Hypsignathus monstrosus é un megaquiróptero amplamente distribuído en África occidental e central. É o único membro do xénero Hypsignathus, que forma parte da tribo Epomophorini, xunto con outros catro xéneros. É o morcego máis grande da África continental, cunha envergadura de ás de aproximadamente 1 m, e os machos son case dúas veces máis pesados que as femias. Os machos e as femias teñen unha aparencia bastante diferente, o que o fai a especie de morcego con maior dimorfismo sexual do mundo. Estas diferenzas inclúen varias adaptacións que axudan aos machos a producir e amplificar as súas vocalizacións: as larinxes (cordas vocais) dos machos son unhas tres veces máis gandes que as das femias, e teñen unha gran cámara de resonancia na face. As femias parécense máis a un megaquiróptero típico, con faces tipo raposo.

É un morcego fruxívoro que come diversos froitos, como figos, bananas e mangas, aínda que se informou dalgúns casos de carnivorismo. As femias adoitan desprazarse seguindo unha ruta fixa para encontrar froitas predicibles, mentres que os machos an desprazamentos máis longos para buscaren froitas de máis alta calidade. Busca alimento pola noite, dorme durante o día en pólas das árbores. Os individuos poden pousarse (colgarse) sós ou en pequenos grupos. A diferenza de moitas outras especies de morcegos que se segregan baseándose no sexo, os machos e as femias póusanse xuntos polo día. Teñen dúas estacións de apareamento ao ano durante as estacións secas. Crese que é a única especie de morcego cun sistema de apareamento en lek clásico, no cal os machos se reúnen nun "lek", que neste caso é unha franxa de terra longa e esteita, como ao longo dun río. Alí, producen unhas vocalizacións altas parecidas a bucinadas para atraeren as femias. As femias visitan o lek e seleccionan un macho co cal aparearse; contabilizouse que o 6 % dos machos con máis éxito interveñen no 79 % dos apareamentos. Os fillos nacen cinco ou seis meses despois, normalmente teñen un só fillo, pero tamén se documentaron casos de xemelgos. Non se sabe ben cales son os seus predadores, pero entre eles poden estar algúnss falcóns. Os adultos están xeralmente afectados por parasitos como moscas e ácaros.

Esta especie considérase ás veces unha praga debido á súa dieta fruxívora e aos ruídos de bucina extremadamente altos que fai pola noite. En Nixeria e na República Democrática do Congo, cómese como carne de caza. Investigouse como posible reservorio do virus Ébola, e varios tests que se lle realizaron deron positivo para os anticorpos contra o virus. Non se considera unha especie en estado de conservación preocupante e pénsase que ten un gran tamaño de poboación.

Taxonomía e etimoloxía

Este morcego foi descrito como unha nova especie en 1861 polo científico estadounidense Harrison Allen. Allen situou a especie nun xénero de nova creación, Hypsignathus. O holotipo foi recollido polo zoólogo franco-americano Paul Du Chaillu en Gabón. O nome do xénero, Hypsignathus, vén do grego antigo ὕψος, húpsos, 'alto', e de γνάθος, gnáthos, 'mandíbula'. T. S. Palmer especulou que Allen elixiu o nome Hypsignathus para aludir á "boca moi arqueada" da especie. O epíteto específico monstrosus en latín significa 'monstroso, con características de monstro'.

Un estudo de 2011 atopou que Hypsignathus era o membro máis basal da tribo Epomophorini, que tamén comprende os xéneros Epomops, Micropteropus, Epomophorus e Nanonycteris. Inicialmente, Allen identificou este morcego como membro da subfamilia Pteropodinae de megamorcegos. Porén, in 1997, Epomophorini foi recoñecida como parte da subfamilia Epomophorinae. Algúns taxonomistas non recoñecen Epomophorinae como subfamilia válida e inclúen os seus taxons, entre eles Epomophorini, dentro de Rousettinae.

