miniatura|300px|Marea negra provocada polo Prestige en Oia (Pontevedra). Unha marea negra é chegada á costa da vertedura de hidrocarburos ó mar, a modo dunha marea tinxida de negro formada por unha masa oleaxinosa máis ou menos espesa da emulsión do hidrocarburo en auga. As mareas negras máis graves adoitan ser consecuencia dun accidente dun barco petroleiro ou unha plataforma petrolífera.

Aínda que o termo se aplica cando se trata da chega dunha masa voluminosa nun curto espazo de tempo de cru, fuel ou outro derivado do petróleo, os efectos sobre os ecosistemas son basicamente os mesmos que cando se trata das verteduras limitadas e reducidas producidas a partir doutras orixes, como as limpezas ilegais dos depósitos de fuel en mar a fóra, erros ou accidentes producidos na carga ou descarga dos barcos etc. Estas verteduras nunca son espectaculares e, por conseguinte, moitas veces pasan desapercibidas pola opinión pública pero son moito máis frecuentes ca as derivadas de accidentes, tanto en número como en volume vertido ó mar.

Orixe das mareas negras miniatura|300px|O petroleiro Jessica, encallado no arquipélago de Galápagos o 16 de xaneiro de 2001. A pesar da idea de que as mareas negras están causadas por accidentes marítimos, o certo é que esta orixe accidental só se pode aplicar ó 7% dos casos, incluíndo os derrames orixinados no transcurso de operacións rutineiras nos portos: carga e descarga de barcos ou operacións de transvasamento dun barco a outro, se ben estes derrames adoitan ser de pequeno volume (o 93% dos casos non supera as 7 toneladas).

A principal causa das verteduras está nas operacións de limpeza en mar a fóra, nuns actos absolutamente ilegais coñecidos como sentinazos, que representan un 19% dos derrames de hidrocarburos ó mar. Consisten na limpeza con auga a presión dos restos de fuel que quedan adheridos ás paredes dos tanques dos petroleiros, para despois bombear ou baleirar directamente ó mar eses restos. Estas verteduras teñen a particularidade de afectar áreas moi extensas porque se fan cando o barco está navegando, o que supón unha vertedura continua ó longo do seu desprazamento.

Segundo un informe do Programa do Medio Ambiente da ONU datado en 1993 Citado por Leiro e outros, px. 7., cada ano vértense ó mar entre 3 e 4 millóns de toneladas de hidrocarburos e derivados, e o 50% dos presentes no medio mariño procede de verteduras urbanas e industriais realizadas en terra.

Mesmo tamén se poden producir mareas negras a partir de emisións de petróleo a partir de xacementos submarinos. Existen tamén precedentes de mareas negras producidas a consecuencia de accións de guerra sobre barcos petrolíferos e, de feito, a maior marea negra da historia en todo o mundo foi a provocada en 1991 durante a Guerra do Golfo, cando Iraq verteu ó Golfo Pérsico oito millóns de toneladas de cru dos pozos de Kuwait, co obxectivo de impedir o desembarco dos aliados.

Dinámica das mareas negras 300px|miniatura|esquerda|Manchas dispersas de fuel. Sexa cal sexa a orixe da vertedura, o hidrocarburo mestúrase coa auga e forma unha masa negra ou escura, máis ou menos viscosa, que é arrastrada polas ondas ata depositarse nas costas; en función da volatibilidade e densidade do hidrocarburo de que se trate, parte da vertedura evaporarase (provocando unha contaminación atmosférica) ou afundirá e depositará nos fondos mariños. Factores como o volume vertido, o tipo do hidrocarburo, a distancia á costa e características desta, ou a climatoloxía no momento do accidente farán que varíe o comportamento da vertedura e a área xeográfica sobre a que actuará a marea negra. Unha vez na costa, provocará distintos efectos, máis ou menos graves, sobre os ecosistemas mariños e costeiros e, simultaneamente, tamén vai provocar importantes perdas económicas ó impedir o aproveitamento dos recursos mariños.

Ó ser os hidrocarburos menos densos ca a auga, trala vertedura esténdense rapidamente sobre a superficie formando unha extensa capa irregular, formada por masas espesas e densas xunto a áreas cubertas por unha fina película oleosa. O vento, as ondas e as correntes diseminarán e fraccionarán esas manchas de forma impredicible. Parte da substancia vertida forma unha emulsión coa auga que se mantén a flote ou en suspensión na columna de auga, e pode ser dispersada e transportada polas correntes durante semanas a áreas moi afastadas do punto da vertedura, aínda que antes ou despois sedimenta ou é depositada na costa. Os compoñentes máis densos van afundindo ata depositarse sobre os fondos mariños mentres que os máis lixeiros se evaporan (como é o caso da gasolina ou o fuel lixeiro), e son degradados pola acción da luz solar e do osíxeno (fotooxidación).

Existen procesos naturais que van degradando o hidrocarburo ata conseguir a súa eliminación do medio, pero son moi lentos e irregulares, polo que a rexeneración das zonas afectadas polas mareas negras pode necesitar períodos de moitos anos, se é que algunha vez se alcanza a rexeneración completa. Entre os factores que inflúen nesta degradación natural se poden citar factores físicos, químicos e biolóxicos.

A evaporación será tanto máis rápida canto maior sexa a temperatura e a velocidade dos ventos dominantes. A propia dispersión natural na auga, xunto á degradación química que sofre co paso do tempo consegue eliminar boa parte da substancia vertida, proceso no que tamén intervén a descomposición a que é sometida por acción de bacterias e fungos capaces de metabolizar hidrocarburos (biodegradación), pero todo isto necesita moito tempo e a acción destes mecanismos naturais vese comprometida cando o petróleo se acumula en pozas, se estende polo espazo intermareal ou penetra entre as rochas e baixo a area, infiltrándose no substrato. A ondada sobre as zonas rochosas actúa lenta pero constantemente limpando os restos do fuel apegados nas rochas, pero tamén pode soterralo baixo profundas capas de area.

Mareas negras no mundo As mareas negras producíronse en todo o mundo, froito do movemento constante dos barcos petroleiros entre as áreas de produción, localizadas no Golfo Pérsico, Norteamérica e Mar do Norte, e os puntos de transformación e consumo, principalmente localizado nos países industrializados, que foron sempre os que sufriron estas catástrofes con maior frecuencia. As áreas próximas ás rutas de transporte, como é o caso de España e, concretamente, de Galicia, resultan tamén especialmente afectadas.

Así, as zonas máis afectadas son as situadas cerca dos países de maior produción, por accidentes nos pozos ou nos portos de carga, e as situadas nas áreas de maior densidade de navegación.

A axencia norteamericana NOAA (National Oceanic and Atmospheric Administration) publicou un informe sobre as verteduras de hidrocarburos no mundo que inclúe tódalas verteduras comprendidas entre 1960 e 1997 e que superaron as 34 toneladas (que son 10.000 galóns).Tomado de CETMAR.org. Os casos que cumpren estas condicións afectaron un total de 112 países pero se observa unha clara concentración en determinadas zonas que resultaron especialmente afectadas:

Zona Número de verteduras Golfo de México 268 NE dos Estados Unidos 140 Mar Mediterráneo 127 Golfo Pérsico 108 Mar do Norte 75 Xapón 60 Mar Báltico 52 Reino Unido e Canal da Mancha 49 Singapur e Malaisia 39 Costa oeste de Francia e NO de España 33 Corea 32

As verteduras máis importantes da historia, medidas en volume de petróleo, non canto á gravidade da marea negra que provocaran, son os seguintes Exclúese o provocado intencionadamente no Golfo Pérsico en 1991, durante a Guerra de Iraq.. A marea negra causada polo Exxon Valdez en 1989, fronte ás costas de Alasca, foi cuantitativamente menos relevante (de 37.000 toneladas) aínda que os seus efectos medioambientais e a atención dos medios fixeron deste un caso soado en todo o mundo.

