Irene Zugasti Hervás, nada en Madrid en 1988, é unha politicóloga, xornalista, investigadora e analista española especializada en políticas de igualdade de xénero, relacións internacionais, seguridade e comunicación política.
Traxectoria Zugasti é licenciada en xornalismo e ciencias políticas pola Universidade Complutense de Madrid, e posúe un mestrado en relacións internacionais pola Escola Diplomática de España.
Desenvolveu a súa carreira na administración pública española e comunitaria, principalmente como técnica en políticas de igualdade e como formadora en políticas públicas. O seu traballo combinou o sector público con proxectos de investigación e xornalismo de investigación sobre temas como a violencia política contra as mulleres, a muller e o conflito armado, o municipalismo feminista e as políticas de igualdade.
Formou parte do equipo do Ministerio de Igualdade durante a lexislatura na que se aprobaron leis como a Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual, coñecida como a lei do «Só Si é Si».
Traballou como técnica de políticas de xénero no eido da xestión cultural municipal no Concello de Madrid. Tamén exerceu como analista e redactora no medio dixital Canal Red. Colabora regularmente con varios medios de comunicación, incluíndo CTXT, El Salto e Público.
Obra literaria e análise Zugasti é autora e editora de varias obras que abordan a política e o feminismo dende unha ollada crítica:
#SeAcabó. La doble victoria de las campeonas del mundo de fútbol (2023). Neste ensaio, analiza a vitoria da selección feminina de fútbol no Mundial de 2023. Argumenta que a resposta das xogadoras ao bico non consentido de Luis Rubiales constitúe unha «dobre (ou tripla) vitoria»: a deportiva, a do consentimento (pondo en práctica o principio do "só si é si"), e a do sindicalismo feminista. Define a mobilización das xogadoras como «a revolta feminista máis importante do último lustro en España». Enemigos íntimos. Cómo entender la derechización de España a través de sus personajes clave (Editado, 2025). Unha obra en formato de diálogo con Pablo Iglesias onde aborda e analiza o fenómeno da dereitización no contexto español. Esto no es una guerra. Feminismo insumiso frente al rearme y al genocidio (2025). Libro escrito xunto a Isabel Serra onde se aborda o plan de rearmamento europeo, a OTAN e o xenocidio palestino como partes dun proxecto de sociedade belicista impóndose fronte a diferentes resistencias populares.
As súas análises céntranse na intersección da clase, o xénero e o poder. No seu libro sobre fútbol, desenvolve o concepto de "sistema fútbol" para describir unha estrutura cultural que, historicamente, funcionou como un mecanismo de masculinización que expulsa ás disidencias (mulleres, colectivo LGTBI+) e reproduce violencias estruturais, tanto sexuais como laborais.
Notas
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1988 Categoría:Politicólogos Categoría:Xornalistas de España Categoría:Feministas de España Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid