Miguel Ángel Moratinos Cuyaubé, nado en Madrid o 8 de xuño de 1951, é un político e diplomático español.
Traxectoria Tras estudar no Liceo Francés de Madrid, licenciouse en Dereito e en Ciencias Políticas. Fala español, francés, inglés, ruso e serbio. Ingresou na carreira diplomática, traballando no Ministerio de Asuntos Exteriores desde 1974 a 1979 como Director para Europa do Leste. Despois estivo destinado na Embaixada de España en Iugoslavia ata 1984, desde onde pasou á de Marrocos ata 1987, momento no que foi nomeado Subdirector Xeral para África do Norte. En 1991 dirixe o Instituto para a Cooperación co Mundo Árabe, converténdose nun especialista en Oriente Próximo, moi respectado tanto por árabes como por israelís, sendo nomeado Director Xeral de Política Exterior para África Subsahariana e Oriente Medio en 1993, e trala chegada do PP, Embaixador en Israel en 1996 ata que ese mesmo ano, a Unión Europea lle confiou a alta representación da mesma no proceso de paz árabe-israelí, cargo que desenvolveu ata 2003.
En 2004 foi elixido Deputado ó Congreso polo PSOE e foi nomeado por José Luis Rodríguez Zapatero, Ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación de España, sendo unha das súas primeiras misións a retirada española da Guerra de Iraq, o que lle causa suspicacias co goberno dos Estados Unidos de América. Cesou do seu posto como ministro en outubro de 2010, ao ser substituído por Trinidad Jiménez.
No 2007 Moratinos foi o Presidente da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa.
Distincións Entre as honras máis destacadas que recibiu encóntranse as de:
Cabaleiro da Orde do Mérito Civil. Oficial da Orde de Isabel a Católica. Oficial da Orde de Alaouite Ouissan de Marrocos. Varias condecoracións en Israel, Países Baixos e Tunisia polo seu labor á fronte do proceso de paz en Oriente Medio Doutor Honoris Causa pola Universidade da Valeta, Malta
Categoría:Políticos da Comunidade de Madrid Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1951 Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (IX Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VIII Lexislatura) Categoría:Ministros de Asuntos Exteriores de España