Manuel María Acevedo y Pola, nado en Vigo o 19 de xaneiro de 1769 e finado en Noreña en 1840, foi un xuíz e político liberal, deputado por Pontevedra e senador por Asturias.

Traxectoria Fillo do militar Manuel Jacinto Acevedo y Navia e de María Josefa Pola Navia, ambos de orixe asturiana. Pasou a infancia en Miraflores (Noreña) e tras quedar orfo de pai aos 14 anos, trasladouse a Oviedo, por desexo da nai, a estudar Dereito na Universidade. Protexido dos ilustrados Campomanes e Jovellanos, e amigo persoal de Díaz Porlier, exerceu como avogado en Oviedo antes de ser designado marxistrado na Audiencia de Asturias.

Durante a Guerra de Independencia afilouse ao liberalismo, foi nomeado en 1812 xefe político de Asturias e, polo tanto, presidente da Deputación provincial. Foi encargado de desenvolver a aplicación do sistema político consagrado na Constitución de 1812. A lectura do decreto de abolición da Inquisición nas igrexas levouno a un enfrontamento co bispo de Oviedo, Gregorio Hermida, que resultou no desterro do relixioso.

A restauración de Fernando VII resultou na súa expulsión da administración e desterro nun convento. Recuperou o cargo de xefe político de Asturias no Trienio Liberal. A intervención dos Cen Mil Fillos de San Luis para reimplantar o absolutismo en 1823, supuxo o seu exilio dende Xibraltar a Reino Unido, canda o seu curmán Álvaro Flórez Estrada. Nestes anos radicalizou as súas posicións políticas, ata propoñer a abolición da monarquía nun artigo de 1824 publicado en Londres no xornal El Español Constitucional, baixo o pseudónimo "Miso Basileo". Logo de residir en Londres, Jersey e viaxar por Europa, regresou a España dende París grazas a unha amnistía da raíña María Cristina de Borbón en 1832.

Durante o reinado de Isabel II foi electo deputado por Asturias entre 1834 e 1836 e pola provincia de Pontevedra en 1836 e foi senador por Asturias entre 1837 e 1838. Finou na casa familiar de Miraflores en 1840.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1769 Categoría:Finados en 1840 Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos