O Campionato Nacional de Liga de Primeira División, máis coñecido como Primeira División e debido a motivos de patrocinio como LaLiga EA Sports, é a máxima categoría masculina da liga española de fútbol e a principal competición a nivel de clubs de España. É organizada pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) dende 1984, cando sucedeu á Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Comezou a disputarse na tempada 1928-29 e desde entón celebrouse sen interrupcións, a excepción dos paróns durante a guerra civil, entre 1936 e 1939, e a pandemia por coronavirus en 2020.

A Primeira División é, xunto coa Segunda División, unha das dúas únicas categorías con status profesional en España, baixo o amparo da LFP. Está considerada unha das cinco grandes ligas europeas, ocupando o primeiro posto do coeficiente UEFA por diante da Premier League inglesa, a Serie A italiana, a Bundesliga alemá e a Ligue 1 francesa. Por outra parte, é considerada como a mellor liga do mundo segundo a clasificación anual oficial da IFFHS, posto que ocupa de maneira consecutiva dende 2010. É, ademais, o segundo campionato nacional con máis títulos en competicións internacionais a nivel mundial e o primeiro de Europa, cun total de 78 títulos conseguidos por 9 clubs.

Un total de 63 equipos pasaron pola categoría ao longo da súa historia, sendo campións só 9 equipos. Real Madrid e Barcelona son os claros dominadores do torneo con 34 e 26 ligas respectivamente. Os outros sete campións son Atlético de Madrid (11), Athletic (8), Valencia (6), Real Sociedad (2) e Deportivo, Sevilla e Betis (1).

Historia Arranque e primeiras décadas En abril de 1927, José María Acha, adestrador do Arenas Club de Getxo, propuxo a creación dunha liga nacional en España. Despois de moito debate sobre o tamaño da liga e quen ía participar, a Real Federación Española de Fútbol chegou a un acordo sobre os dez equipos que formarían a primeira tempada da Primeira División en 1929. Barcelona, Real Madrid, Athletic de Bilbao, Real Sociedad, Arenas de Getxo e Real Unión foron seleccionados como gañadores anteriores da Copa de España; Atlético de Madrid, Espanyol e Europa como subcampións, e o Racing de Santander, como gañador dunha eliminatoria. Só tres dos clubs fundadores, Real Madrid, Barcelona e Athletic, nunca baixaron a Segunda División.

Aínda que o Barcelona gañou a primeira liga en 1929 e o Real Madrid gañou os seus primeiros títulos en 1932 e 1933, foi o Athletic de Bilbao, o que definiu o ritmo inicial gañador da Primeira División, proclamándose campión en 1930, 1931, 1934 e 1936. Ademais foron subcampións en 1932 e 1933. En 1935, o Real Betis, entón coñecido como Betis Balompié, gañou o seu único título ata hoxe. A Primeira División foi suspendida durante a Guerra civil española.

En 1937, os equipos da zona republicana de España, coa excepción notábel dos dous clubs de Madrid, participaron no campionato Mediterráneo e o FC Barcelona proclamouse campión. Setenta anos despois, o 28 de setembro de 2007, o Barcelona solicitou á RFEF recoñecer ese título como un título da Liga. Esta acción foi tomada logo de que a federación concedera a Copa da España Libre gañada polo Levante UD en 1937 como equivalente á Copa do Rei.

Cando a Primeira División continuou despois da Guerra civil foron Atlético Aviación (actual Atlético de Madrid), Valencia e Sevilla os equipos máis fortes na categoría. O Atlético Aviación foi premiado cun posto na tempada 1939-40 como substituto para o Real Oviedo, cuxo estadio quedou danado durante a guerra. O equipo proclamouse campión nesa tempada e repetiu título na seguinte. O Valencia gañou os títulos de 1942, 1944 e 1947. Ademais foron subcampións en 1948 e 1949. Finalmente, o Sevilla tamén tivo unha breve época dourada, rematando como subcampión en 1940 e 1942, antes de gañar o seu único título ata a data, en 1946. A finais da década, o Barcelona comezou a emerxer e conseguiu os títulos de 1945, 1948 e 1949.

