Manuel Ponte Pedreira, coñecido co sobrenome de Xastre, nado no Fontao (Abellá, Frades) o 20 de agosto de 1911 e finado na mesma aldea o 21 de abril de 1947, foi un guerrilleiro galego.
Traxectoria Aprendeu en Ordes o oficio de xastre no obradoiro de Manuel Sousa, e ingresou nas Juventudes Socialistas. Foi elixido presidente de Unión Republicana de Ordes o 12 de xuño de 1936. Ao producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 colaborou na defensa de Ordes, pero cando cae en poder dos sublevados fuxiu ao monte. Logo dunhas semanas entregouse e foi xulgado en Compostela por traizón, sendo condenado a cadea perpetua. Permaneceu en prisión no cárcere da Coruña, participando en varios intentos de fuga, até que obtivo a liberdade vixiada o 22 de maio de 1941. Na súa estadía na prisión ingresou no Partido Comunista de España.
En 1945 incorporouse á guerrilla comunista. Foi procesado na causa 159/1946 da Coruña contra María Pérez Mellid, Benigno Andrade García, Pedro Oso Guerra, Manuel Pena Camino, Francisco Rey Drox, José Vázquez Míguez, Teresa Lorenzo Gallas e os irmáns Jesús, Carmen, Anselmo e José Balboa López. En xuño de 1946 ao morrer Marcelino Rodríguez Fernández (Marrofer) accedeu á xefatura da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, relanzando a súa actividade co aumento das accións guerrilleiras. Foi reclamado polo Xulgado Militar da Coruña en setembro de 1946.La Voz de Galicia, 17-9-1946, p. 5. Por mor dunha delación, a Garda Civil cercouno con varios dos seus homes e morreu no enfrontamento. Tamén caeron os guerrilleiros Manuel Rodríguez Suárez e Manuel Díaz Pan.
Vida persoal Casou con María del Carmen Rivas Vaamonde o 19 de novembro de 1935, coa que tivo dous fillos, Manuel Pablo (que morreu en 1937) e María del Carmen.
Na cultura popular Xosé Luís Méndez Ferrín adicoulle o poema "Na memoria de Ponte", do libro Poesía enteira de Heriberto Bens (1980). Dios ke te crew no seu tema "15.680" no que falan da vila de Ordes fan referencias como "terra" e "fogar do gran Manuel Ponte Pedreira".
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Frades Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en 1947 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes