O Banco Mundial é unha institución financeira internacional que proporciona préstamos aos países en vías de desenvolvemento para os programas de capital. Componse de dúas institucións: o Banco Internacional para a Reconstrución e o Desenvolvemento (BIRD) e a Asociación Internacional para o Desenvolvemento (AID). O Banco Mundial é un compoñente do Grupo do Banco Mundial, e membro do Grupo para o Desenvolvemento das Nacións Unidas.

O Banco Mundial traballa con outra entidade, o Fondo Monetario Internacional (FMI), o cal dá financiamento para alixeirar os problemas na balanza dos pagos da débeda. Ambos son coñecidos como "Institucións de Bretton Woods", posto que a conferencia internacional que levou á creación destas institucións e onde se asinaron os Acordos de Bretton Woods levouse a cabo na vila homónima, Bretton Woods, parte do municipio de Carroll, no estado de Nova Hampshire (Estados Unidos de América), do 1 ao 22 de xullo de 1944.

O obxectivo oficial do Banco Mundial é a redución da pobreza. De acordo co seu Convenio constitutivo, todas as súas decisións teñen que ser guiadas por un compromiso coa promoción da investimento estranxeiro e o comercio internacional e a facilitación do investimento de capital.Articles of Agreement: as amended effective 16 February 1989.

Historia miniatura| John Maynard Keynes (dereita) e Harry Dexter White, os "pais fundadores" do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional (FMI). O Banco Mundial foi creado en 1944 na Conferencia de Bretton Woods, xunto con outras tres institucións, incluíndo o Fondo Monetario Internacional (FMI). O Banco Mundial e o FMI teñen os dous a súa sede en Washington DC, e traballan estreitamente entre eles. Non foi ata a ratificación internacional dos Acordos de Bretton Woods o 27 de decembro de 1945 que non empezou a funcionar formalmente.

A pesar de que moitos países estiveron representados na Conferencia de Bretton Woods, os Estados Unidos e o Reino Unido eran os máis destacados en presenza e dominaron as negociacións.

1944-1969 Antes de 1969, a reconstrución e os préstamos ao desenvolvemento proporcionados polo Banco Mundial eran relativamente pequenos. O persoal do Banco era consciente da necesidade de xerar confianza no banco. Gobernaba un conservadorismo fiscal, e as peticións de préstamos seguían criterios estritos.

O primeiro país en recibir un préstamo do Banco Mundial foi Francia. O presidente do Banco da época, John McCloy, escolleu Francia por riba dos outros solicitantes: Polonia e Chile. O préstamo era de 250 millóns de dólares, a metade da cantidade pedida, e estaba acompañado de condicións moi estritas. Francia aceptou para conseguir un orzamento equilibrado e tivo que dar prioridade ó reembolso desta débeda diante dos outros gobernos. O Banco Mundial controlou de preto o uso dos fondos para asegurar que o goberno francés cumpría as condicións. Ademais, antes de aprobar o préstamo, o departamento de estado dos Estados Unidos esixiu ao goberno francés que terían que ser apartados aqueles membros asociados ao Partido Comunista. O goberno francés cumpriu a esixencia e sacou o partido comunista do goberno de coalición. O préstamo a Francia foi aprobado en cuestión de horas.

Cando se despregou o Plan Marshall en 1947, moitos dos países europeos empezaron a recibir axudas doutras fontes. Enfrontado con esta competencia, o Banco Mundial cambiou o seu foco a países extraeuropeos. Ata que en 1968, os seus préstamos foron consignados para a construción de infraestruturas que produzan ingresos, como portos, redes de autoestrada, e plantas de enerxía, que xerarían suficientes ingresos para habilitar ao país a devolver o préstamo.

1968-1980 De 1968 a 1980, o banco concentrouse en satisfacer as necesidades básicas das persoas no mundo en desenvolvemento. A media e o número de préstamos a prestatarios incrementouse en gran medida como préstamos orientados a ampliar as infraestruturas dos servizos sociais e outros sectores.

Estes cambios hai que atribuílos a Robert McNamara, quen foi designado como presidente en 1968 por Lyndon B. Johnson. McNamara pediu ao tesoureiro do banco, Eugene Rotberg, buscar novas fontes de capital máis aló dos bancos norteños que foran as fontes primarias habituais. Rotberg utilizou o mercado de bonos global para aumentar o capital dispoñible do banco. Unha consecuencia deste período de atenuación da pobreza foi un aumento rápido da débeda do terceiro mundo. De 1976 a 1980 a débeda mundial do mundo en desenvolvemento aumentou a un índice anual medio do 20%.

En 1980, o Tribunal administrativo do Banco Mundial creouse para decidir nas disputas entre o Grupo Banco Mundial e o seu persoal nas alegacións de incumprimento de contratos de ocupación ou dos termos dos acordos.

1980-1989 En 1980, McNamara foi sucedido por Alden W. Clausen candidato do presidente dos Estados Unidos, Jimmy Carter. Substituíu moitos membros do equipo de McNamara e instituíu un novo enfoque ideolóxico. A súa decisión de 1982 de substituír o economista principal do banco, Hollis B. Chenery, por Anne Krueger era unha indicación deste novo enfoque. Krueger destacouse pola súa crítica sobre o financiamento ao desenvolvemento e por describir os gobernos do Terceiro Mundo como "estados buscadores de rendas".

Durante os anos 1980, o banco fixo fincapé nos préstamos para pagar a débeda do Terceiro Mundo, e as políticas de axuste estrutural deseñadas para optimizar as economías das nacións en desenvolvemento. A finais da década de 1980, UNICEF informou que os programas de axustamento estruturais do Banco Mundial foran responsables da "diminución da saúde, dos niveis nutritivos e educativos de decenas de millóns de nenos de Asia, Latinoamérica, e África".

1989-presente A comezos de 1989, en resposta á dura crítica de moitos grupos, o banco empezou a incluír grupos ambientais e ONGs nos seus préstamos para mitigar os anteriores efectos das súas políticas de desenvolvemento. Tamén creou unha axencia para desenvolver, de acordo co Protocolo de Montreal, as medidas de protección da capa de ozono e da atmosfera terrestre reducindo nun 95% o uso de substancias químicas que esgotan o ozono, co 2015 como data obxectivo. Desde entón, de acordo cos seus coñecidos como "Seis Temas Estratéxicos", o banco aplicou varias políticas adicionais para conservar a contorna á vez que se promove o desenvolvemento. Por exemplo, en 1991, o banco anunciou que para protexer contra a deforestación, especialmente da Amazonia, non financiaría ningún desenvolvemento comercial ou proxecto de infraestrutura que botara a perder o medio ambiente.

Para promover bens públicos globais, o Banco Mundial tenta controlar as enfermidades contaxiosas como a malaria, repartindo vacinas en varias partes do planeta e unindo forzas para combatelas. En 2000, o banco anunciou unha "guerra á SIDA", e o 2011, o Banco uniuse á Sociedade para Parar a Tuberculose.

Nesta liña, en 2010 levou un proxecto ás Seychelles para promover o turismo local chamado MAGIC. Este foi continuado polo proxecto TIME, lanzado en 2012.

Tradicionalmente, e por un acordo tácito entre os Estados Unidos e Europa, o presidente do Banco Mundial sempre foi seleccionado entre os candidatos dos Estados Unidos.

O 23 de marzo de 2012, o presidente dos Estados Unidos Barack Obama anunciou que o país nomearía a Jim Yong Kim como presidente do Banco. Jim Yong Kim foi elixido o 27 de abril de 2012.

Grupo Banco Mundial +Poder de voto no BMPaís Porcentaxe Estados Unidos 16,39 % Xapón 7,86 % Alemaña 4,49 % Francia 4,30 % Reino Unido 4,30 % Outros 62,66 % As cinco institucións están estreitamente relacionadas e funcionan baixo unha única presidencia. Son:

O Banco Internacional de Reconstrución e Fomento (BIRF, 184 países membros), creado en 1945.

