Camilo Barcia García-Villamil, nado en Ribadeo o 28 de outubro de 1937 e finado en Madrid o 7 de decembro de 2018, foi un diplomático e economista galego. Traxectoria
Primeiros anos e formación Naceu en Ribadeo en 1937, fillo do avogado Camilo Barcia Trelles e sobriño do avogado e político Augusto Barcia Trelles. Foi irmán do tamén diplomático Emilio Barcia García-Villamil.
Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, con premio extraordinario e premio fin de carreira. Realizou un mestrado en Economía pola Universidade de Cambridge.
Carreira profesional Ingresou na carreira diplomática en 1965. Destinárono como secretario xeral da Delegación Negociadora Española coas Comunidades Europeas, e secretario da Comisión Interministerial de Relacións coas Comunidades Europeas (1965-1970). Despois foi secretario de embaixada da Misión de España ante a Oficina das Nacións Unidas e os Organismos Internacionais con sede en Xenebra. En 1977 deixou brevemente a carreira diplomática para presidir a Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia (SODIGA).
De regreso na carreira diplomática, en 1977 foi destinado como xefe de misión aos Emiratos Árabes Unidos, con extensión a Qatar, até 1979. Foi entón enviado á Misión de España ante as Comunidades Europeas onde, como xefe adxunto de misión, participou activamente nas negociacións para a adhesión de España ás Comunidades. Por este motivo, o rei Xoán Carlos I recompensouno coa encomenda de número da Orde de Isabel a Católica.
Tras os seus éxitos en Bruxelas nomeárono embaixador de España no Xapón, e en 1991 regresou á misión española ante as Comunidades Europeas como embaixador representante permanente.
Posteriormente foi embaixador en Suecia (1994-1998) con extensión a Letonia (1994-1998). O seu último destino foi como embaixador en Nova Zelandia (2006-2007), e xubilouse ao facer os 70 anos.
Vida persoal
Casou con María Carmela Bustelo, curmá de Leopoldo Calvo-Sotelo.
Notas
Categoría:Nados en Ribadeo Categoría:Nados en 1937 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Embaixadores de España Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de Cambridge Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Embaixadores de España en Suecia Categoría:Embaixadores de España en Letonia Categoría:Embaixadores de España no Xapón Categoría:Embaixadores de España en Nova Zelandia Categoría:Embaixadores de España en Qatar Categoría:Embaixadores de España nos Emiratos Árabes Unidos