Brazil é un filme británico-estadounidense dirixido por Terry Gilliam que se estreou no ano 1985. Está protagonizado por Jonathan Pryce e Robert De Niro, e obtivo dous nomeamentos ós Premios Óscar, á mellor dirección artística e ó mellor guión orixinal.

Sinopse Sam Lowry (Jonathan Pryce) é un tecnócrata eficiente pero soñador cun posto de terceira categoría dentro da xigantesca máquina burocrática que move (ou paraliza) a unha antiutopía opresiva, inhumana, afundida pola ineficiencia e ameazada polo terrorismo.

Un erro no apelido debido a unha mosca caída na testa dun teletipo, provoca a detención errónea dun inocente, de consecuencias fatais para este. Como oficialmente non existen erros no sistema burocrático, ninguén quere facerse cargo do papelorio agás o benintencionado Lowry. Durante a súa visita á familia do falecido ten un encontro casual coa súa veciña, á que recoñece como a muller dos seus soños. Pero ela foxe.

O descubrimento fai que, para poder obter información sobre ela, Sam sométese ós desexos da súa nai, unha narcisista recalcitrante e moi ben relacionada obsesionada con darlle unha carreira ó fillo. Así, Lowry comeza a súa escalada ás altas esferas a pesar da súa natureza escrupulosa e pouco ambiciosa.

Tanto a súa implicación no erro burocrático do principio, como a súa obsesión pola muller e os seus contactos cun fontaneiro clandestino complican a vida a Lowry ata o punto de que pasa a ser considerado unha ameaza para o sistema. Mentres, a pesar de moitas dificultades, é quen de acadar o amor da súa rapaza soñada.

Finalmente o Sistema, implacable, faise cargo de Sam Lowry e destrúeo mediante a tortura. Pero Lowry obtén refuxio na tolemia.

Personaxes Jonathan Pryce como Sam Lowry. Kim Greist como Jill Layton. Michael Palin como Jack Lint. Robert De Niro como Archibald “Harry” Tuttle. Katherine Helmond como Mrs. Ida Lowry. Bob Hoskins como Spoor. Derrick O'Connor como Dowser. Ian Holm como Sr. Kurtzman. Jim Broadbent como Dr. Jaffe. Ian Richardson como Sr. Warrenn. Peter Vaughan como Sr. Helpmann. Brian Miller como Sr. Buttle. Barbara Hicks como Mrs. Alma Terrain. Charles McKeown como Harvey Lime. Kathryn Pogson como Shirley. Bryan Pringle como Spiro (waiter). Sheila Reid como Sra. Buttle. Derek Deadman como Bill. Nigel Planer como Charlie. Gorden Kaye como Lobby Porter. Jack Purvis como Dr. Chapman. Elizabeth Spender como Alison/'Barbara' Lint. Myrtle Devenish. Holly Gilliam como Holly Lint. Terry Gilliam. Roger Ashton-Griffiths como o sacerdote

Influencias O director, Terry Gilliam referiuse a esta película como a segunda dunha triloxía formada por Os bandidos do tempo (1981) e As aventuras do Barón Munchausen (1989). As tres películas teñen como tema común a loita pola imaxinación e a liberdade de pensamento nun mundo que se opón ás devanditas ideas.

Esta película contén numerosos temas complexos e sutís aderezados cunha mestura de humor cruel e ideas que dificultan un seguimento lineal da trama pero que contribúen a crear un filme rico que pode ser visto en varias ocasións. A película posúe unha importante riqueza visual presentando unha visión infrecuente do futuro e con imaxes oníricas que admiten diferentes interpretacións.

Tamén contén numerosas referencias á serie de televisión británica dos anos sesenta The Prisoner e á novela de George Orwell 1984.

Na súa estrea a película tivo importantes dificultades en recadación. Con todo, permanece como unha película de culto entre os fans de Gilliam. A edición en VHS da cinta é unha versión máis curta de 131 minutos. A edición en DVD é a mesma que a película orixinal.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lista de títulos con versión en galego nas plataformas de streaming Ligazóns externas

Ficha en AllMovie Ficha en BoxOfficeMojo Ficha en RottenTomatoes

Categoría:Filmes de 1985 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes do Reino Unido Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes dirixidos por Terry Gilliam Categoría:Filmes de 20th Century Fox Categoría:Filmes de Universal Pictures Categoría:Filmes distópicos Categoría:Filmes de 1985 con versión en galego