David Charles Howard Bale, nado en Witbank o 2 de setembro de 1941 e finado en Santa Monica o 30 de decembro de 2003, foi un empresario e activista británico. Foi o pai do actor Christian Bale e o marido da escritora e activista feminista Gloria Steinem.

Traxectoria

Bale naceu no entón municipio de Witbank, integrado na provincia surafricana de Transvaal, no seo dunha familia inglesa. Era fillo único de Philip Bale, capitán na reserva da Royal Air Force. Tras o divorcio de seus pais marchou do país con súa nai, e pasou parte da súa infancia en internados en Inglaterra e Exipto e en visitas á súa familia materna en Guernsey. Cando tiña 17 anos volveu a Suráfrica co pai e matriculouse na Universidade de Cidade do Cabo pero non completou os estudos universitarios. En 1962 casou coa súa moza Sandra Thompson e ao pouco a parella tivo unha filla, Erin. Mais o matrimonio non durou moito, David volveu a Inglaterra e finalmente, a parella divorciouse en 1964. Etapa europea En Inglaterra, David traballou en diversos oficios e, sen éxito, intentou o emprendemento empresarial, importando e comercializando vaqueiros e monopatíns. En Inglaterra coñeceu a Jenny James, coa que tivo dúas fillas Sharon en 1968 e Louise en 1972 e un fillo Christian en 1974 e coa que casou en 1972. Nun intento de darlle estabilidade económica á familia intentou converterse en piloto comercial na Oxford Air Training School pero non chegou a completar o curso. A familia viviu en múltiples localidades británicas e en Portugal, e mesmo nunha caravana de circo durante unha tempada en Londres. Finalmente, a familia aveciñouse en Bournemouth . Etapa norteamericana O 6 de xuño de 1991 David e Jenny divorciáronse. David aveciñouse, a comezos dese ano, cos seus fillos Louise e Christian nos Ánxeles. Bale coñeceu a Gloria Steinem en outubro de 1999, nun acto de recadación de fondos celebrado nos Ánxeles para Voters for Choice, organización coa que Steinem estaba vinculada.. Casaron o 3 de setembro de 2000, nunha cerimonia privada celebrada na casa de Wilma Mankiller en Oklahoma. Mankiller fora a primeira muller en exercer como xefa principal da Nación Cherokee. A cerimonia celebrouse ao amencer en inglés e cherokee e combinou elementos civís e da tradición cherokee. No momento do matrimonio, Bale afrontaba un procedemento relacionado coa súa situación migratoria nos Estados Unidos tras exceder o período autorizado polo seu visado. Bale e Steinem negaron que a situación migratoria fose o motivo do casamento.

Activismo

Nos Estados Unidos Bale foi moi activo en favor da conservación da natureza e da protección dos animais. Formou parte do consello de administración da Dian Fossey Gorilla Fund International, organización dedicada á conservación dos gorilas de montaña e dos seus hábitats. Tamén integrou o consello de administración de Ark Trust, organización dedicada á sensibilización pública sobre a protección e os dereitos dos animais. Foi tamén membro do consello de World Education, organización internacional sen ánimo de lucro dedicada ao desenvolvemento educativo, incluídos programas de formación para adultos en países en vías de desenvolvemento.

Notas

Categoría:Nados en 1941 Categoría:Finados en 2003 Categoría:Empresarios do Reino Unido Categoría:Activistas do Reino Unido Categoría:Nados na provincia de Mpumalanga Categoría:Alumnos da Universidade de Cidade do Cabo