A eritroblastose fetal ou doenza hemolítica do neonato é un trastorno sanguíneo no que unha nai produce anticorpos durante o embarazo que atravesan a placenta e se unen aos eritrocitos ou glóbulos vermellos do feto, ocasionando a súa destrución (hemólise) cando a nai e o meniño teñen incompatibilidade de grupo sanguíneo (o feto presenta un grupo sanguíneo ou antíxeno eritrocitario do que a nai carece). A máis coñecida é a incompatibilidade do grupo sanguíneo RhD, na cal a nai é RhD negativa e o feto é RhD positivo.

A razón desta doenza é que o sistema inmune da nai considera os eritrocitos Rh+ do bebé como «estraños», e susceptibles de ser atacados polo sistema inmune materno. Se os glóbulos vermellos do feto chegan a estar en contacto co sangue da nai, o seu sistema inmune responde desenvolvendo anticorpos para combater os glóbulos vermellos do bebé. Isto non é algo común no transcurso dunha xestación normal, agás durante o parto, cando se desprende a placenta e o sangue do bebé entra en contacto co sangue da nai. O contacto sanguíneo tamén se produce durante un aborto, tanto espontáneo coma provocado, ou durante un procedemento de exame prenatal invasivo (por exemplo, unha amniocentese). Unha vez desenvolvido o ataque contra os antíxenos Rh positivos o sistema inmune da nai garda eses anticorpos de forma indefinida por se de dá o caso de que esas células estrañas volvan poñerse en contacto co sangre materno, e así se produce a «sensibilización Rh» da nai. Durante a primeira gravidez da nai dita sensibilización Rh é improbable. Só se converte nun problema nunha gravidez posterior con outro embrión Rh positivo. Nesta nova gravidez os anticorpos da nai cruzan a placenta para combater os glóbulos Rh positivos do corpo do feto. A medida que os anticorpos destrúen os glóbulos vermellos, o feto vai enfermándose. Este proceso denomínase eritroblastosis fetal durante a gravidez. No neonato, o trastorno denomínase doenza hemolítica do neonato.

A incompatibilidade Rh afecta ao 5 % das parellas. Un 10 % das nais Rh negativas sensibilízase despois do seu primeiro embarazo; o 30 % faino despois do segundo embarazo, e o 50 % restante con posterioridade ao terceiro. O risco de sensibilización posaborto é do 2 % e despois dun aborto provocado é dun 4 a un 5 %.

Distínguense varios tipos de doenza hemolítica do neonato que se clasifican polo aloantíxeno que provoca a resposta. Os tipos son: anti-ABO, anti-RhD, anti-RhE, anti-Rhc, anti-Rhe, anti-RhC, combinacións multiantíxenos, e anti-Kell. O tipo máis común é o anti-RhD, seguido do anti-RhE, anti-RhC e anti-Rhc.

Síntomas O máis preocupante deste trastorno é que os anticorpos da nai atacan e destrúen os glóbulos vermellos do feto (hemólise), e isto ten como resultado que desenvolva unha anemia. Como consecuencia o corpo do feto intenta producir máis glóbulos vermellos de forma máis rápida, para compensar a deficiencia producida pola hemólise inmune, isto fai que os seus órganos se agranden, sendo prexudicial para o seu desenvolvemento. Os novos glóbulos vermellos chamados eritroblastos, que son os precursores dos eritrocitos, xeralmente son inmaturos e incapaces de cumprir a función dos glóbulos vermellos maduros.

Ademais, a destrución de tantos glóbulos vermellos produce bilirrubina, substancia que é difícil de eliminar polos fetos. É posible que a bilirrubina se acumule no seu sangue, tecidos e fluídos corporais, trastorno que se denomina hiperbilirrubinemia. A hiperbilirrubinemia volve a pel, os ollos e os tecidos do bebé amarelados, o que se denomina ictericia. En casos graves, a bilirrubina tamén pode acumularse no cerebro e provocar unha doenza neurolóxica grave que se chama kernicterus. En casos extremos, cando a cantidade de glóbulos vermellos eliminados é moi alta, pode causar a morte do feto.

Diagnóstico Pode facerse o diagnóstico por unha análise do sangue fetal, do sangue materno, ou do líquido amniótico. Os tipos sanguíneos da nai son rutinariamente determinados nas fases temperás da gravidez, así que calquera incompatibilidade que exista será rapidamente determinada. Un estudo do sangue dun feto afectado por este trastorno mostrará sinais de anemia hemolítica, incluíndo un valor baixo de hematócrito, un nivel alto de bilirrubina e unha abundancia de reticulocitos. Dito exceso de bilirrubina tamén se presenta nas mostras de líquido amniótico. Ademais, pódense realizar probas de Coombs usando o sangue materno para determinar a cantidade de anticorpos circulantes na nai.

