José Antonio Viñas Mira, tamén coñecido como José Antonio Viñas, nado en Ourense o 20 de febreiro de 1977 e finado na mesma cidade o 29 de decembro de 2021, foi un músico, bailarín, investigador, empresario, enxeñeiro técnico e xestor cultural galego, recoñecido polo seu traballo na preservación e difusión do folclore tradicional galego.

Foi fundador e director da Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos, exerceu como vicepresidente da Unión Mundial de Folclore (IGF) e levou a dirección artística dalgúns grupos internacionais.

Traxectoria

Graduouse como Enxeñeiro Técnico Agrícola, especialidade Industrias Agrarias e Alimentarias, na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, destacando a súa implicación no campo da Topografía. Realizou unha licenciatura en solfexo, fixo seis anos de estudos elementais de piano e dominaba os instrumentos tradicionais galegos (gaita, o acordeón e a pandeireta). Aplicou os seus coñecementos na investigación e a dirección etnomusical.

Comezou moi novo na escola de gaitas e baile Toca-Baile de Velle, da que acabou asumindo a dirección. En 1994 fundou a súa propia organización en Ourense, a Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos, que dirixiu durante máis de vinte e cinco anos. Baixo o seu liderado, a agrupación ampliou as súas actividades máis alá dos espectáculos de danza, converténdose nun motor do desenvolvemento xuvenil e a integración social. En 2016, liderou a apertura do propio centro cultural da asociación na cidade de Ourense.

Organizou o festival infantil de folclore galego (2000-2010), o festival internacional de folclore xuvenil (2006-2011), o festival internacional da canción popular IGF CARAVAN (2011...), congresos internacionais de folclore en Ourense no ano 2015 e en Telde (Gran Canaria) no 2019. Coordinou o proxecto «Interritmos» na comarca de Ourense, o proxecto «Contegra» de integración xuvenil a través do programa Erasmus da Unión Europea, de integración a través do baile, a música e outras actividades escénicas e a produción do CD Cantares de Queixumes dos Pinos. Coordinou o programa «Escolas Abertas» da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Foi o impulsor da revista A Bugalla, que difunde cultura, turismo e folclore de Galicia, editada en galego, castelán e inglés, e distribuída en máis de 37 países.

Obra

Documental

Técnicas de confección do traxe galego. Iniciativa realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.

Premios

2012: Óscar Folclore Award, como coreógrafo. 2013: Diploma á excelencia organizativa pola IGF (International Union of Folklore Association). 2014: Diploma de honra e medalla de ouro da Fundación Luso Galaica en recoñecemento ao labor en defensa da cultura e o folclore de Galicia. 2016: Medalla de ouro da IGF (World Folklore Union). 2017: Diploma de excelencia do Festival Internacional World Folk Stars en Kosovo. 2017: Diploma á excelencia organizativa pola IGF (International Union of Folklore Association). 2017 e 2020: Diploma polo Festival Internacional de Musica Popular IGF Caravan. 2019: Premio Rodolfo Prada á xestión cultural. 2023: O Festival IGF Caravan engadiu o nome de José Antonio Viñas. 2023: A Unión Folclórica Mundial IGF xunto co Concello de Pereiro de Aguiar instalaron, no Santuario dos Gozos, unha placa en memoria de José Antonio Viñas, obra do escultor Camilo Seira.

Notas

Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1977 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Músicos de Galicia