843 a 1845, e de 1851 a 1855."Presidents of the Society". The Royal Numismatic Society (Numismatics.org).

En 1849 abandonou a Asociación Arqueolóxica Británica e máis tarde converteuse en vicepresidente do Instituto Arqueolóxico e en presidente da Sociedade Arqueolóxica de Londres e Middlesex en 1855.

Cara á fin de 1848 Lord Londesborough fixo unha viaxe arqueolóxica por Grecia e Italia.

Denison foi tamén un destacado coleccionista de antigüidades, entre as que sobresaen as armaduras, os aneis e as moedas. Algunhas destas coleccións descríbense nos traballos monográficos que publicou.

Vida familiar miniatura|230x230px|Escudo de armas de Denison.Montague-Smith, P. W. (ed.) (1968). Debrett's Peerage, Baronetage, Knightage and Companionage. Kelly's Directories Ltd, Kingston-upon-Thames. Páxina 700. Albert Denison casou o 6 de xullo de 1833 con Henrietta Marie Weld-Forester, filla do primeiro Barón Forester, con quen tivo catro fillas e dous fillos: William Henry (1834-1900), Albert (1835-1903), Henrietta Elizabeth Sophia (1836-1924), Selina Camerina Charlotte (1837-1852), Isabella Maria (1839-1856) e Augusta Elizabeth."Londesborough, Baron, (Denison)". En Lodge's Peerage and Baronetage (knightage & Companionage) of the British Empire. Hurst & Blackett. 1861. Páxina 368.

Logo do falecemento da súa primeira esposa en 1841, casou en segundas nupcias con Ursula Bridgeman o 21 de decembro de 1847, e con ela tivo outras tres fillas e catro fillos: Ursula Elizabeth (1848-1880), Henry Charles (1849-1936), Conyngham Albert (1851-1938), Alberta (1853-1854), Albertina Agnes Mary (1854-1929), Harold Albert (1856-1948) e Evelyn Albert (1859-1883).

Con problemas de saúde, no inverno de 1859 trasladouse a St. Leonard's-on-Sea, en Hastings, East Sussex, e pouco despois regresou á súa residencia londiniense, no número 8 de Carlton House Terrace, onde faleceu o 15 de xaneiro de 1860, aos 54 anos. Foi soterrado o 24 de xaneiro no panteón familiar de Grimston, York.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Boase, G. C. (1888). "Denison, Albert, first Baron Londesborough (1805-1860)". En Stephen, L. (Ed.). Dictionary of National Biography. Vol. 14. Páxina 351. Smith, Elder & Co., londres.

Categoría:Nados en 1805 Categoría:Finados en 1860 Categoría:Nados en Londres Categoría:Membros do Parlamento do Reino Unido Categoría:Diplomáticos do Reino Unido Categoría:Nobres do Reino Unido Categoría:Numismáticos do Reino Unido Categoría:Presidentes da Royal Numismatic Society Categoría:Membros da Sociedade de Anticuarios de Londres Categoría:Membros da Royal Society Categoría:Coleccionistas Categoría:Alumnos do Eton College Categoría:Personalidades sen imaxes