Beja é unha cidade portuguesa, capital do distrito de Beja, na rexión do Alentejo, subrexión do Baixo Alentejo e pertencente á NUTS III Baixo Alentejo, que conta cerca de 23 500 habitantes. É tamén sede da diocese de Beja

É centro dun dos máis extensos municipios de Portugal, con 1140,21 km² de área e 35 762 habitantes (2001). Está subdividido en 18 freguesías. O municipio limita polo norte cos concellos de Cuba e Vidigueira, polo leste con Serpa, ao sur con Mértola e Castro Verde e ao oeste con Aljustrel e Ferreira do Alentexo.

Historia Crese que a cidade foi fundada cara ao 400 a. C. polo pobo dos Conios, que a denominarían Conistorgis. As primeiras referencias á esta cidade aparecen no s. II a. C., en textos de Polibio e de Tolomeo.

Co nome alterado de Pax Iulia, foi sede dun convento xurídico (circunscrición xurídica), o conventus pacensis, pouco despois da súa fundación. Gozou de dereito itálico. A súa importancia é atestada polo feito pasar por ela unha das vías romanas.

No século V, os suevos apoderáronse da cidade, sucedéndoos os visigodos. Nesta altura pasa a cidade a denominarse Paca.

Entre os século VIII ao ano de 1162, foi posesión dos musulmáns. A caída do Califato de Córdoba en 1031, posibilitou que Beja se convertese en capital dun reino taifa. En 1144, o gobernador de Beja, Sidray ibn Wazir, apoiou a rebelión dos muridun (discípulos), conducidos por Abul-Qasim Ahmad ibn al-Husayn al-Quasi, que levantaron o Algarve contra o poder de Sevilla. No 1150, a cidade foi tomada polos almohades, anexionándoa ao seu imperio norteafricano. Fernão Gonçalves tomou a cidade para os cristiáns, conducindo as tropas do rei Afonso I, mais en 1175 a cidade volveu ser tomada polos almohades, estando en poder musulmán até 1234, data na que o rei Sancho II tomouna para os cristiáns definitivamente.

Recibiu o foral en 1524 e foi elevada a rango oficial de cidade en 1521, durante o reinado de Manuel I. Durante as guerra de Restauración portuguesa (1640-1667), foi ocupada por tropas portuguesas e españolas.

En 1770, Beja conseguiu ser sede dun bispado, logo de varios centos de anos. En 1808, as tropas napoleónicas, ao mando de Junot, saquearon a cidade e masacraron os seus habitantes.

Monumentos Monumentos notábeis do centro histórico son:

O castelo, sito na parte alta da cidade, que está rodeado de murallas romanas. A torre da homenaxe, de 40 m de altura, obra de fins do século XIII. Desde o alto dela pódese ver un vasto panorama das "serras" fonteirizas con España e da grande chaira alentexana. No patio pódese visitar un pequeno "museo militar". A catedral de Santiago, acaroada a un flanco da torre da homenaxe. A igrexa de santo Amaro acolle na actualidade un museo epigráfico e lapidario. É un dos raros monumentos de arte proto-románica en Portugal. O convento de Nossa Senhora de Conceiçao, fundado en 1467, emparéntase estilisticamente coa grande igrexa de Batalha; hospeda hoxe o Museo da Raíña dona Leonor, e unha igrexa barroca. A igrexa da Misericordia, de 1550. Pelouriño de Beja, un dos pelouriños, ou rollos, de maior cualidade artística de Portugal, que data de inicios do século XVI.

Subdivisións administrativas (freguesías) Albernoa Baleizão Beringel Cabeça Gorda Mombeja Nossa Senhora das Neves Quintos Salvada Salvador Santa Clara de Louredo Santa Maria da Feira Santa Vitória Santiago Maior São Brissos São João Baptista São Matias Trigaches Trindade

Categoría:Cidades de Portugal Categoría:Concellos do distrito de Beja