A historia da India na época precedente a 1947 é inseparable da historia do subcontinente asiático ao cal pertence esta nación. A civilización neolítica do III milenio a. C. estendíase no que hoxe é Paquistán e a parte occidental da República da India. A civilización védica estendeuse ata o I milenio a. C. sobre todo ao norte da India, desde o Panxab e a chaira do Ganxes ata Bangladesh.

Ao principio do período dos Reinos Medios, o norte da India estaba dominada polos arios, mentres que no sur a cultura dravidiana era prominente. A partir do século X, os imperios islámicos establecéronse no noroeste da India, culminando coa era Mogol. A historia colonial da India comeza no século XVII e esténdese ata o control da revolta por parte dos británicos en 1857. A independencia resultou na división do Raj Británico en tres Estados, é dicir India, Paquistán e Bangladesh.

Prehistoria

Paleolítico miniatura|Pintura rupestre en Bhimbetka Restos humanoides indican que a India foi poboada nun período que oscila entre 200.000 e 700.000 anos. Estímase que os primeiros poboadores humanos se estableceron no subcontinente hai 12.000 anos; os primeiros poboados confirmados data de fai 9.000 anos e atópanse en Bhimbetka, no actual territorio do estado de Madhya Pradesh.

Neolítico A cultura neolítica do sur de Asia comezou aproximadamente cara a 7.000 anos a.C no que hoxe é Baluchistán, Paquistán e é coñecida como a cultura Mehgarh. Esta comunidade era principalmente pastora e vivía en casas de barro, tecían cestas e atendían aos seus rabaños de cabras e aos seus cultivos. Ao redor de 1550 a.C, apareceu a elaboración de vasillas e outros obxectos. Esta cultura desapareceu hai uns 2.000 anos.

Idade de Bronce

O val do Indo

A transición entre comunidades agrícolas a comunidades urbanas máis complexas comezou entre o período de Mehgarh e 3.000 anos a.C. Este período marcou o principio dunha sociedade urbana na India, coñecida como a civilización do val do Indo, tamén chamada civilización Harappa, a cal chegou ao seu máximo desenvolvemento entre o 2800 e o 1800 a.C. Estaba centrada entre os ríos Saraswati e o Indo e estendíase ata as zonas de Ganges-Yamuna Doab, Gujarat e o norte de Afganistán.

Esta civilización fíxose notar polas cidades que construíu de ladrillos, con sistema de drenaxes e casas con múltiples cuartos. As referencias históricas máis antigas son as de Meluhla nos rexistros dos sumerios. Comparado coas civilizacións de Exipto e Sumeria (anteriores), a Civilización do Indo contaba cunha planificación urbana avanzada tecnicamente e con sistemas de medición sorprendentemente uniformes.

As ruínas de Mohenjo Daro foron nalgunha ocasión o centro desta sociedade. Os poboados da Civilización do Indo estendíase ata Bombai no sur, ata Delhi no leste, ata a fronteira con Irán no oeste e ata o Himalaia no norte. Entre as poboacións existían centros urbanos de certa importancia tales como os de Mohenjo-daro, Dholavira, Ganweriwala, Lothal e Rakhigarhi. No seu apoxeo estímase que esta rexión tivo unha poboación de máis de cinco millóns de habitantes. A día de hoxe, atopáronse máis de 2.500 cidades e poboados, principalmente na beira leste do río Indo en Paquistán, ao longo do que foi o río Saraswati. Pénsase que problemas xeolóxicos e o cambio do clima son os responsables de desecaren o río Saraswati, o que creou a aridez da rexión actual e a desaparición da civilización nesa rexión.

Estudos arqueolóxicos suxiren que as civilizacións do val do Indo dependían dos solos de aluvión dos ríos, o cal producía alto rendementos nas colleitas de cereais, grans e outros. Para o ano 2700 a.C a presenza dun Estado organizado é evidente, con regras xerárquicas e obras públicas de maior envergadura. A mediados do segundo milenio a.C, a rexión do val dos ríos, onde estaban sitos as dúas terceiras partes dos poboados atopados, desecáronse e os poboados foron abandonados.