Descrición miniatura|upright=1.5|Órganos internos en vista lateral. Nótese a extensión da estrutura larínxea (cordas vocais). É o morcego de maior tamaño da África continental. Os machos teñen unha envergadura de ás de 90,1 cm, e todos os individuos teñen lonxitudes do antebrazo superiores aos 112 mm. Ten un pronunciado dimorfismo sexual, maior que o de calquera outra especie de morcegos do mundo, con machos que pesan case o dobre que as femias. O peso medio dos machos é 420 g, comparado cos 234 g das femias. Outras diferenzas entre os sexos relaciónanse co seu sistema social, no cal os machos producen vocalizacións como bucinadas altas. Os machos teñen larinxes moi agrandadas, dunhas tres veces o tamaño observado nas femias, que se estenden pola maior parte da cavidade torácica e miden a metade da lonxitude da columna. A larinxe é tan grande que despraza outros órganos, incluíndo o corazón, pulmóns e tracto gastrointestinal. Os machos tamén teñen unha cámara de resonancia para incrementaren o volume de produción de son. Estas cámaras son sacos de aire farínxeos conectados a un gran seo no seu fociño xiboso. Estas numerosas adaptacións causaron que os científicos Herbert Lang e James Chapin salientasen que "en ningún outro mamífero está todo tan completamente subordinado aos órganos vocais".

Os machos teñen cabezas en forma de caixa con beizos enormes, mentres que as femias, cos seus fociños máis estreitos, teñen caras que se parecen máis ás de raposo. Machos e femias teñen pelame marrón, cun manto máis claro (parte lateral e posterior do pescozo). Ten áreas de pel branca na base das orellas, aínda que ás veces non están moi definidas. A pelame é longa e lisa, aínda que cunha textura algo lanosa no manto. As orellas son triangulares e marróns anegradas, e os ollos son moi grandes. A fórmula dental é cun total de 28 dentes; moi ocasionalmente, atopáronse individuos cun premolar superior adicional en cada lado da boca, cun total de 30 dentes. O cranio é máis grande e robusto que o de calquera outro megamorcego de África, cun fociño masivo pronunciado. A lingua é grande e poderosa, cunha punta tridentada expandida. A lingua ten papilas que apuntan cara atrás usadas para extraer zume dos froitos.

As ás caracterízanse por unha baixa relación de aspecto, o que significa que ten unha envergadura de ás máis pequena en relación coa área das ás. A carga das ás considérase excepcionalmente alta, o que significa que ten un gran peso corporal en realción coa área das ás. As ás son de cor marrón anegrado. O polgar ten 128-137 mm de longo. As ás únense ás patas posteriores na segunda deda. Carece de rabo.

En vez de teren o cariotipo típico de mamífero no que as femias teñen dous cromosomas X e os machos teñen un X e un Y, nesta especie os machos teñen un cromosoma X, pero ningún Y, o que se denomina sistema de determinación do sexo X0. Deste xeito, as femias teñen 36 cromosomas (34 autosomas e dous cromosomas sexuais), e os machos teñen 35 cromosomas (34 autosomas e un só cromosoma sexual). Isto tamén se observou nuns poucos xéneros máis de morcegos, como Epomophorus e Epomops.

Distribución e hábitat É unha especie de terras baixas, que sempre vive por debaixo dos 1800 m sobre o nivel do mar. A maioría dos rexistros desta especie prodúcense en hábitats selváticos, incluíndo as selvas de terras baixas, bosques pantanosos, bosques de ribeira e mosaicos de bosque e pradeira. Aínda que se documentou en hábitats de sabana, estes rexistros son raros e especulouse que estes individuos son vagantes. Ten unha ampla área de distribución en África occidental e central, incluíndo os seguintes países: Angola, Benin, Burkina Faso, Camerún, a República Centroafricana, a República do Congo, a República Democrática do Congo, Costa do Marfil, Guinea Ecuatorial, Etiopía, Gabón, Ghana, Guinea, Guinea-Bissau, Kenya, Liberia, Nixeria, Serra Leoa, Sudán, Togo e Uganda.