A ultrasonografía do feto pode servir para saber se hai agrandamento do bazo (esplenomegalia), fígado (hepatomegalia), ou corazón.

Causas A forma máis común de eritroblastose fetal diagnosticada débese á incompatibilidade Rh. Outros tipos desta doenza son reaccións contra os antíxenos Duffy, Kell e Kidd. A incompatibilidade ABO xera hemólise grave no feto con moi pouca frecuencia porque os antíxenos ABO adoitan provocar unha resposta inmune só con anticorpos de isotipo IgM, os cales non poden cruzar a placenta e atacar os glóbulos vermellos do feto.

Incompatibilidade Rh Esta é a forma máis perigosa desa donza. Desenvólvese cando unha muller grávida ten sangue Rh negativo mentres que o fillo é Rh positivo. Como a nai é Rh negativa, o seu organismo non pode tolerar a presenza de glóbulos vermellos Rh positivos. En tales casos, o sistema inmunitario da nai trata as células fetais Rh positivas como se fosen unha substancia estraña e crea anticorpos de tipo IgG contra elas. Estes anticorpos anti-Rh positivo poden atravesar a placenta e chegar ao feto, onde destrúen os glóbulos vermellos circulantes fetais.

Incompatibilidade ABO Algunhas nais teñen unha poboación pequena de anticorpos IgG contra os antíxenos ABO, así que poden afectar o bebé por incompatibilidade ABO. Estas reacciones xeralmente son suaves, e menos do 1 % causan hemólise grave.

Tratamento Durante o embarazo, o tratamento baséase en transfusións intrauterinas de glóbulos vermellos na circulación do bebé, incluso pode chegarse a adiantar o parto se o feto desenvolve complicacións. A transfusión está indicada se o feto é menor de 32 semanas e o Ht < 30 %, e seguirá sendo necesaria cada catro semanas ata que naza o meniño. Despois do nacemento, o tratamento pode incluír transfusións de sangue e/ou líquidos por vía endovenosa, axuda respiratoria por medio de oxíxeno ou respirador mecánico e fototerapia para destruír o exceso de bilirrubina. En casos excepcionais, se a incompatibilidade fose grave e o bebé se encontrase en perigo, pódese ralizar unha serie de transfusións especiais de sangue (denominadas exanguinotransfusións) mentres o bebé está no útero materno ou despois do parto.

Prevención No pasado, a incompatibilidade Rh era un problema moi serio. Afortunadamente, conseguíronse avances médicos significativos para previr as complicacións asociadas coa incompatibilidade Rh e tratar ao neonato afectado por este problema. Case todas as mulleres con sangue Rh negativo identifícanse nos primeiros meses do seu primeiro embarazo detectado, por medio dunha simple análise de sangre. Se unha muller é Rh negativa e non está sensibilizada, os médicos adminístranlle dúas inxeccións de globulina hiperinmune Rh (RhIg), tamén coñecida como RhoGAM, durante o primeiro embarazo. A primeira inxección dáse arredor das 28 semanas de embarazo e a segunda dentro das 72 horas despois do parto. A globulina hiperinmune Rh provoca a destrución rápida dos glóbulos vermellos do feto que entraron na circulación materna, impedindo que o corpo da nai xere anticorpos perigosos Rh que poidan causar complicacións graves no neonato ou complicar futuros embarazos.

Tamén se pode inxectar esta dose de inmunoglobulina Rh nunha muller que acaba de ter un aborto espontáneo, unha amniocentese ou algún tipo de hemorraxia durante o embarazo. Se o médico determina que a muller xa desenvolveu os anticorpos Rh, entón, o embarazo será estreitamente controlado para asegurarse de que os niveis de Rh non sexan moi elevados.

Factores de risco para a inmunización Ameaza de aborto. Procedementos invasivos: Punción de vilosidades coriónicas / Amniocentese. Parto instrumental e cesárea. Placenta previa sangrante. Embarazo ectópico. Versións externas. Traumatismo abdominal durante eo 3º trimestre. Masaxes uterinos e manobra de Kristeler. Alumbramento manual. Drogadicción endovenosa. Desprendemento de placenta normoinserta.

Noutros animais

Noutros animais, a enfermidade hemolítica do neonato é máis frecuente en gatos (onde se coñece como «síndrome do gato descolorado») e poldros. Tamén se reportou en cans.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Blood Groups and Red Blood Cell Antigens: Hemolytic disease of the newborn

Categoría:Hematoloxía Categoría:Obstetricia e xinecoloxía Categoría:Pediatría Categoría:Medicina transfusional