As esfinxes xemelgas de El Salobral son unha parella de esculturas iberas atopadas en 1901, de maneira accidental, na pedanía albaceteña de El Salobral. É común o erro de referirse a elas como unha soa cando, en realidade, existen dúas esculturas idénticas, talladas en espello para ser situadas de maneira contraposta coa finalidade de flanquear a entrada ou esquinas dun túmulo funerario.
Espolio Tras o seu achado, como produto do espolio arqueolóxico que padeceu a escultura ibera a comezos do século XX, foron vendidas polo arqueólogo Pierre Paris ao Museo do Louvre. Na actualidade unha delas, a máis famosa, atópase no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, mentres que a súa irmá, menos coñecida, áchase nos fondos do Museo Municipal de Saint-Germain-en-Laye, pechado dende 1979 polas súas graves carencias en materia de seguridade, que permitiron o roubo dunha das súas obras emblemáticas -O Prestidixitador- atribuída a El Bosco. A esfinxe que está en Madrid retornou en 1941 na mesma operación que permitiu a España recuperar a Dama de Elx, a esfinxe de Agost e parte do Tesouro de Guarrazar.
Características Do mesmo xeito que outras, como a Bicha de Balazote, considérase que formaba parte dun conxunto funerario turriforme semellante ao sepulcro de Pozo Moro. O carácter destas esculturas, dotadas dun significado máxico, era apotropaico (é dicir, defendía o monumento funerario fronte ao espolio e protexía a memoria do defunto) e psicopompo (un vehículo para conducir a alma do defunto ao mundo de ultratumba). A esfinxe conservada en España conserva restos de policromía, especialmente un vermello intenso, considerado a cor de vida polo seu parecido co do sangue humano. Polos seus trazos estilísticos dátase a súa cronoloxía a finais do século VI a.C.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Sepulcro de Pozo Moro Bicha de Balazote Esfinxe de Haches
Categoría:Iberos Categoría:Esfinxes Categoría:Esculturas iberas Categoría:Coleccións do Museo Arqueolóxico Nacional de España