Harry Potter e o preso de Azkaban (en ) é un filme de fantasía dirixido por Alfonso Cuarón e baseado na novela homónima escrita por J. K. Rowling. É o terceiro filme da serie de filmes de Harry Potter. Foi escrito por Steve Kloves e producido por Chris Columbus, David Heyman e Mark Radcliffe. A historia céntrase no terceiro ano de Harry Potter na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, durante o que un prisioneiro chamado Sirius Black escapa do cárcere máxico de Azkaban co obxectivo de matar a Harry. A película está protagonizada por Daniel Radcliffe como Harry Potter, con Rupert Grint e Emma Watson como os mellores amigos de Harry, Ron Weasley e Hermione Granger. O resto do elenco inclúe a Michael Gambon, Gary Oldman, David Thewlis, Timothy Spall e Emma Thompson.

O filme tivo a súa estrea no Reino Unido o 31 de maio de 2004 e nos Estados Unidos o 4 de xuño de 2004 e foi a primeira película de Harry Potter en proxectarse en cines IMAX. Tamén foi a última en poñerse á venda en formato VHS. Recibiu dúas candidaturas aos Premios Oscar: Oscar á mellor banda sonora e Oscar ós mellores efectos visuais, que finalmente gañaron Finding Neverland e Spider-Man 2, respectivamente. A recadación nas salas internacionais ascende a máis de 974 millóns de dólares estadounidenses.

Estreouse en galego na TVG o 27 de maio de 2008.

Malia que o preso de Azkaban foi o filme da saga con mellor acollida pola crítica cunha recadación nas salas internacionais dun total de 795,6 millóns de dólares, é a que fixo menor caixa de todas as longametraxes.

Sinopse

O comezo do terceiro curso de Harry Potter en Hogwarts coincide coa fuxida dun preso chamado Sirius Black do cárcere máxico de Azkaban; o convicto semella estar disposto a matar a Harry. Mentres tanto, Remus Lupin únese ao persoal docente da escola máxica como novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra e o Ministerio de Maxia confía aos Dementores de Azkaban a protección de Hogwarts fronte a Black. Harry descobre máis acerca do seu pasado e a súa conexión co prisioneiro escapado.

Elenco Daniel Radcliffe como Harry Potter, protagonista do filme. Rupert Grint como Ron Weasley, mellor amigo de Harry. Emma Watson como Hermione Granger, mellor amiga de Harry. Alan Rickman como Severus Snape.

As novas adicións ao elenco inclúen os seguintes actores: Michael Gambon asume o papel de Albus Dumbledore, o director de Hogwarts, despois do falecemento de Richard Harris, que fixera de Dumbledore nos dous filmes previos, o 25 de outubro de 2002. Gary Oldman como Sirius Black, un preso escapado do cárcere máxico de Azkaban e padriño de Harry. David Thewlis como Remus Lupin, o novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra en Hogwarts. Timothy Spall como Peter Pettigrew, amigo dos pais de Harry e que se cría que fora asasinado por Sirius Black. Emma Thompson como Sybill Trelawney, a inepta profesora de Adiviñación de Hogwarts. Devon Murray como Seamus Finnigan, amigo de Harry. Matthew Lewis como Neville Longbottom, amigo de Harry.

Produción A fotografía principal comezou o 24 de febreiro de 2003, en Leavesden Film Studios e finalizou en outubro de 2003.

Algúns dos decorados para o filme situáronse en Glen Coe, Escocia, preto de Clachaig Inn. Os platós interiores, como os dos filmes anteriores, atópanse principalmente en Leavesden Film Studios. O lago de Hogwarts foi gravado no lago Shiel nas Terras Altas Escocesas. A ponte que cruza o Expreso de Hogwarts e que tamén aparece en n’a Cámara dos Segredos atópase no lado oposto ao lago Shiel e usouse durante a secuencia dos Dementores abordando o tren. Tamén hai breves escenas do filme rodadas en Palmers Green ao norte de Londres e nos arredores de Borough Market e Lambeth Bridge, tamén en Londres.

Rowling permitiu a Cuarón facer pequenos cambios con respecto ao libro, baixo a condición de que se cinguise ao espírito da novela. Deixou que incluíse un reloxo de sol nos xardíns de Hogwarts, pero rexeitou a idea de incluír un cemiterio, que xogaría un papel importante no sexto libro, daquela aínda sen publicar.

Banda sonora A banda sonora de Harry Potter e o preso de Azkaban lanzouse ao mercado o 25 de maio de 2004. As pezas musicais foron compostas e dirixidas por John Williams. A banda sonora recibiu unha candidatura aos Premios Oscar na categoría de Oscar á mellor banda sonora, aos Premios Grammy na categoría de mellor álbum de banda sonora para unha película e aos Premios World Soundtrack na categoría de mellor banda sonora.

O álbum foi ben recibido pola crítica cinematográfica musical. Archie Watt de MovieCues concedeu unha valoración de cinco estrelas á banda sonora e púxoa na lista das mellores do ano.

Lista de pistas "Lumos! (Hedwig's Theme)" - 1:38 "Aunt Marge's Waltz" - 2:15 "The Knight Bus" - 2:52 "Apparition on the Train" - 2:15 "Double Trouble" - 1:37 "Buckbeak's Flight" - 2:08 "A Window to the Past" - 3:54 "The Whomping Willow and the Snowball Fight" - 2:22 "Secrets of the Castle" - 2:32 "The Portrait Gallery" - 2:05 "Hagrid the Professor" - 1:59 "Monster Books and Boggarts!" - 2:26 "Quidditch, Third Year" - 3:47 "Lupin's Transformation and Chasing Scabbers" - 3:01 "The Patronus Light" - 1:12 "The Werewolf Scene" - 4:25 "Saving Buckbeak" - 6:39 "Forward to Time Past" - 2:33 "The Dementors Converge" - 3:12 "Finale" - 3:24 "Mischief Managed!" - 12:10

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web de Harry Potter da Warner Brothers Harry Potter e o preso de Azkaban na IMDb Harry Potter e o preso de Azkaban en Allmovie

Categoría:Filmes de 2004 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes do Reino Unido Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes dirixidos por Alfonso Cuarón Categoría:Filmes con banda sonora de John Williams Harry Potter 3 Categoría:Filmes de Warner Bros. Categoría:Filmes de 1492 Pictures Categoría:Filmes de Heyday Films Categoría:Filmes rodados no Reino Unido Categoría:Filmes ambientados en 1993 Categoría:Filmes ambientados en 1994 Categoría:Filmes ambientados en Escocia Categoría:Filmes baseados en obras de J. K. Rowling Categoría:Filmes sobre feiticería Categoría:Filmes de lobishomes Categoría:Filmes de viaxes no tempo Categoría:Secuelas de filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes distribuídos en sistemas IMAX Categoría:Filmes de 2004 con versión en galego