Gaspar Becerra, tamén chamado Gaspar de Becerra, nado en Baeza (Xaén) en 1520 e finado en Madrid en 1570, foi un pintor, escultor e arquitecto andaluz, un dos máis notábeis do século XVI.
Traxectoria De novo marchou a Roma, onde estudou a obra de Rafael e Miguelanxo, co que traballou, e colaborou tamén con Giorgio Vasari nos frescos das salas da Chancelaría, e máis cos pintores Il Bergamasco e Romulo Cincinnato. Becerra contribuíu así mesmo nos gravados anatómicos publicados por Juan Valverde de Amusco, Historia de la composición del cuerpo humano (Roma, 1556).
En 1556, volveu á península e estabeleceuse por un tempo en Zaragoza. Na década seguinte pasou a Madrid, onde foi acollido ao servizo do rei Filipe II, para quen traballou no Palacio do Pardo e mais no Pazo Real do Alcázar. En 1562 tiña a categoría de escultor real e, no ano seguinte, de pintor real.
Por esa época, Becerra trasladouse a Astorga onde realizou o retablo principal da catedral. En 1562, o andaluz contratou tamén os retablos das igrexas parroquiais de Casaio e Casoio, na comarca ourensán de Valdeorras, pertencentes á diocese de Astorga. Por motivos, seguramente de imposibilidade física para atender os numerosos encargos que lle xurdían, tales retablos foron rematados por artistas como Pedro de Bilbao, Pedro de Arbulo e outros. Porén, os retablos reflicten as trazas de Becerra para o retablo maior da sé astorgana, e forman parte dos mellores exemplos manieristas en Galiza.
Obra Pintura Frescos, Palacio do Pardo, Madrid. Magdalena penitente, Museo do Prado, Madrid (atribuído).
Escultura Retablo maior, catedral de Astorga. Retablo maior, igrexa de Santa María de Casaio. Cristo das Inxurias, catedral de Zamora. Retablo maior, igrexa do mosteiro das Descalzas Reais, Madrid (1565).
Categoría:Renacemento Categoría:Escultores de Andalucía Categoría:Nados na provincia de Xaén Categoría:Nados en 1520 Categoría:Finados en 1570 Categoría:Pintores do século XVI Categoría:Pintores do Renacemento Categoría:Escultores do Renacemento Categoría:Escultores do século XVI