Despois da Rusia, a Ucraína era de lonxe a máis importante economía da antiga Unión Soviética, producindo 4 veces máis que a república seguinte. O seu solo fértil xeraba case 1/4 da produción agrícola soviética, e as súas facendas producían grandes cantidades de carne, leite, grans e vexetais para outras repúblicas.
Ucraína ten uns 40 millóns de hectáreas de terreo agrícola (70 % do país), sendo a agricultura a que xera as máis importantes exportacións. A explotación intensiva dos solos negros e fértiles do cinto agrícola ucraíno tornaron o país nun gran produtor de trigo e remolacha. Outros cultivos importantes son: cebada, millo, leguminosas, pataca, avea, centeo, paínzo e trigo sarraceno. Os principais cultivos industriais son os de remolacha e de semente de xirasol. Cultívanse tamén froitas e hortalizas nos arredores das grandes cidades. A cría de gando bovino e suíño dáse en todo o pais.
Ucraína ten ricos xacementos de manganeso no Donbás. Esa rexión é o centro industrial do país e un dos principais complexos mineiro-metalúrxicos e de industria pesada da Europa. Ucraína é tamén un importante produtor de gas natural e de petróleo, aínda que as reservas deses combustíbeis fósiles teñan sido excesivamente explotadas durante o período soviético.
O Donbás presenta tamén industrias metalúrxicas altamente desenvolvidas, que producen ferro e aceiro en grandes cantidades.
Notas