StarCraft é un videoxogo de estratexia en tempo real de ciencia ficción desenvolvido e publicado por Blizzard Entertainment, lanzado orixinalmente para Microsoft Windows o 31 de marzo de 1998. Foi o primeiro xogo dentro da serie homónima. Unha versión para macOS foi publicada no 1999, e unha adaptación para a Nintendo 64 desenvolvida en colaboración con Mass Media foi publicada o 13 de xuño do 2000. O traballo neste xogo comezou pouco despois da publicación de Warcraft II: Tides of Darkness en 1995. StarCraft presentouse na E3 de 1996, recibindo nese momento unha comparación desfavorable co Warcraft II. Como resultado, o proxecto foi revisado e axustado por completo, presentándose ó público de novo a comezos de 1997 e obtendo nesta ocasión unha resposta máis positiva.

Ambientado nunha liña temporal ficticia durante o século XXV, o xogo trata sobre a loita pola dominación por parte de tres especies distintas dunha parte da Vía Láctea chamada o "Sector Koprulu". As tres especies son os Terran, humanos exiliados da Terra capaces de adaptarse a moitas situacións, os Zerg, unha especie alieníxena insectoide que procura a perfección xenética e a asimilación doutras especies, e os Protoss, unha especie humanoide con tecnoloxía avanzada e capacidades psiónicas que procura preservar a súa civilización e a súa estrita forma de vida e filosofía perante a ameaza dos Zerg.

Gran parte da prensa especializada enxalzou a StarCraft como un dos mellores e máis importantes videoxogos de tódolos tempos, e por ter marcado un estándar no desenvolvemento dos xogos de estratexia en tempo real. Con máis de 11 millóns de copias vendidas en todo o mundo a data de febreiro do 2009, StarCraft converteuse nun dos videoxogos para ordenador persoal máis vendidos da historia. O xogo recibiu críticas positivas por ser pioneiro no uso de faccións únicas dentro da mecánica de xogo da estratexia en tempo real, así como por posuír unha historia cativadora. O modo multixogador de StarCraft fíxose particularmente popular en Corea do Sur, onde xogadores e equipos organizados participaron en competicións profesionais, con patrocinios e torneos televisados. A historia de StarCraft foi adaptada e expandida por medio de varias novelas, da súa expansión oficial StarCraft: Brood War e por dúas expansións menores de terceiros autorizadas por Blizzard. A súa continuación titulada StarCraft II: Wings of Liberty foi publicada en xullo do 2010.

Mecánica de xogo O uso de tres especies distintas por parte de Blizzard Entertainment en StarCraft adoita considerarse como unha revolución dentro do xénero dos videoxogos de estratexia en tempo real. Tódalas unidades pertencen a unha única especie, e aínda que se poden facer comparacións xerais entre certos tipos de unidades, cada unha delas actúa de forma distinta e require o uso dunha táctica diferente.

A especie dos Protoss ten acceso a unidades individuais mecanizadas e poderosas así como tecnoloxías avanzadas, xunto a capacidades psiónicas. Porén, as unidades teñen un proceso de manufactura longo e caro en recursos, ó que favorece que o xogador siga unha estratexia que prime a calidade das unidades fronte a cantidade. A especie insectoide Zerg posúe unidades e estruturas completamente orgánicas, que poden producirse rapidamente e cun custo de recursos reducido. En concordancia, as unidades son relativamente débiles, polo que o xogador debe empregar estratexias que se basean no gran número e maior velocidade das súas unidades para superar os seus inimigos. Os Terran atópanse nunha posición intermedia entre as outras dúas especies, con unidades versátiles e flexibles, e acceso a un rango de tecnoloxías e maquinaria militar, como tanques e armas nucleares. Malia que cada especie é única na súa composición, ningunha presenta unha vantaxe innata sobre outra. Cada especie está balanceada para que a súa fortaleza xeral sexa a mesma aínda tendo diferentes unidades, poderes e capacidades. O balance entre elas foise axustando tamén por medio de diversas actualizacións publicadas por Blizzard.

StarCraft ten unha intelixencia artificial (IA) que vai escalando en dificultade, malia que o xogador non pode cambiar o nivel xeral de dificultade nas campañas dun só xogador. Cada campaña ten 30 misións, 10 por especie, e comeza coas faccións inimigas empregando un modo de IA doado, escalando durante o curso da mesma campaña ata chegar ós modos máis difíciles. No editor de niveis que acompaña ó xogo para o deseño e creación de mapas e niveis, o usuario pode empregar catro niveis de dificultades: "doado", "media", "difícil" e "loucura". Cada unha destas dificultades fai que a IA use un conxunto de unidades e tecnoloxías determinado e limita o alcance dos plans tácticos e estratéxicos da propia IA.

Xestión de recursos O xogador debe adquirir e manexar dous recurso para manter a súa economía no xogo e construír o seu exército: minerais e gas. Os minerais precísanse para tódalas unidades e estruturas, e obtéñense empregando unha unidade traballadora na extracción do recurso directamente dende os diversos nodos de minerais que se atopan repartidos no mapa. O gas precísase para construír unidades e estruturas avanzadas, e adquírese construíndo un edificio de extracción de gas sobre un géyser e usando unidades traballadoras que recollen o gas deste edificio. A maiores, o xogador precisa regular a subministración dispoñible para o seu exército asegurándose que pode construír o número de unidades que necesita. A natureza desta subministración varía entre especies. Os Terran usan subministración física por medio da construción de edificios de depósito, mentres que os Protoss usan enerxía psiónica canalizada dende o seu mundo natal por medio de estruturas chamadas "pylons", e os Zerg regúlanse mediante o número de unidades de control "Overlorld" presentes.