Deepwater Horizon miniatura|300px|esquerda|Incendio controlado do petróleo vertido. Tratábase dunha plataforma petrolífera instalada na costa de Luisiana, a uns 80 km da costa e propiedade da compañía British Petroleum (BP). Durante os traballos de extracción, o 20 de abril de 2010 sufriu unha explosión que produciu o incendio e posterior afundimento da plataforma -o 22 de abril-, e unha vertedura de cru de 8.000 m3 diarios (que outras fontes estimaron en máis de 9.500 m3 diarios) que provocou unha marea negra que se estendeu nun radio de 320 km ó redor do pozo. Tras varios intentos frustrados de pechar a válvula, o 26 de maio conseguiuse reducir nun terzo o volume vertido pero non foi ata agosto cando lograron selar definitivamente a válvula.

O goberno dos Estados Unidos estimou a vertedura en 780.000 toneladas, das que supón que se evaporou ou disolveu o 75%. Científicos e ecoloxistas puntualizaron que iso non significaba que o petróleo desaparecera, senón que se trasladou ó aire ou segue no mar en forma de micropingas sen que sexa posible predicir o ritmo de descomposición que sufrirá. Ademais, denunciaron o abuso no uso de disolventes, calculado en sete millóns de litros.

ABT Summer O 28 de maio de 1991, este superpetroleiro liberiano, cunha carga de 260.000 toneladas de cru, sofre unha explosión a 700 millas de Angola. A continuación incéndiase e comeza a verter a carga ata que afunde o 1 de xuño. Nunca se atoparon os restos do barco.

Castillo de Bellver Foi un superpetroleiro de bandeira española, cargado con 257.000 toneladas de cru lixeiro, que se incendiou o 6 de agosto de 1983 fronte ó Cabo de Boa Esperanza, na costa de Suráfrica. Terminou rachando en dous e provocando unha vertedura de 50 a 60.000 toneladas. A popa afundiu axiña, contendo aínda máis de 100.000 toneladas nos seus tanques; a proa foi remolcada mar aberto e afundida con explosivos. Desde o fondo do mar continuou vertendo fuel ata polo menos o ano 1994.

Amoco Cadiz O 16 de marzo de 1978, este petroleiro tamén liberiano, embarrancou tras quedar sen goberno, fronte ás costas francesas da Bretaña. Provocou unha vertedura de 227.000 toneladas de cru.

Haven Este petroleiro chipriota, cargado con 140.000 toneladas, sufriu unha explosión e incendiouse o 11 de abril de 1991, estando a unha milla do porto de Xénova. A marea negra afectou a costa de Liguria e ata a Costa Azul francesa.

Mareas negras en Galicia Resulta difícil facer unha relación dos accidentes que provocaran mareas negras na costa galega, pero os exemplos que se poden dar son numerosos.

O antecedente máis afastado coñecido é o petroleiro ruso Boris Sheboldaeff, que embarrancou fronte á costa de Camelle (en Camariñas) en agosto de 1934. Dado que o barco viña en lastre e grazas a que o accidente foi contra a mesma costa, a área afectada pola marea negra foi moi reducida e limitouse á costa de Camelle e Arou (no mesmo concello).

Durante a segunda guerra mundial producíronse outras dúas mareas negras, pero estas foron a consecuencia de accións de guerra. En 1942, o petroleiro alemán Brenno foi bombardeado por avións aliados e terminou encallando á entrada da ría de Ortigueira, e en 1943 o Nord Atlántic, tamén alemán, foi bombardeado á entrada da ría de Camariñas, encallando despois no interior.

O 2 de xullo de 1968 A data está tomada da Gran Enciclopedia Galega. s.v. Marea negra. En La Voz de Galicia: ola negra, px. 70, dan a data de 1964; tamén din que o Fabiola era de nacionalidade belga. o petroleiro francés Fabiola abordou de través ó petroleiro español Bonifaz a 9 millas do Cabo Fisterra, provocando o afundimento deste e unha vertedura dunhas 20.000 toneladas. O cru incendiouse axiña e só chegou á costa unha pequena parte. O 10 de novembro do mesmo ano, o petroleiro grego Spyros Lemos partía en dous fronte a Fisterra e provocaba unha nova marea negra.

En 1990, o cargueiro Kingland chocou contra os baixos rochosos das inmediacións da Torre de Hércules, xusto onde dous anos despois encallaría o Mar Exeo. A avaría non lle impediu continuar navegando ata o porto da Coruña, pero deixando un ronsel de fuel tras el.