Ensaio sobre a cegueira é unha novela do escritor portugués José Saramago, publicada en 1995 e traducida a varias linguas. A obra narra a historia da epidemia de cegueira branca que se espalla por unha cidade, colapsando a vida das persoas e sacudindo as estruturas sociais. A novela converteuse nunha das máis famosas do autor, xunto con Memorial do Convento e O Evangelho segundo Jesus Cristo, e foi, sen dúbida, un dos principais motivos polos que foi escollido para o premio Nobel de literatura en 1998.
Nos ollos do autor «Este é un libro francamente terrible co que quero que o lector sufra tanto como eu sufrín ao escribilo. Nel descríbese unha longa tortura. É un libro brutal e violento, e é simultaneamente unha das experiencias máis dolorosas da miña vida. Son 300 páxinas de constante aflición. A través da escritura, tentei dicir que non somos bos e que é preciso que teñamos coraxe para recoñecelo».
Resumo e contexto da obra literaria A cegueira comeza nun único home, durante toda a súa rutina habitual. Cando está sentado no automóbil no semáforo, este home ten un ataque de cegueira, e é aí, coas persoas que acoden a socorrelo, que se forma unha cadea sucesiva de cegueira. Unha cegueira branca, como un mar de leite nunca coñecido, que se propaga rapidamente como unha epidemia. O goberno decide actuar, e as persoas infectadas son colocadas en corentena, con recursos limitados, que irá desvelando pouco a pouco as características primitivas do ser humano.
A forza da epidemia non diminúe coas medidas tomadas polo goberno, e rapidamente todo o mundo se volve cego, e só unha muller, secretamente, manterá a súa visión, enfrontando todos os horrores que serán causados, presenciando visualmente todos os sentimentos que se desenrolan na obra: poder, obediencia, cobiza, cariño, desexo, vergoña; dominadores, dominados, subxugadores e subxugados.
Nesta corentena eses sentimentos iranse desenvolvendo de diversas formas: loitas entre grupos pola pouca comida posta á súa disposición, compaixón polos doentes e polos máis necesitados, ancianos e meniños, vergoña por actitudes que antes nunca se cometerían...
Cando finalmente logran saír (debido a un lume posto na sala dun grupo dominante, que instalara aínda máis a desesperación mediante o control da comida) do antigo hospital psiquiátrico onde o goberno os puxera en corentena, a muller que ve atópase coa ausencia da garda: «a cidade estaba toda infectada»; cadáveres, lixo, detrito, todo tipo de suciedade e inmundicia se instalara pola cidade. Os cegos pasaran a seguir os seus instintos animais e sobrevivían como nómades, instalándose en comercios ou casas descoñecidas.
Saramago amosa, a través desta obra intensa e sufrida, as reaccións do ser humano ás necesidades, á incapacidade, á impotencia, ao desprezo e ao abandono. Lévanos tamén a ponderar sobre a moral, os costumes, a ética e os prexuízos a través dos ollos da personaxe principal, a muller do médico, que se atopa ao longo da narración con situacións inadmisibles; mata para preservarse tanto a si mesma como aos demais, atópase coa morte de maneiras estrañas, como cadáveres espallados polas rúas. Tras saír do hospital, ao entrar nunha igrexa, presenza un escenario no que todos os santos teñen os ollos vendados: «se os ceos non ven, que ninguén vexa»...
A obra acaba cando, subitamente, exactamente pola orde de contaxio, o mundo cego dá lugar ao mundo inmundo e bárbaro. Non obstante, as memorias e as pegadas non se desvanecen.
Personaxes José Saramago non distingue os personaxes polos seus nomes, pero si polas súas características e particularidades. Entre os personaxes principais atopamos o primeiro cego, a muller do primeiro cego, o médico, a muller do médico (que ve), a rapaza das lentes escuras, o vello da venda negra e o neno estrábico.
Ao longo do libro van aparecendo outros personaxes secundarios, como o cego da pistola, o cego que escribe en braille, o ladrón, os soldados, a vella do primeiro andar, o can das bágoas...
Tipo de escritura Nesta obra, Saramago emprega o tipo de escritura polo que tornou mundialmente coñecido. Este tipo de escritura baséase nunha descrición fluída, onde o discurso directo mestúrase co indirecto, sendo normal a ausencia dos recursos típicos do discurso directo (parágrafos, raias, comiñas), presentando o discurso directo entre comas e comezando con maiúscula, para que o lector poida distinguir entre os discursos. Este tipo de escritura foise desenvolvendo ao longo dos libros que Saramago escribiu, e trátase dunha das súas características máis inconfundibles.
Adaptación cinematográfica Ao longo da súa vida, Saramago resistiuse a ceder os dereitos dos seus libros para o cinema. Con todo, en 2008 estreouse unha adaptación de Ensaio sobre a Cegueira, dirixida polo brasileiro Fernando Meirelles. O filme obtivo críticas mistas e opinións divididas; mais a Saramago o resultado agradoulle inmensamente. Declarou «estar tan feliz de ter visto o o filme como estaba cando acabou de escribir o libro», e que «agora coñecía a cara das súas personaxes».
Notas
Categoría:Obras literarias de 1995 Categoría:Obras de José Saramago Categoría:Novelas en portugués Categoría:Obras literarias en portugués