Construción de bases A construción de bases e edificios dos Protoss e Zerg está limitada a lugares específicos do mapa. Os edificios Protoss teñen que estar ligados a unha rede de enerxía, mentres que as estruturas Zerg teñen que construírse sobre unha alfombra de biomasa chamada "creep", producida por estruturas determinadas. Os edificios Terran teñen menos limitacións, e algunhas das estruturas primarias teñen a capacidade de engalar e voar lentamente desprazándose cara a un novo lugar. Os edificios Terran requiren que a unidade traballadora continúe a súa construción ata que o edificio estea completo, e cando reciben unha determinada cantidade de dano comezan a arder e poden quedar eventualmente destruídos por completo se unha das unidades traballadoras non os repara. Os Protoss pola contra só requiren que unha unidade traballadora comece o proceso de teletransportar o edificio, e os escudos das súas estruturas rexenéranse co tempo. Finalmente no caso dos Zerg son as unidades traballadoras as que se transforman fisicamente nas estruturas creadas, que poden rexenerarse lentamente co tempo.

Multixogador O modo multixogador realízase a través do servizo de Internet Battle.net de Blizzard. Un máximo de oito xogadores poden competir en varios modos de xogo, dende partidas competitivas ou casuais ata partidas de tipo rei da penela e capturar a bandeira. O xogo tamén incorpora diversos escenarios de tipos de xogo distintos, como unha simulación de fútbol americano, carreiras de motos ou competicións de caza de Zerg. StarCraft incluíu tamén a capacidade de instalacións limitadas múltiples, que permiten o xogo multixogador. Estas instalacións deben facerse dende o disco físico, requirindo a clave de produto ó igual que a instalación completa. Unha clave de produto permite oito instalacións limitadas, con acceso a Battle.net. Este tipo de instalacións non permiten xogar as misións dun só xogador, crear partidas multixogador ou empregar o editor de mapas. As publicacións máis recentes do xogo dispoñibles a través de Battle.net ou disco físico que inclúen compatibilidade con Windows Vista non permiten este tipo de instalacións limitadas.

Sinopse Ambientación StarCraft ten lugar nun universo de ciencia ficción creado por Chris Metzen e James Phinney para Blizzard Entertainment. Segundo a historia presentada no manual do xogo, o exceso de poboación da Terra a comezos do século XXIV provoca que goberno global do planeta force o exilio de parte dos seus habitantes, incluíndo a criminais, os que posúen aumentos cibernéticos e os mutantes, obrigándolles a colonizar partes máis distantes da galaxia. Nun intento de colonizar un sistema solar próximo ten un resultado negativo, dando como resultado a chegada da humanidade o "Sector Koprulu". Neste distante sector da galaxia os exiliados forman varios gobernos que comezan a ter conflitos entre eles. Un destes gobernos, a "Confederación do Home", emerxe eventualmente como a facción máis forte, pero a súa natureza opresiva e os seus brutais métodos para suprimir a disidencia provocan unha oposición rebelde masiva en forma dun grupo terrorista chamado "Fillos de Korhal". Previamente ós acontecementos do xogo, a finais do ano 2499, unha especie alieníxena que posúe tecnoloxía avanzada e poderes psiónicos, os Protoss, realiza un primeiro contacto coa humanidade ó destruír unha colonia da Confederación sen aviso previo. Pouco tempo despois os Terran descobren que unha segunda especie alieníxena, os insectoides Zerg, estivera infestando de forma encuberta a superficie de varias das colonias Terran, e que os Protoss están a destruír estes planetas para previr o avance dos Zerg. A historia do xogo comeza coa Confederación baixo estas ameazas de dúas razas alieníxenas e da rebelión interna.

Personaxes miniatura|Cosplay de Jim Raynor. O xogador asume o papel de tres personaxes sen nome durante o curso do xogo. No primeiro acto o xogador toma o papel dun maxistrado da Confederación na colonia de Mar Sara, ameazada polos Zerg e os Protoss, e por mor dos eventos que teñen lugar vese forzado a unirse á facción rebelde dos Fillos de Korhal liderada por Arcturus Mengsk. Xunto a Mengsk atópase Jim Raynor, un oficial da lei de Mar Sara, e Sarah Kerrigan, unha asasina psíquica e segunda no mando de Mengsk. No segundo acto o xogador toma o papel dun comandante do enxame Zerg. O xogador actúa baixo mando da "Overmind", a manifestación da consciencia colectiva dos Zerg e o antagonista principal da historia do xogo, e recibe consellos doutros comandantes de alto rango segundo vai conseguindo os obxectivos dos Zerg. No terceiro e último acto o xogador actúa como un "Executor" do exército Protoss baixo o mando de Aldaris, un representante do Conclave Protoss que está en conflito con Tassadar, antigo Executor dos Protoss, pola asociación deste último con Zeratul, un membro dun grupo herético coñecido como "Templarios Escuros".

Argumento