O inicio do dominio dos dous grandes A pesar de que o Atlético Aviación de Helenio Herrera foi campión en 1950 e 1951, a década de 1950 viu o inicio do dominio de Real Madrid e Barcelona. Nas primeiras décadas da liga, había impostos polas fichaxes de estranxeiros, e eran poucos os xogadores de fóra de España que xogaban na Liga. Con todo, o Real Madrid e o Barcelona romperon estas regras. Inspirado por Kubala, o Barça conseguiu o título en 1952 e 1953. Di Stéfano, Puskás e Paco Gento formaron o núcleo do Real Madrid que dominou a segunda metade da década. O club gañou os títulos de 1954 e 1955. O equipo foi tamén vencedor en 1957 e 1958, só interrompido por unha liga gañada polo Athletic Club. Durante este período, o Real Madrid tamén gañou cinco títulos europeos consecutivos. O Barcelona, cun equipo adestrado por Helenio Herrera e co galego Luis Suárez gañou o título en 1959 e 1960.

Entre 1961 e 1980, o Real Madrid dominou a Primeira División sendo coroado campión en 14 ocasións. Isto inclúe un período de cinco ligas consecutivas (1961-1965) e dous de tres (1967-1969 e 1978-1980). Durante esta época só destacaron os catro títulos do Atlético de Madrid en 1966, 1970, 1973 e 1977. Outros dous clubs, o Valencia en 1971 e o Barcelona con Johan Cruyff en 1974 conseguiron romper o dominio do Real Madrid.

As ligas vascas, a Quinta del Buitre e o Dream Team A secuencia gañadora do Real Madrid foi pechada de forma máis significativa en 1981, cando a Real Sociedad gañou o primeiro título da súa historia. O equipo donostiarra repetiu en 1982 e logo viñeron dúas ligas gañadas polos seus veciños vascos, o Athletic de Bilbao, en 1983 e 1984. Terry Venables levou ó Barcelona a un título solitario en 1985, antes de que o Real Madrid vencera novamente cinco consecutivas (1986-1990) cun equipo, adestrado por Leo Beenhakker, e con Hugo Sánchez e a lendaria Quinta del Buitre, formada por Emilio Butragueño, Manolo Sanchís, Martín Vázquez, Míchel e Miguel Pardeza.

Johan Cruyff regresou ó Barcelona como adestrador en 1988, e montou o lendario Dream Team. Cruyff introduciu xogadores como Guardiola, José Mari Bakero, Txiki Begiristain, Goikoetxea, Ronald Koeman, Michael Laudrup, Romário e Hristo Stoichkov. Este equipo gañou catro ligas consecutivas entre 1991 e 1994 e gañou a súa primeira Copa de Europa en 1992. Laudrup marchou entón ao eterno rival e acabou a grande época de Cruyff. O Atlético de Madrid gañou a súa novena liga en 1996, antes de que o Real Madrid engadira un trofeo máis á súa historia, en 1997. Despois do éxito de Cruyff, outro neerlandés, Louis van Gaal, chegou ao Camp Nou, e co talento de Luís Figo, Luis Enrique e Rivaldo, o Barcelona volveu gañar o título en 1998 e 1999. Mentres tanto, o Real Madrid tamén tivo éxito na competición continental, sendo gañador da Liga de Campións en 1998.

Século XXI miniatura|right|300px|Partido disputado entre o Deportivo da Coruña e o FC Barcelona na tempada 2016-17. Cando a Primeira División entrou no novo século, os dous grandes tiveron que afrontar novos retos. Entre 1993 e 2004, o Deportivo da Coruña rematou entre os tres primeiros en dez ocasións, unha marca mellor que calquera Real Madrid ou Barcelona, e en 2000, con Javier Irureta como adestrador, converteuse no noveno equipo en ser campión. O Real Madrid gañou dous títulos de Liga en 2001 e 2003 e tamén a final da Liga de Campións en 2000 e 2002, e gañou o seu terceiro título de liga en 2007, tras unha seca de tres anos. O equipo branco atopou no Valencia ao seu máximo competidor nas dúas competicións. Baixo a dirección de Héctor Cúper, o Valencia chegou á final da Liga de Campións en 2000 e 2001. O seu sucesor, Rafael Benítez, levou ao club ao título de Liga en 2002 e a facer un dobrete de Liga e Copa da UEFA en 2004. A tempada 2004-05 viu un rexurdimento do FC Barcelona con Ronaldinho gañando a primeira liga da década, seguida dun dobrete de Liga e Champions en 2005-06. O Real Madrid gañou a liga nas tempadas 2006-07 e 2007-08, na que o Villarreal foi subcampión. O Barcelona gañou novamente a liga na tempada 2008-09, na que tamén conseguiu o resto de copas, sendo o primeiro equipo da historia en gañar tódalas competicións nun mesmo ano. Na tempada 2009-10 gañou a súa 20ª liga cunha marca histórica de 99 puntos, e na tempada seguinte volveu repetir, sendo a terceira liga consecutiva para os blaugranas. Na tempada 2011-12, o Real Madrid gañou a liga con 100 puntos, superando o récord conseguido polo Barça a tempada anterior. Na tempada 2012-13, o FC Barcelona gaña novamente a liga igualando os 100 puntos do equipo madrileño da tempada anterior.

Sistema de competición A Primeira División é un torneo organizado e regulado, conxuntamente coa Segunda División, pola Liga Nacional de Fútbol Profesional (LFP), cuxos membros son os propios clubs participantes.

A competición dispútase anualmente, empezando a finais do mes de agosto ou principios de setembro e terminando no mes de maio ou xuño do seguinte ano.

Consta dun grupo único integrado por vinte equipos, pertencentes a clubs de fútbol ou sociedades anónimas deportivas (SAD). Seguindo un sistema de liga, os vinte equipos enfróntanse todos contra todos en dúas ocasións -unha en campo propio e outra en campo contrario- sumando un total de 38 xornadas. A orde dos encontros decídese por sorteo antes de empezar a competición.

A clasificación final establécese de acordo aos puntos totais obtidos por cada equipo ao finalizar o campionato. Os equipos obteñen tres puntos por cada partido gañado, un punto por cada empate e ningún punto polos partidos perdidos. Se ao finalizar o campionato dous equipos igualan a puntos, os mecanismos para desempatar a clasificación son os seguintes: O que teña unha maior diferenza entre goles a favor e en contra nos enfrontamentos entre ambos. Se persiste o empate, o que teña a maior diferenza de goles a favor tendo en conta todos os obtidos e recibidos no transcurso da competición. Se continúan empatados, gaña o que máis goles a favor teña.

Se o empate a puntos é entre tres ou máis clubs, os sucesivos mecanismos de desempate son os seguintes: A mellor puntuación da que a cada un corresponda a tenor dos resultados dos partidos xogados entre si polos clubs implicados. A maior diferenza de goles a favor e en contra, considerando unicamente os partidos xogados entre si polos clubs implicados. A maior diferenza de goles a favor e en contra tendo en conta todos os encontros do campionato. O maior número de goles a favor tendo en conta todos os encontros do campionato. O club mellor clasificado con arranxo aos baremos de xogo limpo.

Efectos da clasificación Posto Clasificación 1º Clasificados para a fase de grupos da Liga de Campións 2º 3º 4º 5º Clasificado para o play-off da Liga Europa 6º Clasificado para a terceira rolda da Liga Europa 7º-17º 18º Descenden a Segunda División 19º 20º O equipo que máis puntos suma ao final do campionato é proclamado campión de liga e obterá o dereito automático a participar na fase de grupos da seguinte edición da Liga de Campións da UEFA (Champions League), xunto co subcampión, o terceiro clasificado e o cuarto clasificado. O quinto clasificado obterá o dereito a participar na rolda de play-off da próxima Liga Europa da UEFA (UEFA Europa League) e, o sexto, na terceira eliminatoria da mesma. Se na Copa do Rei o campión está clasificado para a Liga de Campións, o sétimo clasificado obterá o dereito para xogar a terceira rolda previa da seguinte edición da Liga Europa. Ademais, o campión e o subcampión da liga disputan a Supercopa de España, enfrontándose aos finalistas da Copa do Rei desa mesma tempada.