Bioloxía e ecoloxía Alimentación miniatura|upright=0.5|Usan a potente lingua tridentada para extraer o zume dos froitos. Son morcegos fruxívoros. Os figos constitúen gran parte da súa dieta, pero poden tamén comer mangas, bananas e goiabas. Hai algunhas complicacións inherentes a unha dieta a base de froitas como unha inxestión de proteínas insuficiente. Suxírese que os morcegos da froita compensan isto posuíndo un intestino proporcionalmente máis longo comparado con especies insectívoras.

Os machos e as femias teñen diferentes estratexias de alimentación. As femias desprázanse por unha ruta establecida na que hai fontes de alimento predicibles e fiables, incluso se o alimento é de baixa calidade. Os machos, ao contrario, buscan áreas ricas en alimento, viaxando ata 10 km para chegaren a áreas con alimentos especialmente bos. Despois de atoparen froitas axeitadas, poden comelas na árbore ou collelas e levalas a outro sitio para comelas. Mastigan a froita, tragando o zume e a polpa mol, e despois cospen o resto. O guano (feces) normalmente contén sementes das froitas inxeridas, o que indica que poden ser uns importantes dispersores de sementes.

Van Deusan (1968) informou que H. monstrosus mostra algún comportamento carnívoro ao atacar polos para beber o seu sangue e buscar prea.

Reprodución miniatura|upright=1.5|Os machos teñen unha cámara de resonancia masiva nas súas faces para amplificar as vocalizacións (indicada por unha liña descontinua). Sábese pouco sobre a reprodución nesta especie. Nalgunhas poboacións, pénsase que a reprodución ten lugar semianualmente durante as estacións secas. O momento en que chega a estación seca varía dependendo da localidade, mais en xeral a primeira estación reprodutora é de xuño a agosto e a segunda é de decembro a febreiro. As femias poden quedar preñadas dúas veces ao ano, dando a luz despois de cinco ou seis meses de xestación, tendo un fillo en cada parto, aínda que se informou tamén de casos de xemelgos. Os neonatos pesan aproximadamente 40 g ao naceren. As femias atinxen a madureza sexual máis tarde que os machos, e poden reproducirse aos seis meses. As femias chegan ao tamaño adulto aos nove meses de idade. Ao contrario, os machos non son sexualmente maduros ata os dezaoito meses. O tamaño de machos e femias é similar no primeiro ano de vida.

Esta especie cítase a miúdo como exemplo de apareamento en lek clásico, e quizais é a única especie de morcego con ese costume. O lek clásico defínese por catro criterios: Os machos xúntanse nunha determinada área, coñecida como lek; alí establecen "territorios de exhibición". Os territorios de exhibición non ofrecen ningún beneficio para as femias á parte do acceso aos machos. A elección do apareamento decídeno as femias, e todas as copulacións ocorren no lek. Os machos non axudan ás femias no coidado das crías.

Os machos forman estes leks ao longo de regatos e ribeiras de ríos durante a estación de apareamento, que dura de 1 a 3 meses. Os leks consisten nunha área con 20–135 machos duns 40 m de largo e 400-1600 m de longo. Cada macho reclama un territorio de exhibición duns 10 m de diámetro, no cal emite os seus sons repetidamente e bate as ás mentres está pendurado dunha póla. O normal é que produzan uns 60–120 sons parecidos a bucinadas por minuto. Os machos exhíbense por unhas catro horas antes de ir buscar comida, con máximos de actividade nos leks a principio do serán e antes do amencer. Durante o máximo de actividade do inicio do serán é tamén cando se producen a maioría das copulacións. As femias voan polo lek seleccionando un macho pousándose nunha póla preto da del. O macho elixido emite unha chamada como un "zunido staccato", seguido inmediatamente da copulación, que dura de 30 a 60 segundos. Despois da copulación, a femia abandona o lugar inmediatamente e o macho volve iniciar a exhibición. Os machos no centro do lek teñen máis éxito e realizan a maioría dos apareamentos: o 6 % dos machos con máis éxito realiza o 79 % dos apareamentos totais. No pico de actividade de antes do amencer, a copulación é menos frecuente, e os machos pasan o tempo competindo entre eles polo mellor territorio de exhibición. A medida que avanza a estación de apareamento, diminúe a importancia do pico de actividade de antes do amencer.