Idade de Ferro

Era védica A civilización védica é unha cultura Indo-Ariana descrita en textos indoeuropeos compostos en sánscrito Védico. A orixe desta cultura non está aínda ben coñecida, pero si se sabe que orixinalmente era unha sociedade pastoral que se converteu posteriormente, nunha sociedade agrícola composta de catro varnas ou clases.

Os textos principais desta primitiva relixión védica eran os catro Vedás (aínda non se escribiran os Puranás nin os Upanishads).

Os Mahajanapadas

No ano 600 a.C existían dezaseis monarquías hereditarias na chaira do Indo-Ganges estendéndose desde Afganistán ata Bangladesh. As nacións máis grandes eran Magadha, Kosala, Kuru e Gandhara. O dereito ao trono, non importa como se logrou, era lexitimado polos sacerdotes, os cales compuñan xenealoxías ficticias dándolle ao rei orixes divinas.

Os ritos hindús eran complicados e realizábanos os sacerdotes. Disque os Upanishads, ou textos secundarios do hinduísmo antigo que se refiren principalmente a temas filosóficos, foron compostos ao principio deste período. A linguaxe da corte naquelas época era o sánscrito, existindo diferentes dialectos no norte da India coñecidos como prácritos (logo devidos en linguas vulgares, en oposición ao sánscrito dos textos sacros).

En 537 a.C, Gautama Buddha (Buda) crea o budismo, o cal inicialmente iría a suplir ao dharma hindú védico. Nese mesmo período, Mahavira fundou o xainismo. Ambas as dúas doutrinas eran simples e predicábanse en prácrito, o cal axudou á súa aceptación entre as masas. Aínda que o xainismo tivo un impacto limitado, o budismo estendeuse ao Tíbet, Sri Lanka e ao sueste de Asia.

Ao redor do ano 500 a.C, a rexión do Val do Indo foi invadida por Darío I, o rei persa, o cal converteu á India nunha satrapía do Imperio Achemenida. Os persas designaron a Taxila como a capital, pero a súa influencia foi marxinal e durou só 150 anos. Alexandre Magno derrotounos no cuarto século a.C, cruzando as montañas do Hindu Kush, invadindo o que é hogano Paquistán. Con todo as custosas campañas contra as forzas de Magadha e o desazo nas súas tropas, obrigou a Alexandre a replegarse logo de chegar ao río Beas en Punxab. Designou a gobernadores gregos para gobernaren a nova provincia adquirida, abrindo rutas de comercio entre a India e a Grecia. O reino de Alexandre o Magno ocupou a porción norte da península india e converteuse nunha nación marítima importante que comerciaba con Exipto e o Sueste de Asia.

Imperio de Magadha

Entre os 16 reinos Mahajanapadas, tivo prominencia o de Magadha baixo un número de dinastías que chegaron ao seu apoxeo baixo o reinado de Asoka Maurya, un dos emperadores máis lendarios e famosos da India. Este Imperio formouse tras a conquista de dous reinos adxacentes e posuía un forte poderío bélico.

Dinastía Shishunaga

A dinastía Shishunaga fundou o Imperio Magadha no ano 684 a.C, sendo a capital Pataliputra, próxima á actual Patna. Esta dinastía durou ata o ano 424 a.C cando foi desaloxada pola dinastía Nanda. Foi neste período onde naceron dous das maiores relixións da India, o budismo e mailo xainismo, mencionados con anterioridade.

Imperio Nanda

A dinastía Nanda foi establecida por un fillo ilexítimo do rei Mahanandin da dinastía Shishunaga. Mahapadma Nanda morreu á idade de 88 anos, reinando a maior parte dos cen anos que durou esta dinastía.

Imperio Maurya

No ano 321 a.C, o xeneral exiliado Chandragupta Maurya derrocou ao rei de Dhana Nanda, establecendo o imperio Maurya. Chandragupta foi sucedido polo seu fillo Bindusara, quen expandiu o imperio ata chegar a dominar a meirande parte do subcontinente, excepto polos extremos sur e leste da India. Durante este período, por primeira vez, o subcontinente foi gobernado centralizadamente por un só goberno.

O reino foi herdado polo seu fillo Ashoka, quen tamén tratou de expandilo. Após unha encarnizada guerra tras a invasión de Kalinga, Ashoka renunciou á violencia, converténdose ao budismo. Os editos de Ashoka son os documentos preservados máis antigos da India. So o seu reinado propagouse o budismo a través do suroeste de Asia, cambiando a historia e o desenvolvemento desta rexión. Recoñécese a Ashoka como un dos máis grandes rexentes que viu o mundo.

Idade Antiga

Imperio Shunga A dinastía Shunga foi establecida no ano 185 a. C., 50 anos logo da morte de Ashoka, cando o rei Brihadratha, o último da dinastía Maurya, foi brutalmente asasinado polo xefe das forzas militares, Pusyamitra Shunga, o cal ascendeu ao trono.

Reinos Medios Os Reinos Medios, particularmente os asociados coa dinastía Gupta, son tamén coñecidos como a Era Dourada da India, dado que foi unha época de desenvolvemento cultural incomparable. Os Kushanas invadiron o noroeste da India na metade do século I desde a Asia Central e fundaron un imperio que se estendía desde Peshawar á metade do Ganxes e posiblemente ata a Baía de Bengala. Tamén incluía Bactria (no norte de Afganistán e sur de Tadjiikistán). O seu poderío chegou a estenderse polo Turquestán e axudaron a propagaren o budismo na China. Na India varios reinos xurdiron. O máis antigo é o reino de Pandy ao sur de Tamil Nadu, sendo a capital Madurai. Os reinos Indo-Gregos que xurdiron após a conquista de Alexandre o Magno, gobernaron Gandhara desde o ano 180 a.C ao 10 d.C. Por aquel entón, o reino de Dravinian Pandyan, ao sur da India, comezou a tomar forma.

Imperio Satavahana

Os Satavahanas, tamén coñecidos como os Andharas, foron unha dinastía que gobernou o sur e centro da India ao comezo do ano 230 a.C. Aínda que non se sabe con exactitude canto durou esta dinastía as estimacións máis liberais indican que puido ser uns 450 anos. Antes da súa desaparición, con todo, o reinado desintegrárase en diferentes Estados, o cal unido ás ambicións dos rexentes feudais, ocasionou o seu declive.

Imperio Kushan

O imperio Kushan, que reinou durante o período do primeiro ao terceiro século d.C., estendeuse desde o Tadjiikistán ata o mar Caspio e do Afganistán ata o val do río Ganges. O imperio foi creado por tocarios no que é hoxe Turquestán Leste na China, pero era culturalmente dominado pola India do norte. Tiña contactos diplomáticos con Roma, a Persia e maila China e por varios séculos estivo no centro do comercio entre o Leste e o Oeste, expandindo o budismo a través da China.

Imperio Gupta

O século IV e V a dinastía Gupta unificou a India.

Durante este período, denominado a Era de Ouro da India, a cultura, ciencia e administración política hindú atinxiron o seu apoxeo. Logo da súa caída no século VI, a India dividiuse novamente en numerosos reinos rexionais.

A orixe desta dinastía non está ben coñecida, aínda que o viaxeiro chinés I'tsing fala deste imperio, así como os Puranas Védicos tamén fan referencia a el. O imperio chegou á súa fin despois do ataque dos Hunos do Centro de Asia. Uns descendentes menores do clan Gupta seguiron gobernando Magadha logo da desintegración do imperio. Estes Guptas foron finalmente derrocados polo rei Vardhana Harsha, que estableceu a mediados do século VII un imperio que rivalizou co dos Guptas, malia que foi de curta duración.

Últimos Reinos Medios miniatura|dereita|Buddha, século V Utar Pradesh, Mathura, período Gupta (Século IV - V)

Na época final dos Reinos Medios xurdiu o reino de Chola na zona norte de Tamil Nadu e o reino de Chera en Kerala. Os portos do sur da India comerciaban activamente co Imperio Romano e co sueste de Asia, principalmente en especias. No norte, o primeiro dos Rajputs, unha serie de reinados consolidáronse e chegaron a sobrevivir preto dun milenio ata a independencia da India da dominación británica.

Imperio Harsha

O rei Harsha de Kannauj logrou reunificar o norte da India durante o seu reinado no século VII. O seu reino colapsouse após a súa morte. Desde o século XVII ao IX, tres dinastías loitaron polo control do norte da India; os Prataharas de Malwa e despois Kannauj; os Pas de Bengala e os Rashtrakutas de Deccan.

Idade Media

Chalukyas e Pallavas