O BIRF proporciona préstamos e asistencia para o desenvolvemento a países de rendas medias con bos antecedentes de crédito. O poder de voto de cada país membro está vinculado ás súas subscricións de capital, que á súa vez están baseadas no poder económico relativo de cada país. O BIRF recolle gran parte dos seus fondos a través da venda de títulos nos mercados internacionais de capital. Xuntos, o BIRF e a AIF forman o Banco Mundial.

A Asociación Internacional de Fomento (AIF, 164 países membros), creado en 1960. Desempeña un papel importante na misión do Banco que é a redución da pobreza. A asistencia da AIF concéntrase nos países máis pobres, aos cales proporciona préstamos sen xuros e outros servizos. A AIF depende das contribucións dos seus países membros máis ricos - incluso algúns países en desenvolvemento - para recadar a maior parte dos seus recursos financeiros.

A Corporación Financeira Internacional (CFI, 178 países membros), creada en 1956.

A CFI promove o crecemento no mundo en desenvolvemento mediante o financiamento de investimentos do sector privado e a prestación de asistencia técnica e de asesoramento aos gobernos e empresas.

O Organismo Multilateral de Garantía de Investimentos (OMGI, 162 países membros), creado en 1988.

OMGI axuda a estimular investimentos estranxeiros nos países en desenvolvemento por medio de garantías a investidores estranxeiros contra prexuízos causados por riscos non comerciais. A OMGI tamén proporciona asistencia técnica para axudar aos países a divulgar informacións sobre oportunidades de investimento.

O Centro Internacional de Arbitraxe de Diferenzas Relativas a Investimentos (CIADI, 134 países membros), creado en 1966.

O CIADI proporciona instalacións para a resolución- mediante conciliación ou arbitraxe - de disputas referentes a investimentos entre investidores estranxeiros e os seus países anfitrións.

Presidencia miniatura|A Sala de Ouro no Hotel Mount Washington onde o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial foron creados. O presidente do Banco Mundial foi tradicionalmente un cidadán estadounidense, até que en 2008 accedeu ao cargo o surcoreano Jim Yong Kim.

Eugene Meyer (xuño 1946 - decembro 1946) John J. McCloy (marzo 1947 - xuño 1949) George D. Woods (xaneiro 1963 - marzo 1968) Robert McNamara (abril 1968 - xuño 1981) Alden W. Clausen (xullo 1981 - xuño 1986) Barber B. Conable (xullo 1986 - agosto 1991) Lewis T. Preston (setembro 1991 - maio 1995) James Wolfensohn (xuño 1995 - 31 de maio 2005) Paul Wolfowitz (1 de xuño de 2005 - 2007) Robert Zoellick (2007 - 2008) Jim Yong Kim (2008 -)

Tipos de préstamo Por medio dos seus diferentes organismos, descritos anteriormente, o BM xestiona cinco tipos diferentes de préstamos, controlando aspectos de investimentos, desenvolvemento institucional e políticas públicas de aproximadamente 150 nacións.

1) Préstamos para proxectos: este tipo de préstamos outórgase para desenvolver un proxecto específico como estradas, proxectos pesqueiros, infraestrutura en xeral.

2) Préstamos sectoriais, vía BIRF e AIF: estes préstamos gobernan todo un sector da economía dun país, é dicir, enerxía, agricultura, etcétera. Estes comportan condicións que determinan as políticas e prioridades nacionais para este sector.

3) Préstamos Institucionais: estes serven para a reorganización de institucións gobernamentais co fin de orientar as súas políticas cara ao libre comercio e obter o acceso sen restricións, das empresas transnacionais (ETN), aos mercados e rexións. Doutra banda serven para cambiar as estruturas gobernamentais sen aprobación parlamentaria, baixo as directrices do Banco.

4) Préstamos de axuste estrutural: este tipo de préstamos foron creados teoricamente para aliviar a crise da débeda externa co fin de converter os recursos económicos nacionais en produción para a exportación e fomentar a entrada das empresas transnacionais en economías restrinxidas. Os países do sur experimentaron estes axustes e as consecuentes medidas de austeridade.

5) Préstamos a fondo Perdido: este tipo de préstamos foron creados como maneira de cambio monetario sen retorno, o prestamista non recibe de novo este diñeiro prestado.